MANIFESTO 2020: IGREXA POLO TRABALLO DECENTE

 


Xornada Mundial polo Traballo Decente. 7 de outubro 2020

MANIFESTO DA INICIATIVA IGREXA POLO TRABALLO DECENTE (ITD)

MOVÉMONOS POLO TRABALLO DECENTE

Por sexto ano consecutivo, as organizacións que integramos a Iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD) reivindicamos e celebramos o 7 de outubro, a Xornada Mundial polo Traballo Decente, para facer visible a precariedade que sofre o mundo do traballo, aumentada pola situación de emerxencia sanitaria provocada pola pandemia mundial da COVID-19. A crise da pandemia puxo de relevo as debilidades estruturais do Estado de benestar en España e a necesidade do traballo decente para o desenvolvemento dunha sociedade fraterna. Esta crise ensinounos que se pode consumir menos e mellor, que o servizo daqueles oficios menos valorados, social e economicamente son os que sosteñen a vida e o coidado comunitario.

A realidade en que nos atopamos está a visibilizar as consecuencias dun modelo produtivo incapaz de xerar emprego con alto valor engadido e marcado polas altas taxas de precariedade laboral. Con empregos que se destrúen, cifras de ERTE e paro disparadas, protección social que non está a chegar a quen ten dereito (como no caso do ingreso mínimo vital ou a prestación para as empregadas de fogar) e miles de persoas sen posibilidade de acceso á mesma por exercer a súa actividade na economía mergullada. Demasiados empregos considerados esenciais manteñen condicións laborais tan precarias que algunhas veces rozan a vulneración de dereitos e moitas a imposibilidade do sostemento da vida. Isto está a supoñer que multitudes se vexan abocadas a acudir aos servizos sociais e á axuda veciñal para poder subsistir. É aquí onde se manifestou a maior experiencia de solidariedade e apoio común que descubrimos nesta circunstancia tan extraordinaria, unha experiencia de unidade na adversidade que fixo que nos movamos polo ben común. Temos que valorar o traballo humano na medida que nos dignifica como fillas e fillos de Deus, corresponsables co coidado da vida e a creación.

“Hoxe empecei a traballar, o primeiro día de traballo foi duro. No meu contrato figura unha xornada real de catro horas e media, e en realidade foron case nove…, con moita presión por parte do xefe, e case ningunha comunicación”. Este podería ser o caso de calquera persoa, home ou muller, nova ou adulta…, con necesidade dun salario para poder comer, vivir, sustentar a unha familia... Sensibles a esta realidade, somos conscientes que necesitamos movernos en comunidade, axuntar esforzos, buscar apoios e seguir reclamando un traballo decente e de xustiza social que faga oír a nosa voz nos nosos barrios, ante as organizacións sindicais e nas institucións de goberno.

Ante estas situacións necesitamos alzar a voz, pelexar e loitar cada vez con máis forza para que o traballo decente sexa posible, necesitamos unha esperanza que nos permita ver o horizonte a través destas situacións que padece o mundo do traballo. Movémonos polo traballo decente, móvete connosco porque este compromiso humanízanos.

Urximos a adoptar as medidas necesarias para conseguir que o traballo decente sexa unha realidade accesible para todas as persoas, con condicións que permitan manter unha vida digna e que a protección social chegue a todas as persoas que o necesitan.

Por iso, nesta Xornada Mundial, en Igrexa polo Traballo Decente, movémonos e reivindicamos:

·         Apostar por un novo sistema produtivo, capaz de xerar empregos con alto valor engadido e que poña á persoa no centro.

·         Lograr o recoñecemento social e laboral dos empregos esenciais para a vida e que estes teñan unhas condicións laborais dignas que permitan ás persoas saír da pobreza.

·         Recoñecer o dereito á protección social sen que estea supeditado á vida laboral.

·         Garantir que o ingreso mínimo vital sexa unha realidade para as persoas que o necesitan, dotando ás institucións dos recursos necesarios para a súa xestión.

·         Asegurar a percepción do subsidio extraordinario ás traballadoras de fogar e que se recoñeza o seu dereito á prestación por desemprego do mesmo xeito que para o resto de persoas traballadoras.

Como movementos de Igrexa, en ITD traballamos en equipo co fin de visibilizar a loita por conseguir que o traballo decente sexa cada día máis real na vida das persoas e respectuoso coa casa común. “Para a Igrexa non se trata soamente de predicar o Evanxeo…, senón de alcanzar e transformar coa forza do Evanxeo…” (Paulo VI)

Animámosvos a participar nos actos reivindicativos e celebrativos en todas as prazas e parroquias das dioceses, na súa organización e difusión.



Comentarios

Publicacións populares