Ficha e Lectio - Domingo 14 de Ordinario A




LECTIO :

TRES CHAMADAS DE XESÚS

O evanxeo de Mateu recolleu tres chamadas de Xesús que habemos  escoitar con atención os seus seguidores, pois poden transformar o clima de desalento, cansazo e aburrimento que ás veces se respira nalgúns sectores das nosas comunidades.

Vinde a min todos os que estades cansos e angustiados. Eu heivos aliviar”. É a primeira chamada. Está dirixida a todos os que viven a súa relixión como unha carga pesada. Non son poucos os cristiáns que viven angustiados pola súa conciencia. Non son grandes pecadores. Sinxelamente, foron educados para teren sempre presente o seu pecado e non coñecen a alegría do perdón continuo de Deus. Se se atopasen con Xesús, sentiríanse aliviados.

Hai tamén cristiáns cansos de viviren a súa relixión como unha tradición gastada. Se se  atopasen con Xesús, aprenderían a viviren a gusto con Deus. Descubrirían unha alegría interior que hoxe non coñecen. Seguirán a Xesús, non por obrigación senón por atracción.

Cargade co meu xugo porque é levadeiro e a miña carga lixeira”. É a segunda chamada. Xesús non angustia a ninguén. Ao contrario, libera o mellor que hai en nós e proponnos vivirmos facendo a vida máis humana, digna e sa. Non é doado atoparmos un modo máis apaixonante de vivirmos.

Xesús libera de medos e presións, non os introduce; fai crecer a nosa liberdade, non as nosas servidumes; esperta en nós a confianza, nunca a tristeza; atráenos cara ao amor, non cara ás leis e preceptos. Invítanos a vivirmos facendo o ben.

Aprendede de min que son manso e humilde de corazón e atoparedes descanso”. É a terceira chamada. Temos de aprender de Xesús a vivirmos coma el. Xesús non complica a nosa vida. Faina máis clara e máis sinxela, máis humilde e máis sa. Ofrece descanso. Non propón nunca aos seus seguidores algo que el non viva. Invítanos a seguilo polo mesmo camiño que el percorreu. Por iso pode entender as nosas dificultades e os nosos esforzos, pode perdoar as nosas torpezas e erros, animándonos sempre a levantarnos.

Temos de centrar os nosos esforzos en promovermos un contacto máis vital con Xesús en tantos homes e mulleres necesitados de alento, descanso e paz. Entristéceme ver que é precisamente o seu modo de entenderen e de viviren a relixión o que conduce a non poucos, case inevitabelmente, a non coñeceren a experiencia de confiar en Xesús. Penso en tantas persoas que, dentro e fóra da Igrexa, viven “perdidos”, sen saberen a que porta chamar. Sei que Xesús podería ser para eles a gran noticia.

José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire



Comentarios

Publicacións populares