FICHA E LECTIO: Domingo 30 do Tpo.Ordinario A

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2


LECTIO:

Sen amor a treu non hai amor a Deus

 (25 de outubro de 2020)

            Aproveitándose das trapelas que lle preparaban os representantes da relixión xudía do seu tempo, Xesús segue a nos ofrecer a súa visión sobre temas importantes que afectan a nosa vida. É o froito da súa íntima e inimaxinábel relación con Deus-Pai. O que el nos di ou comenta non é senón o que Deus Pai, pai seu e pai noso, nos quere comunicar a nós e ó mundo.

            “Mestre, cal é na Lei o gran mandamento?”. Tal é a pregunta que lle fai un doutor da lei de entre os fariseos. Cuestión en principio doada de responder. Deus é o primeiro de todo, a nosa orixe, o que nos deu vida, o que nola sostén e que quere que esa nosa vida perdure por toda unha eternidade. Deus creador non tiña necesidade de nós para nada. Por iso, se nos creou é porque nos quere, porque desexa facernos partícipes a todos da súa vida e do seu amor. A consecuencia é que deberiamos agradecerllo e amalo. Iso si, el vai insistir na súa resposta en que ese amor a Deus, que tan gratuitamente nos quere, haberá de realizarse “con todo o corazón, con toda a alma e con todo o entendemento”. É unha maneira de nos dicir que o noso amor a Deus non debería ter límite ningún a pesar da nosa propia e humana limitación. Por iso, para que tal amor se realice fará falla toda unha vida e mais toda unha eternidade.

            Mais na súa resposta irá alén da pregunta formulada polo doutor da lei. Porque el quere darlles a entender ós seus interrogadores que as cousas que se refiren a Deus e a este primeiro mandamento cambiaron radicalmente dende que Deus se converteu con Xesús en “Deus connosco”, en Deus encarnado, en compañeiro e irmán noso. O Deus do Antigo Testamento é agora -coa aparición entre nós de Xesús- un Deus humanizado, un Deus que lle dá importancia infinita a tódalas persoas, a nós e mais a tódolos seres humanos de toda a historia humana. Todos somos agora fillos de Deus e irmáns-irmás  do seu Fillo.

            Polo tanto, dende que Deus se quixo facer presente entre nós, de maneira inimaxinábel e insospeitada, en Xesús, non é abondo xa con dicir que amar a Deus é o primeiro mandamento. Non. Hai que lle engadir de contado a tal mandamento que hai outro segundo sen o cal o cumprimento do primeiro non resulta suficiente e nin sequera chega a se cumprir de verdade.

            É por isto precisamente polo que Xesús dirá que o segundo mandamento é “semellante” ó primeiro. Un segundo mandamento que na súa formulación é moi breve, mais de longos e amplos horizontes e esixencias: “Amarás o teu próximo como a ti mesmo”. En definitiva, non se pode dicir xa que un cumpre co primeiro mandamento se non cumpre co segundo. Ninguén pode dicir, xa que logo, que ama a Deus se non ama o seu próximo, o seu irmán, a súa irmá. A mutua irmandade aféctanos a todos e cada un de nós.

            Hai incluso unha medida dese noso amor mutuo. Trátase dunha medida de moi doada comprensión. A diferenza do primeiro mandamento, sobre o que se nos di que o debemos realizar ou cumprir “con todo o corazón, alma e entendemento” (e que nos pode resultar unha medida incomprensíbel e inalcanzábel), as cousas cambian ben no que se refire ó segundo. ¿Ou é que non sabemos como nos queremos ou amamos a nós mesmos? Máis que sabelo, vivímolo en todo intre e en calquera circunstancia. Procuramos que non nos falle o aire para respirar, os alimentos para comer, a casiña ou o pisiño que nos protexan e defendan, etc. etc. Iso de amármonos a nós mesmos facémolo coa meirande espontaneidade e naturalidade do mundo e sen que nolo mande ninguén. Se a cousa non fose así, dende hai moito tería xa desaparecido a humanidade e nin sequera estariamos xa aquí.

            Pois ben, esa é a medida que nos pon Xesús para cumprirmos o segundo mandamento: amar os demais como cada un se ama a si mesmo. Unha medida que, por comprensíbel  e doada de entender que sexa, non deixa de ser moi alta e esixente.

            Como vedes, o quererse a si mesmos, o “egoísmo” ben entendido, é algo que se converte en esencial para sabérmonos orientar no amor a Deus e ó próximo. Neste sentido poderiamos dicir que se alguén non se quixera realmente a si mesmo, tampouco sería capaz de querer os demais ou mesmo a Deus.

            En relación con isto, nalgún sitio lin algunha vez que na vida cristiá  deberiamos ocuparnos de tres cousas esenciais, que teñen todas elas relación co amor. O amor é unha única realidade con tres caras diversas: amor a Deus, amor ó próximo e amor a si mesmo. Desde nenos aprendemos, en relación co misterio da Santísima Trindade, que hai “tres persoas distintas e un só Deus verdadeiro”. Agora ben, en relación co amor, poderiamos dicir algo semellante: hai tres amores distintos e un só amor verdadeiro. Eses tres amores distintos son o amor a Deus, o amor ó próximo e o amor a si mesmo. Tres amores nos que se amosa de distintas formas o mesmo e único amor que debería presidir a cotío as nosas vidas.

            Xa vedes como Xesús nos fai doado ou sinxelo o noso modo de proceder e de actuar na vida, reducindo a multitude de mandados e prohibicións que tiñan os xudeus a só dous mandados ou, se queredes, a tres: amar a Deus, amar o próximo e amarse si mesmo. O último, amármonos a nós mesmos, resúltanos cousa doada. O problema está só no segundo mandamento, o de amar o próximo, porque se o cumprimos podemos dicir tamén que cumprimos xa fundamentalmente co primeiro.

            Os coñecedores das prácticas relixiosas dos xudeus e dos rabinos que os instruían no tempo de Xesús infórmannos de que se podían contar, nada máis e nada menos, que 613 mandamentos, dos cales 248 eran preceptos e 365 prohibicións. Todos eles tiñan, ademais, o mesmo nivel de esixencia.

            Podemos dicir que Xesús nos liberou verdadeiramente deste complicado mundo normativo antigo para centrármonos nunha soa dirección: a do amor. En realidade, se, como proclamaba Xoán, Deus é “amor”, entón Xesús, o Fillo benquerido de Deus, non podía mandarnos facer outra cousa có que o mesmo Deus Pai fai: amar, amar o seu fillo e amarnos a todos nós. Amar, esa é palabra que non pasa.

            Unha tarefa que en calquera caso non remata no curto proceso da nosa vida e que precisa de toda unha eternidade, aquela que Deus mesmo nos garante coa promesa da resurrección.

 

Manuel Cabada Castro

 



VER TAMÉN:




Comentarios

Publicacións populares