Domingo 16 de Ordinario - ciclo A

DOMINGO  XVI  ORDINARIO  -  CICLO A


Primeira Lectura         Sab 12, 13. 16-19
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Impós penitencia sobre os pecados
  
            Non hai, fóra de ti, un Deus que coide de todas as cousas,
a quen teñas que xustificar que non xulgas inxustamente;
            Xa que o teu poder é a fonte da xustiza,
e seres ti o dono de todo lévate a amosarte indulxente.
            Só fas proba da túa forza cando non se dá creto á totalidade dese poder, confundindo a audacia dos que o coñecen;
así, dominando a túa forza, xulgas con equilibrio
gobernándonos con toda consideración,
pois na man tes o poderío cando queres.
            Con feitos semellantes ensinaches ao teu pobo
que ao xusto lle cómpre ser humano;
e a teus fillos décheslles a ditosa esperanza
de concederlles despois dos pecados tempo de se arrepentir.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 85, 5-6. 9-10. 15-16a
R/.  (5a):  Ti, Señor, es agarimoso e indulxente.

Ti, Señor, es agarimoso e indulxente,
cheo de misericordia para os que te invocan.
Escoita, Señor, a miña súplica,
atende a miña pregaria.

Os pobos todos que ti creaches
virán, Señor, adorarte,
virán honrar o teu nome.
Ti es grande e fas prodixios,
ti es o único Deus.

Pero ti, Señor, Deus compasivo e clemente,
tardo á ira, cheo de misericordia e leal,
mira por min, apiádate.


Segunda Lectura     Rm 8, 26-27
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
O Espírito en persoa intercede por nós con xemidos máis fondos cás palabras
  
            Irmáns:
            O Espírito acode a axudar a nosa debilidade. Pois nós non sabemos o que debemos pedir como cómpre; pero o mesmo Espírito intercede por nós con laios inefables.
            E o Deus que escruta os corazóns, coñece a intención do Espírito, pois El intercede polos crentes, conforme á vontade de Deus.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. Mt 11, 25
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor dos ceos e mais da terra,
porque lles revelaches aos humildes os misterios do Reino.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 13, 24-43 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Deixade que as dúas medren ata a seitura
  
            Naquel tempo, contoulles Xesús outra parábola:
            ‑ Parécese o Reino dos Ceos a un home que sementou boa semente na súa leira. Pero mentres todos durmían, o seu inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. Cando espigou a planta e deu trigo, apareceu o xoio tamén.
            Os criados do dono fóronlle dicir: "Señor, ti non sementaras boa semente na túa leira? De onde lle vén, logo, o xoio?" El contestoulles: "Isto é obra dun inimigo".
            Os criados preguntáronlle: "Queres que o vaiamos arrincar?" El respondeulles: "Non, non sexa que ao collerdes o xoio arrinquedes tamén o trigo. Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir aos segadores: Apañade primeiro o xoio, e atádeo en monllos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña arca".
            E contoulles outra parábola:
            ‑ O Reino dos Ceos é semellante a un gran de mostaza que un home sementou na súa horta. A mostaza vén sendo a máis pequerrecha de todas as sementes; pero cando medra chega a ser meirande ca todas as hortalizas, converténdose nunha árbore; de tal xeito, que mesmo os paxaros veñen facer o niño nas súas pólas.
            Díxolles outra parábola:
            ‑ O Reino dos Ceos é semellante ao fermento que unha muller amasou en tres medidas de fariña ata que todo levedou.
Todo isto lle falou Xesús en parábolas á xente, e nada lle falaba que non fose por medio de parábolas. De xeito que se cumprise o que dixera o profeta:
            Abrirei a miña boca para dicir parábolas, proclamarei cousas escondidas desde que o mundo é mundo.
            Entón, deixando a xente, foise para a casa. Achegáronselle os seus discípulos e pedíronlle:
            ‑ Explícanos a parábola do xoio na leira.
            El respondeu:
            ‑ O que sementa a boa semente é o Fillo do Home; a leira é o mundo; a boa semente son os fillos do Reino; o xoio son os fillos do Malo. O inimigo que a sementa é o Satán; a sega é a fin do mundo e os segadores son os anxos.
            E así como se entrecolle o xoio e se bota no lume, así pasará na fin do mundo. Mandará o Fillo do Home os seus anxos, e quitarán do seu Reino todos os escándalos e a todos os que fan o mal; e botaranos no forno do lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes.
            Entón, os xustos resplandecerán coma o sol no Reino de seu Pai. Quen teña oídos que escoite.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo



Ou: 24-30 (máis breve):

LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

            Naquel tempo, contoulles Xesús outra parábola:
            ‑ Parécese o Reino dos Ceos a un home que sementou boa semente na súa leira. Pero mentres todos durmían, o seu inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. Cando espigou a planta e deu trigo, apareceu o xoio tamén.
            Os criados do dono fóronlle dicir: "Señor, ti non sementaras boa semente na túa leira? De onde lle vén, logo, o xoio?" El contestoulles: "Isto é obra dun inimigo".
            Os criados preguntáronlle: "Queres que o vaiamos arrincar?" El respondeulles: "Non, non sexa que ao collerdes o xoio arrinquedes tamén o trigo. Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir aos segadores: Apañade primeiro o xoio, e atádeo en monllos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña arca".

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


NON HAI XUSTIZA SEN HUMANIDADE: SÓ RECOÑECENDO O OUTRO COMA IGUAL PODEMOS POÑER EN PÉ A GRAN TAREFA DO REINO 
16º TOA 2014
ESCOITA ACTIVA 
Unha das frases da primeira lectura de hoxe dinos que “ao xusto cómprelle ser humano”. Por aquilo de que as lecturas se dividen en tres ciclos, as persoas que adoitamos participar os domingos nas celebracións da comunidade cada tres  anos temos escoitado esta frase. Porén, quizais  a pesar de tela escoitado moito, non lle temos prestado a atención que ela merece, porque en algo tan sinxelo como son estas cinco palabras, agóchase unha estupenda síntese na que poderiamos resumir a fe cristiá. A salvación da que tantas veces falamos en abstracto non ten outra concreción que a capacidade que nós teñamos de ir facendo visible a xustiza de Deus e o recoñecemento da humanidade no actuar en relación cos demais. Só deste xeito poderemos poñerlle rostro e sentido ás palabras. Do contrario non faremos máis ca poesía, pero a poesía non é seguimento de Xesús nin construción do reino ao que nos chama o evanxeo. Dispoñamos logo o corazón para participar desta celebración, que será gozosa e esperanzada se os que participamos nela nos achegamos dispostos a poñer o mellor de nós.  

CORAZÓN MISERICORDIOSO 
·   Porque nos falta capacidade de agarimar e nos sobran miradas que nos distancian e xulgan, SEÑOR, QUE A INDULXENCIA AGROME EN NÓS. 
·   Porque somos xusticeiros, pero non xustos. CRISTO, QUE A INDULXENCIA AGROME EN NÓS. 
·   Porque somos de oído duro e man pechada, SEÑOR, QUE A INDULXENCIA AGROME EN NÓS. 

PALABRA ENRAIZADA 
·   Utilizamos moito o substantivo xustiza, o que non está tan claro é que o utilicemos do xeito adecuado. Porque a xustiza non é aplicar na vida -na nosa ou na dos demais-, os nosos criterios, ou o que nos parece mellor;  senón que a xustiza supón e esixe recoñecer/nos primeiro como persoas con dignidade e merecedores de respecto, independentemente de que teñan criterios parecidos aos nosos, pertenzan a outras crenzas ou a súa visión da realidade sexa moi distinta da nosa. A clave para entender isto que estamos a dicir dánola a frase á que faciamos referencia ao comezo da celebración e que atopamos na primeira lectura, do libro da Sabedoría. E dános a  clave para entender a xustiza  porque pon esta en relación cun actuar humano, co actuar humanizador. É dicir, co xeito de facer as cousas no que a persoa ocupe o primeiro lugar da escada de valores e principios desde os que nos movamos. Sendo importantes outras moitas cousas para poder vivir e facernos a vida moito máis doada, é necesario distinguir ben unha cousa da outra, para non caer na esquizofrenia de quen xa non distingue e o confunde todo. Algo disto está a pasar neste mundo no que vivimos e que, entre  todos  imos construíndo. Nel, moitas veces, xa non distinguimos que e núcleo e que é casca. Ou o que é o mesmo, non  diferenciamos o fundamental do accesorio, o que nos está a traer confusións e dor. Non hai máis que ver un telexornal, escoitar un informativo ou ler unha nova no xornal. Para lavarnos a conciencia acostumamos a dicir que a xente está tola ou preguntarnos onde imos parar con estes comportamentos....Pero poucas veces nos preguntamos: e eu, que fago, alí onde estou: familia, traballo, barrio, parroquia… para evitar esta confusión e desconcerto? Laiarse é doado, pero coller  o touro polos  cornos e non ter medo a expresar, e tamén explicar, que non todo vale nin é o mesmo sabendo argumentar con razóns e reflexións a quen o confunde todo, esixe perder  a vergoña e non ter complexo de inferioridade. Por iso non sempre é doado dar razón do que pensamos que debe ordenar a vida para que esta camiñe no binomio xustiza–humanidade. Sendo verdade que Deus coida de nós, non é menos verdade que nós tamén debemos coidar de canto Deus foi creando, e de entre todo, o máis importante, e isto non ten rebaixa, é o ser humano, ao que nos dotou de dignidade e capacidade de pensar, sentir e compartir. Deixemos logo que a sabedoría de Deus enchoupe o noso quefacer cotián! 


·   Para poder ir desenvolvendo este proxecto de Deus  artellado  no binomio xustiza/humanidade, é necesario sentirse forte, ou polo menos, con capacidade de afrontalo sen medo nin vergoña pola nosa parte, cousa que non sempre somos capaces de levar a cabo. De aí que necesitemos un “plus” de forza que tamén nos ofrece ese Deus que é comuñón para cantos cremos nel. A  isto se refire Paulo cando lles  escribe aos cristiáns de Roma, e lles di que na debilidade, cando parece que todo se derruba, que nada vai quedando en pé –pensamento/tentación na que caemos cando nos deixamos levar da desesperanza-, o Espírito acode na nosa axuda. É esta unha fermosa imaxe que Paulo nos presenta de Deus como aquel que terma, acompaña, agarima e coida, con grande tenrura de nós. Non é logo que Deus se afaste de nós, ou faga oídos xordos á nosa oración –“ata cando Señor …  dicimos no salmo-, máis ben, somos nós os que endurecemos o oído para non prestarlle atención á invitación que nos fai de seguilo. Falar entón do Espírito é falar da forza que recibimos para afrontar retos, superar dificultades, manter proxectos ou xerar ilusións. O Espírito, como forza e estada, sempre acode na nosa axuda e na nosa debilidade para termar de nós. Na confesión de fe que rezamos cada domingo dicimos que cremos no Espírito Santo. Poñamos en valor esta afirmación deixándonos enchoupar da súa presenza e da lóxica da comuñón á que nos chama e invita. Facer comunidade, crecer como comunidade e actuar no nome da comunidade, non sería posible, e se o fose, dificilmente aguantaría os avatares e a dureza da proba, se o Espírito non fose o compañeiro nesta andaina que imos construíndo de facer do mundo reinado de Deus.  

·   Dispostos sempre a deixarnos agarimar por esta presenza, ben seguro que atoparemos os folgos necesarios e suficientes para ir sabendo distinguir o xoio do trigo. É dicir, como diciamos antes, que non todo é o mesmo, que necesitamos organizar e aprender a descubrir que é o importante, e que cousa non o é, inda que estea moi de moda, o fagan todos, ou sexa “trending topic” nas tan afamadas hoxe, redes sociais. Por iso é tan fundamental buscar momentos onde poidamos formarnos, reflexionar e compartir as nosas dúbidas e preocupacións, para ir aprendendo a construír sobre bos alicerces, ou sobre terreo ben abonado. Distinguir o que humaniza daquilo que nos fai escravos e sometidos, non sempre é fácil, por iso é tan importante formarnos, coñecer e diferenciar, para non confundirnos nin deixarnos ir como arrastrados por quen berra máis, manipula mellor ou aparece máis veces na TV. Non porque unha cousa se diga, se vexa ou repita moitas veces se converte en boa se non o é. Na vida, xoio e trigo van camiñando tan á  xunta que moitas veces, se non poñemos a atención debida, poden confundirse, e para evitar esa confusión, son necesarios os criterios. Fronte ao xoio, necesitamos a mostaza. Ela, sendo unha semente pequena, vai pouco a pouco crecendo ata converterse nunha grande árbore. Así ha ser tamén a nosa vida:  pequenos pasos que imos sementando desde a xustiza e a humanidade, para que un día poidan dar moito froito, e fagamos de verdade reinado de Deus. 

FRATERNIDADE ORANTE 
 Deus sementa no medio da comunidade o pequeno gran de mostaza para que vaia dando froito de boas obras de xustiza e humanidade. Poñamos o corazón en actitude de dar o mellor dos froitos dicindo  xuntos:  
QUE A TÚA SEMENTE DEA FROITO EN NÓS 
·   Para que  a Igrexa sexa campo no que poder sementar trigo de xustiza e humanidade, OREMOS. 
QUE A TÚA SEMENTE DEA FROITO EN NÓS  
·   Para que  as nosas parroquias crezan en capacidade de acollida, misericordia e entendemento, OREMOS. 
QUE A TÚA SEMENTE DEA FROITO EN NÓS  
·   Para que a nosa vida sexa un campo no que poder sementar tenrura, solidariedade, empatía e capacidade de darnos aos demais, OREMOS. 
QUE A TÚA SEMENTE DEA FROITO EN NÓS 

Grazas, Señor, por invitarnos a distinguir o xoio do trigo. Que a forza do Espírito Santo nos guíe sempre nesta tarefa. P.X.N.S. Amén. 

MIRADA DE ESPERANZA 
Ti es, Xesús, a primeira semente do Reino de Deus.
Ti es a primeira árbore, o primeiro lévedo.
O Reino de Deus vén contigo.
Se che damos fe, nós tamén seremos Reino de Deus.
E medraremos.
E teremos sitio para todas as persoas que veñan.
E fermentaremos.
E faremos fermentar a todas as persoas que atopemos.
Medrará na escuridade a túa semente dentro de nós,
con toda seguridade.
E medrará nos nosos compañeiros.
E sementaremos, todos xuntos,
contigo,  unha semente,
unha semente co teu nome no campo do mundo.
E será a terra,  por  nós,
un pouco máis que antes, Reino de Deus.

CANTO GOZOSO 
ENTRADA: 
Non vou so
LECTURAS: 
Ti es o pan do ceo
OFERTORIO: 
Na nosa terra
COMUÑÓN: 


POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares