FICHA E LECTIO: Domingo 29 do Tpo. Ordinario A
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
Dar
ó Cesar ou a Deus o que lles pertence
(18
de outubro de 2020)
Se
metedes a man no moedeiro ou no peto, cun pouco de boa sorte igual atopades
algunhas moedas neles. Xunto ás moedas de varios céntimos, podedes se cadra
atopar algunhas moedas máis xeitosas. Por exemplo, algunha de cincuenta
céntimos, que pode ter por un lado a efixie de Cervantes. Outras poden levar a
imaxe da aguia imperial alemá. Ou pode que haxa outras coa imaxe do anterior
rei de España, Xoán Carlos I, ou algunha outra na que estea a face da raíña de
Holanda.
Dende
hai séculos os países ou imperios gravan nas súas moedas as imaxes dos
personaxes de máis sona e sobre todo as dos seus dirixentes políticos,
democráticos ou non.
Ben. Polo que parece, cando os emisarios dos fariseos foron
onda Xesús para lle poñer, segundo acostumaban, a consabida trapela, non debía
de levar el ningunha moeda no peto ou, polo menos, fixo como se non a levase. É
lóxico que dos poucos cartos dos que disporían conxuntamente el e mailo grupo
dos apóstolos alguén se encargase deles en nome dos demais. Sabemos, por
exemplo, concretamente que un deles, Xudas, nalgún momento polo menos, cumpriu
mellor ou peor con esa función.
En calquera caso, Xesús, que axiña se dera conta da
trapela que lle querían montar, soubo tamén (como non?) a maneira de se
comportar pola súa parte como cumpría. Eu diría (entre nós podemos dicilo) que
se comportou duna maneira moi nosa, moi galega, é dicir, dando un pequeno rodeo.
Pois el iniciou a súa resposta, é dicir, o desenleo da trapela que lle acababan
de tender, con estas sinxelas palabras: “Mostrádeme a moeda do tributo”.
No tempo de Xesús, a moeda que circulaba no país de Xudea
era a moeda dun imperio colonizador e asoballante, o de Roma. Se hoxe en día
algunha das nosas moedas teñen gravada, por exemplo, a efixie de Filipe VI,
actual rei de España, o denario que lle presentaron a el tiña gravada por un
lado a face de Tiberio, o emperador romano, que ía acompañada destas palabras:
“fillo do divino Augusto, digno de veneración, pontífice máximo”.
Como vedes, a teor destas palabras da moeda, o emperador
romano aparecía perante os seus súbditos, cidadáns romanos ou colonizados (a
estes últimos pertencía Xesús e mailos seus apóstolos), como un ser
sobrehumano, divino, aureolado co poder civil e mais co relixioso.
O dilema no que Xesús se atopaba viña ser o seguinte. Se
dicía que estaba ben pagarlle o tributo ó César, ó emperador romano, entón
quedaba el moi mal co seu propio pobo asoballado e, sobre todo, coa súa propia
relixión xudía, que sostiña que só a Deus se ha de adorar e render tributo. De
feito, no espazo interior do templo de Xerusalén circulaba outra moeda propia
(non a romana) para simbolizar con iso polo menos que a estrutura relixiosa do
xudaísmo no podía estar sometida ó poder romano. Por iso operaban alí os
encargados do cambio, xustamente aqueles que Xesús noutra ocasión quixo botar
fóra do templo derrubándolles as mesas nas que exercían tal función. Viñan ser como
modestas entidades bancarias nas que se cambiaba diñeiro relixioso e denarios
romanos.
Agora ben, se nese dilema Xesús se inclinaba pola outra
alternativa, ou sexa, dicir que non era lícito pagarlle tributo ó emperador
romano, entón convertíase el nun revolucionario ou activista político contra as
forzas estranxeiras ocupadoras de Xudea.
Non se trata aquí propiamente de que Xesús non se quixese
enfrontar coas forzas de ocupación (os romanos), mais a súa misión, tantas
veces posta de manifesto por el, non era estritamente política, senón moito
máis fonda, eficaz e universal.
Dito isto, a resposta de Xesús ós emisarios dos fariseos
manterase en tódolos tempos como algo que servirá de eficaz orientación ou faro
de luz para cantos a escoiten ou lean sen prevencións. Concretamente para nós e
para cantos veñan despois de nós, pois como crentes profesamos fe en Xesús e
pertencemos, ó tempo, a unha sociedade civil, na que rexen normas e
disposicións que en principio non teñen por que colidir coas crenzas relixiosas:
“Dádelle ó Cesar o que é do César, e a
Deus o que é de Deus”.
Fican separados moi netamente entre si deste xeito, contra
calquera tipo de confusión, Deus e as autoridades ou instancias políticas. E se
algunha vez tivésemos que escoller entre a obediencia a Deus e a obediencia ó
poder político, entón xa sabemos por onde ha ir a nosa elección. Poderiamos engadir
aínda que isto vale incluso cando se trata de autoridades ou mandos relixiosos.
Ningún poder civil nin relixioso pode suplantar a Deus ou aquilo que na nosa
conciencia persoal consideramos procedente de Deus, ó que intimamente nos
sentimos obrigados a escoitar e seguir.
Porque Deus só hai un, tal como nolo recorda o profeta
Isaías, na primeira Lectura, cando no século VI antes de Cristo puña el en boca
de Deus as palabras que el lle dirixía ó rei Ciro II de Persia: “Eu son o Señor
e non hai outro, fóra de min non hai Deus [...] Eu son o Señor e non hai
outro”.
Mais este mando ou poder de Deus non é para nos asoballar
ou converter en escravos, senón para construír fraternidade e igualdade entre
todos. Un reino –tal como adoita proclamar a liturxia- de xustiza, de amor e de
paz. E por iso tamén toda a nosa xusta dependencia do poder político ou do relixioso
non ha ter outro motivo nin outra finalidade senón colaborarmos ó ben de todos.
Pois, como ben sabemos, máis alegría produce “dar” ca “recibir”.
“Dar a Deus o que é de Deus” redúcese por iso en último
termo a esta outra fórmula: “dar ó próximo, ós demais, o que eles esperan de
nós”. Deus non precisa dos nosos dons. El teno xa todo. En cambio, os demais si
que poden precisar e precisan da nosa atención. E Deus quere que amemos os
demais como nos amamos a nós mesmos. Só así daremos de verdade a Deus o que é
de Deus.
Neste sentido, como hoxe celebramos a “Xornada Mundial da
Evanxelización dos Pobos” ou “das Misións”,
é esta unha boa ocasión para lembrarmos na nosa oración e no noso compromiso
persoal tantas persoas, elas e eles, que se dan ou entregan de por vida ó
anuncio da boa nova de Xesús por todo o mundo. Non deixemos de o facer.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/29-tempo-ordinario-a-mateu-2215-21/
Comentarios
Publicar un comentario