Domingo 29 de Ordinario A

DOMINGO XXIX ORDINARIO - CICLO A



Primeira Lectura     Is 45, 1. 4-6
Collín a man dereita de Ciro para someter ante si os pobos
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS

            Así fala o Señor acerca do seu unxido,
Ciro, a quen el colleu da man dereita:
el someterá ante si os pobos, eu descubrirei ante el o lombo dos reis.
El abre ante si os portóns dobres, as portas non se pecharán ante el.
            Por causa do meu servo, Xacobe, e de Israel, o meu elixido.
Si, chameite polo teu nome; creeite, aínda que non me coñecías.
            Eu son o Señor e non hai outro, fóra de min non hai deus.
Ameite, aínda que non me coñecías,
para que se saiba desde o nacente  ao solpor que non hai cousa sen min.
            Eu son o Señor e non hai outro.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 95, 1 e 3. 4-5. 7-8. 9-10a e c
R/.  (7b):  Tributade  ao Señor honor e forza.

Cantádelle  ao Señor un cántico novo,
cantádelle  ao Señor, a terra enteira;
Anunciade entre as xentes a súa gloria;
ante todos os pobos, as súas marabillas.

Grande é o Señor e digno de loanza,
máis temible ca todos os deuses.
Os deuses todos das nacións son aparencia,
pero o Señor fixo os ceos.

Tributade  ao Señor, pobos todos,
tributade  ao Señor honor e forza,
tributade  ao Señor a gloria do seu nome.
Collede ofrendas e entrade nos seus adros.

Adorade o Señor no adral sagrado,
trema na súa presenza a terra enteira.
Dicide entre as xentes:
"O Señor é rei, el goberna os pobos rectamente".


Segunda Lectura     1 Tes 1, 1-5b
Facemos memoria da vosa fe e da caridade e da esperanza
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS TESALONICENSES

            Paulo, Silvano e mais Timoteo, á Igrexa dos tesalonicenses, en Deus Pai e no Señor Xesús Cristo: deséxanvos graza e paz.
            Decote damos grazas a Deus por todos vós, facendo memoria de vós nas nosas oracións.             Continuamente nos lembramos diante de Deus, noso Pai, da actividade da vosa fe, do esforzo da vosa caridade e da firmeza da vosa esperanza no noso Señor Xesús Cristo.
            Ben sabemos, irmáns, benqueridos de Deus, que El vos escolleu. Porque o noso Evanxeo non quedou en palabras no voso caso, senón que se volveu forza exuberante do Espírito Santo.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA     Filp 2, 15d. 16a
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Reluciredes coma fachos no universo,
presentando a palabra de vida.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 22, 15-21
Dádelle  ao Cesar o que é do Cesar, e a Deus o que é de Deus
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

            Naquel tempo, os fariseos fóronse reunir para veren o xeito de sorprender a Xesús nalgún dito. Así é que lle mandaron algúns discípulos deles con algúns partidarios de Herodes, que lle preguntaron:
            ‑ Mestre, sabemos que es sincero, que de verdade ensinas o camiño de Deus e que non andas con miramentos, pois non reparas na aparencia das persoas. Dinos, logo, que che parece: Está permitido pagarlle o tributo  ao Cesar ou non?
            Xesús, que lles coñeceu a malicia, contestoulles:
            ‑ Por que me queredes comprometer, hipócritas? Mostrádeme a moeda do tributo.
            Eles presentáronlle un denario. E el preguntoulles:
            ‑ De quen é esta imaxe e mais a inscrición?
            Contestáronlle:
            ‑ Do César.
            Entón replicoulles:
            ‑ Pois logo dádelle  ao César o que é do César, e a Deus o que é de Deus.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo





ENTRADA: 
LECTURAS: 
OFERTORIO: 
Misioneiro 
COMUÑÓN: 

Comentarios

Publicacións populares