Ficha e Lectio: Domingo 29 de Ordinario A
VER MÁIS FICHAS:
DEBUXOS DE: http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
DOMINGO XXIX T. O.
(Ano A: 22 de outubro de 2017)
Se metedes a man no peto, cun pouco de boa sorte igual atopades algunhas moedas nel. Xunto ás moedas de varios céntimos, podedes se cadra atopar algunhas moedas máis xeitosas. Por exemplo, algunha de cincuenta céntimos, que pode ter por un lado a efixie de Cervantes. Outras poden levar a imaxe da aguia imperial alemá. Ou pode que haxa outras coa imaxe do anterior rei de España, Xoán Carlos I, ou algunha outra na que estea a face da raíña de Holanda.
Dende hai séculos os países gravan nas súas moedas as imaxes dos personaxes de máis sona e sobre todo as dos seus actuais gobernantes, democráticos ou non.
Pois ben, polo que parece, cando os emisarios dos fariseos foron onda Xesús para lle poñer, segundo acostumaban, a consabida trapela, Xesús non debía de levar ningunha moeda no peto ou, polo menos, fixo como se non a levase. É lóxico que dos poucos cartos dos que disporían conxuntamente el e mailo grupo dos apóstolos alguén se encargase deles en nome dos demais. Sabemos, por exemplo, concretamente que Xudas, nalgún momento polo menos, cumpriu mellor ou peor con esa función.
En calquera caso, Xesús, que axiña se deu conta da trapela que lle querían montar, soubo tamén (como non?) a maneira de se comportar pola súa parte como cumpría. Eu diría (entre nós podemos facelo) que se comportou duna maneira moi nosa, moi galega, é dicir, bastante intelixente. Sen que por iso queiramos fachendear, pois xa sabemos que iso non está ben. Xesús iniciou, pois, a súa resposta, é dicir, a desenlearse da trapela que lle acababan de tender con estas sinxelas palabras: “Mostrádeme a moeda do tributo”.
No tempo de Xesús, a moeda que circulaba no país de Xudea era a moeda dun imperio colonizador e asoballante, o de Roma. Se hoxe en día algunha das nosas moedas teñen gravada, por exemplo, a efixie de Filipe VI, actual rei de España, o denario que lle presentaron a Xesús tiña gravada por un lado a face de Tiberio, o emperador romano, que ía acompañada destas palabras: “fillo do divino Augusto, digno de veneración, pontífice máximo”.
Como vedes, a teor destas palabras da moeda, o emperador romano aparecía perante os seus súbditos, cidadáns romanos ou colonizados (a estes últimos pertencía Xesús e mailos seus apóstolos), como un ser sobrehumano, divino, aureolado co poder civil e mais co relixioso.
O dilema no que Xesús se atopaba viña ser o seguinte. Se dicía que estaba ben pagarlle o tributo ó César, ó emperador romano, entón quedaba Xesús moi mal co seu propio pobo asoballado e, sobre todo, coa súa propia relixión xudía, que sostiña que só a Deus se ha de adorar e render tributo. De feito, no espazo interior do templo de Xerusalén, circulaba outra moeda propia (non a moeda romana) para simbolizar polo menos desa maneira que a estrutura relixiosa do xudaísmo no podía estar sometida ó poder romano. Por iso operaban alí os encargados do cambio, xustamente aqueles ós que Xesús noutra ocasión quixo botar fóra do templo derrubándolles as mesas nas que exercían esa función. Eran algo así como moi modestas entidades bancarias do templo de Xerusalén, pois eran elas os que cambiaban ese diñeiro relixioso polos denarios romanos.
Agora ben, se nese dilema Xesús se inclinaba pola outra alternativa, a de dicir que non era lícito pagar tributo ó emperador romano, entón Xesús convertíase de súpeto nun revolucionario ou nun activista político contra as forzas ocupadoras de Xudea, as dos romanos.
Non se trata aquí propiamente de que Xesús non quixese enfrontarse coas forzas de ocupación, ós romanos, mais a súa misión, tantas veces posta de manifesto por el, non era estritamente política, senón moito máis fonda, eficaz e universal.
Pois ben, a resposta de Xesús ós emisarios dos fariseos manterase en tódolos tempos como unha sentencia que servirá de eficaz orientación e faro de luz para cantos a escoiten ou lean sen prevencións. Concretamente para nós e para cantos veñan despois de nós, pois como crentes profesamos fe en Xesús e ó tempo pertencemos a unha sociedade civil, na que rexen normas e disposicións que en principio non teñen por que colidir coas crenzas relixiosas. “Dádelle ó Cesar o que é do César, e a Deus o que é de Deus”.
Xesús separa, pois, netamente, contra calquera tipo de posíbel confusión, a Deus das autoridades ou instancias políticas. E se algunha vez tivésemos que escoller entre a obediencia a Deus e a obediencia ó poder político, entón xa sabemos por onde ha ir a nosa elección. E poderiamos dicir que isto vale incluso cando se trata de autoridades ou mandos relixiosos. Ningún poder civil nin relixioso pode suplantar a Deus ou aquilo que na nosa conciencia persoal consideramos que procede de Deus, a quen intimamente nos sentimos obrigados a escoitar e seguir.
Porque Deus só hai un, tal como nolo recorda o profeta Isaías, na primeira Lectura, cando no século VI antes de Cristo puña na boca de Deus as palabras que el lle dirixía ó rei Ciro II de Persia: “Eu son o Señor e non hai outro, fóra de min non hai Deus [...] Eu son o Señor e non hai outro”.
Mais este mando ou poder de Deus non é para nos asoballar ou converter en escravos, senón para construír fraternidade e igualdade entre todos. Un reino –tal como adoita proclamar a liturxia- de xustiza, de amor e de paz. E por iso tamén toda a nosa xusta dependencia do poder político ou relixioso non ha ter outro motivo nin outra finalidade senón colaborarmos ó ben de todos. Pois, como ben sabemos, máis alegría produce “dar” que “recibir”.
“Dar a Deus o que é de Deus” redúcese por iso en último termo a esta outra fórmula: “dar ó próximo, ós demais, o que eles esperan de nós”. Deus non precisa dos nosos dons. El teno xa todo. En cambio, os demais si que poden precisar e precisan da nosa atención. E Deus quere que amemos os demais como nos amamos a nós mesmos. Só así daremos de verdade a Deus o que é de Deus. Neste sentido, como hoxe celebramos a “Xornada Mundial da Evanxelización dos Pobos”, é unha boa ocasión para lembrarmos na nosa oración e no noso compromiso persoal tantas persoas que se dan ou entregan de por vida a anunciar a boa nova de Xesús por todo o mundo.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
Pedímoslle a Deus Pai que nos axude a darlle a el o que é seu, e ós lexítimos representantes políticos o que á súa función administrativa lle pertence, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Apréndenos, Pai, a ocupármonos máis de dar e axudar ós demais ca de esixir que eles nos dean ou axuden a nós.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Fai, Pai, que academos conciencia de que darche a ti o que é teu significa en realidade darlles ós demais o que eles esperan de nós.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Concédelles, Pai, ós gobernantes espírito responsábel para administraren e distribuíren con xustiza e equidade os bens que son de todos.
Todos: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/29-tempo-ordinario-mateu-2215-21/
Comentarios
Publicar un comentario