Domingo 27 do Tpo. Ordinario - ciclo A
GUIÓN LITÚRXICO EUCARISTÍA - XORNADA MUNDIAL POLO TRABALLO DECENTE
(4 outubro 2020 – XXVII Domingo do Tempo Ordinario)
Benvidos
todos e todas a esta Eucaristía do vixésimo sétimo domingo do tempo ordinario.
O vindeiro mércores 7 de outubro a Igrexa celebra, xunto coas organizacións da
sociedade civil, a Xornada Mundial do Traballo Decente.
Neste
momento no que pagamos e seguimos pagando un alto prezo pola pandemia, tanto en
vidas humanas como laboralmente, o risco é que nos golpee un virus aínda peor,
o do “egoísmo indiferente”,… Agora máis que nunca habemos defender o traballo
decente, para que nestas situacións, o traballo sexa fiel reflexo da sacra
dignidade da persoa. Vemos como crece o número das persoas que perderon o seu
emprego e non atopan outro para poder vivir dignamente, enfrontándose a
situacións prolongadas de paro ou de traballo precario ou mesmo en condicións
abusivas. É esencial que, como Igrexa, tomemos conciencia da importancia do
traballo para a vida das persoas e da necesidade de defender o traballo decente
para todos e todas. Sen esquecer que para que o traballo sexa bo, debe
contribuír ao desenvolvemento humano integral das persoas.
ACTO PENITENCIAL
·
Porque non nos comprometemos de forma constante e eficaz
contra o desemprego e a precariedade. Señor, ten piedade de nós.
·
Porque o noso egoísmo fainos esquecer aos e ás que quedan
atrás. Cristo, ten
piedade de nós.
·
Porque nos custa manter a esperanza nos tempos difíciles. Señor, ten piedade de nós.
MONICIÓN Á PRIMEIRA LECTURA
Esta
primeira lectura que nos propón a liturxia, é exactamente a mesma liña de
mensaxe do evanxeo. Isaías mostra o traballo de Deus pola súa viña como un acto
continuo de amor. E o amor son obras, traballos de Deus polo seu pobo. O que
Deus espera do seu pobo é que responda no mesmo plano e sexamos corresponsables
como fillos e fillas de Deus, co acompañamento dos máis desfavorecidos e o
coidado da creación.
Pero
o pobo non responde e en Israel hai terribles inxustizas sociais, explotación
das persoas pobres por parte dos ricos, esquecemento da Lei e da fidelidade a Iavé.
A
predicación de Isaías oscila entre a proclamación do amor de Deus ao seu pobo,
a urxencia da conversión e a ameaza das desgrazas que caerán sobre o pobo.
Primeira Lectura Is 5, 1-7
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
A viña do Señor poderoso é a casa de Israel
Voulle cantar no nome do meu amigo unha canción de amor á súa viña.
Tiña o meu amigo unha viña nunha das fértiles ladeiras.
Cavou, quitoulle as pedras, e plantouna de cepa selecta;
construíu no medio dela unha torre e tamén dispuxo un lagar;
esperaba que dese boas uvas, pero só llas deu agraces.
E agora, habitantes de Xerusalén e homes de Xudá,
facede, por favor, de xuíces,
entre min e a miña viña.
Que máis lle puiden facer á miña viña que non llo fixera?
Por que, esperando eu que dese boas uvas, deu tan só agraces?
Pois agora vouvos dicir o que lle vou facer á miña viña:
quitarlle o valado para que sirva de pasteiro,
romperlle a cerca e que se volva un torreiro.
Convertereina nun ermo, non se podará nin cavará;
o cardo e mais a silveira medrarán nela;
aos mesmos trebóns mandareilles que non chovan sobre ela.
Si, a viña do Señor dos Exércitos é a casa de Israel;
e os homes de Xudá, a súa preferida plantación.
Esperaba deles o cumprimento do dereito, e velaquí: sangue vertido.
Esperaba deles xustiza, e velaquí: berros de auxilio.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 79, 9 e 12. 13-14. 15-16. 19-20
R/. (Is 5, 7a): A viña do Señor é a casa de Israel.
Arrincaches de Exipto unha vide,
expulsaches nacións para a plantar;
estendeu as súas ramas ata o mar
os seus gromos ata o río.
Por que lle derrubaches os valados,
para que a vendimen cantos pasan?
Os xabarís estragan nela
e devórana as bestas do campo.
Vólvete, Deus dos exércitos,
olla desde o ceo e fíxate,
ven visitar a túa viña,
a videira que plantaches coa túa man,
o bacelo que ti fortaleciches.
Non nos afastaremos máis de ti;
dános vida de novo,
e invocaremos o teu nome.
Restáuranos, Señor Deus dos exércitos;
que brille o teu rostro e seremos salvos.
MONICIÓN Á SEGUNDA LECTURA
Este
é un dos textos máis reconfortantes e alentadores da Biblia. As persoas crentes
sempre poden atopar forza renovada aquí. A marabillosa verdade é que Deus está
sempre connosco. El está preto de todas as persoas cada momento de cada día e
El sabe o que está a pasar.
Por
nada esteades afanosos, contrasta coa preocupación que revela unha falta de
confianza na soberanía e o poder de Deus. Como crentes, temos que darnos conta
que a nosa confianza na vida non provén de nós mesmos e nós mesmas, senón do
Deus todo poderoso do universo. Por iso Paulo dinos que non te preocupes por
nada. Se nos preocupamos basicamente estamos a dicir que Deus non pode manexar
a situación. Pola contra, debemos levar todo a Deus en oración e a súa paz
gardará os nosos corazóns e mentes. Os e as crentes, que están firmes en
Cristo, soportan as dificultades coa oración agradecida.
Segunda Lectura Flp 4, 6-9
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Facede isto e o Deus da paz será convosco
Irmáns:
Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de grazas.
E a paz de Deus, superior a todo o imaxinable, custodiará os vosos corazóns e os vosos pensamentos en Cristo Xesús.
Do resto, meus irmáns, todo o que sexa verdadeiro, todo o que sexa serio, xusto, honesto, todo o que sexa estimable, o que sexa honroso, calquera virtude ou cousa loable que haxa, iso é o que debedes apreciar.
O que aprendestes, recibistes, oístes e vistes en min, iso é o que tedes que levar á práctica. E o Deus da paz estará convosco.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Xn 15, 16
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Eu escollinvos do medio do mundo, para que vaiades e frutifiquedes,
e o voso froito dure, di o Señor.
Aleluia.
MONICIÓN AO EVANXEO
No
Evanxeo de hoxe escoitamos a invitación do Pai para que deamos os froitos
propios daquela persoa que se di seguidora de Xesús.
A
parábola está a falar tamén de nós, a reflexión honesta do texto obríganos a
facernos importantes preguntas: Estamos a producir nos nosos tempos “os
froitos” que Deus espera do seu pobo: xustiza e traballo decente para todas as
persoas con especial atención entre as persoas excluídas, a solidariedade, a
compaixón cara a quen máis sofren, o perdón...?
Evanxeo Mt 21, 33-43
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Arrendou a viña a outros labradores
Naquel tempo, díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
‑ Escoitade outra parábola:
Dunha vez había un propietario que plantou unha viña; rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo, arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe.
Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados aos viñateiros, para cobrar a s rendas. Pero os viñateiros agardáronos, e a un zorregáronlle, a outro matárono e a outro apedrárono. De novo mandou outros criados, máis numerosos; pero tratáronos do mesmo xeito.
Por último, mandoulles o seu propio fillo, dicindo para si: "O meu fillo hano respectar". Pero os viñateiros, ao veren o fillo, comentaron: "Este é o herdeiro: veña, matémolo, e a herdanza será nosa". E agarrárono, botárono fóra da viña, e matárono.
‑ Ben, e cando veña o señor da viña, que fará cos viñateiros aqueles?
Respondéronlle:
‑ A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendaralles a viña a outros viñateiros, que lle paguen as rendas no seu tempo.
Díxolles entón Xesús:
‑ Seica non lestes nunca na Escritura:
A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal: esa pedra colocouna o Señor, que regalía para nós!?
Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus, e daráselle a un pobo que produza bos froitos.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
PRECES
Dirixímonos
a ti, Pai, presentándoche as nosas arelas, necesidades, ilusións e penas, para
que nos manteñas fortes na fe e na seguridade de que acompañas as nosas vidas. Dicimos:
Bendícenos
co don da solidariedade, Señor.
• Que a Igrexa sexamos testemuño
vivo de comuñón e compromiso esperanzador na transformación das inxustizas.
Preguemos.
Bendícenos co don da
solidariedade, Señor.
• Que sexa recoñecido e fomentado
o dereito de toda persoa ao traballo digno e decente que sirva para o seu
desenvolvemento humano integral e ao sostemento das familias. Preguemos.
Bendícenos co don da
solidariedade, Señor.
• Que quen gobernan e lexislan as
nacións, busquen o ben común e promulguen leis rectas e xustas, que favorezan o
emprego e a dignidade humana. Preguemos.
Bendícenos co don da
solidariedade, Señor.
• Que sintamos que o mundo non mellorará ata que non saiamos de nós mesmos/as e que sexamos capaces de colaborar para conseguilo. Preguemos.
Bendícenos co don da solidariedade, Señor.
• Pola fecundidade da terra e do
esforzo humano: para que ningún pobo careza do necesario para subsistir e se
vele polo coidado da creación. Preguemos .
Bendícenos
co don da solidariedade, Señor.
Deus
de poder e de misericordia tende o teu brazo aos teus fieis para que vexan a
túa axuda nas súas tribulacións e sostidos na fe. Por Xesucristo o noso Señor.
ORACIÓN
DE ACCIÓN DE GRAZAS:
Viñeches a visitarme,
como Pai e como Amigo.
Xesús, non me deixes só.
Queda, Señor, comigo!
Polo mundo envolto en sombras
vou errante peregrino.
Dáme a túa luz e a túa graza.
Queda, Señor, comigo!
Neste precioso instante
abrazado estou contigo.
Que esta unión nunca me falte.
Queda, Señor, comigo!
Acompáñame na vida.
A túa presenza necesito.
Sen Ti desfalezo e caio.
Queda, Señor, comigo!
Declinando está a tarde.
Vou correndo como un río
ao fondo mar da morte.
Queda, Señor, comigo!
Na pena e no gozo
sé o meu alento mentres vivo,
ata que morra nos teus brazos.
Queda, Señor, comigo!
(Pregaria
do Padre Pío para despois da comuñón)
Comentarios
Publicar un comentario