FICHA E LECTIO: Todos os Santos - ciclo A
Santos
que viviron connosco
(1 de novembro de 2020)
Hoxe
comezamos o mes de santos, tal como chamamos tamén o mes de novembro. A razón
diso é ben clara: este mes empeza sempre coa festividade de tódolos “santos”.
Son, pois, estes santos que hoxe celebramos os que lle dan nome ó mes no que,
ademais, mañá faremos tamén lembranza de tódolos defuntos. Así pois, hoxe e
mañá santos e defuntiños andan mesturados en boa compaña. É bo que así sexa.
Porque, por un lado, os primeiros declarámolos santos só despois de morreren e,
por outro lado, debemos confiar e esperar tamén que tódolos defuntos sexan
aceptados polo Deus Pai de todos como queridos fillos e como participantes na
mesa do seu reino.
Lembramos
hoxe, polo tanto, os nosos santos, os “normais”, os de andar por casa máis cós
oficialmente xa canonizados ou solemnemente considerados como tales. E mañá
lembraremos os defuntos, os queridos defuntos, que na nosa terra tiveron e
seguen a ter tanta relevancia cultural, social e relixiosa. Moitas lendas,
moitos imaxinarios da nosa Galicia tradicional teñen que ver con isto. Aí está,
por exemplo, a “Santa Compaña”, a celebración nestes días do tradicional
Samaín, presente tamén noutras culturas celtas como a irlandesa: candeas e
cabazas, que recordan as caveiras dos defuntos; magostos coa degustación das
primeiras castañas e do viño novo. Todos eses rituais están tradicionalmente
moi relacionados co mundo do alén, cos defuntos e cos santos, como ben nos aclaran
os antropólogos.
As
dúas festividades, a de Tódolos Santos e a de Tódolos defuntos están, polo
tanto, moi relacionadas entre si. Temos, ademais, dereito a esperar que o amor
que Deus Pai-Nai nos ten sexa quen de facer que a salvación que nos trae Xesús
afecte universalmente a todos. Quero dicir, temos dereito pola graza de Deus a
esperarmos que a salvación nos abranga a todos. Baseándonos sobre todo na
bondade e misericordia deste noso Deus paternal e maternal. Deus quere salvarnos
a todos. Os teólogos fálannos neste sentido da vontade salvífica universal
divina. Deus é suficientemente poderoso e misericordioso para acadar que a súa
vontade de salvación e o seu amor a todos non rematen en fracaso.
Por
estas e outras razóns, a Igrexa celebra hoxe nunha festividade conxunta e
especial, “tódolos santos”, todas aquelas persoas que en moi diversos tempos,
lugares e culturas foron fieis a Deus e ás súas conciencias, aínda que puidesen
ter fallado máis dunha vez no seu intento en diversos momentos da súa
existencia. Persoas que foron tamén pecadoras, mais que recoñeceron ante si
mesmos, ante os demais e ante Deus que o foron e por iso pediron perdón. Porque
Deus é quen de nos salvar a pesar dos nosos pecados e dos nosos fallos. E se
Deus nos salva así, tamén temos dereito a esperar que algún día sexamos tamén
nós lembrados e celebrados nas vindeiras festividades de “Tódolos Santos” que
se celebren tras deixarmos este mundo.
De
maneira significativa, fálasenos hoxe no libro da Apocalipse dunha “multitude
inmensa, que ninguén daría contado, de tódalas nacións, razas, pobos e
linguas”. Algo que semella corresponderse con esa vontade salvífica universal de Deus que se nos manifesta
claramente en Xesús, o Fillo de Deus, no que a humanidade toda está reconciliada e “santificada”. Deus non veu en
Xesús salvar algúns, senón todos. Por iso temos pleno dereito, tal como dicía,
a confiar e a esperar.
A nosa fe nesta “inmensa
multitude” de “santos”, de xente “boa”, de “corazón
limpo”, “pobres, “amadores da paz”, etc., cos que grazas a Deus nos
atopamos con frecuencia na vida, baséase fundamentalmente na grandeza,
magnanimidade e bondade do Deus Pai-Nai de todos. Por iso, Xoán non dubida en
nos dicir na segunda Lectura de hoxe cousas coma estas: “Mirade que amor nos
tivo o Pai, para nos poder chamar fillos
de Deus e selo de verdade”. E engádesenos
aínda: “Agora somos fillos de Deus e
aínda non se manifestou o que seremos. Sabemos que cando se manifeste seremos semellantes a El, porque o veremos tal como é”. Deus amósase así
meirande ca canto sobre el podemos maxinar. En realidade, ¿podemos pensar
nalgún pai ou nai que, se a cousa estivese na súa man, non convertese os seus
fillos nos máis grandes, nos máis felices, nos máis ditosos, nos máis
excelentes?
En calquera caso, Deus quere e busca a nosa “santidade” conxuntamente coa nosa “felicidade” por camiños que de entrada nos poderían parecer contrarios a esa mesma felicidade. Pois para Xesús a felicidade só se acada polos camiños da pobreza e da solidariedade cos necesitados, cos que sofren, cos que non teñen ninguén que fale a prol deles. Ese é precisamente o estraño contido da proclamación das chamadas benaventuranzas ou felicidades que se nos anuncian hoxe no evanxeo e que non son senón un fiel retrato do que foi a vida mesma de Xesús. Dísenos, pois, nelas que serán benaventurados, é dicir, felices, os que teñen espírito de pobres, os que sofren e choran en comuñón cos que están aflixidos, os que non se comportan de maneira violenta por moito que a violencia os tente, os que se preocupan pola realización da xustiza e loitan e traballan por ela e mais pola paz aínda que por iso sexan denunciados e perseguidos polos poderosos, os que teñen coma Xesús corazón misericordioso e non vingativo ou condenador. É dicir, os que teñen un corazón sinxelo e limpo coma as augas que flúen, transparentes e cantareiras, dunha fonte pura e sa. Todas elas e eles acadarán felicidade no interior de si e serán quen tamén de espallala ó seu arredor.
Hoxe é, pois, un bo día para lle pregar ó Deus Pai que nos encha do espírito das benaventuranzas e que a lembranza viva de tódolos santos e defuntos sirva para podermos todos participar da súa graza e da súa gloria.
Manuel
Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario