Se danades á viúva e ao seu fillo, desatarase o meu noxo contra vós - Ex 22, 20-26

Domingo 30 de Ordinario - ciclo A


TANTO TEMPO LEVAMOS CONTIGO, PAI

Tanto tempo como levamos contigo, Pai, 
e que pouco te queremos aínda! 

O noso corazón non o sentimos cheo de Ti, 
non se aleda cada mañá co teu recordo 
nin descansa cada noite sabéndote a Ti preto.

O noso corazón non se entenrece por Ti: 
Que poucas veces choramos a túa ausencia! 
Que poucas veces agradecemos a túa presenza nas nosas vidas!

Amamos, ou dicimos amarte, 
e, como nos custa amarte con toda a nosa vida, 
preferindo os teus proxectos aos nosos, 
a túa vontade á nosa, 
as túas ilusións ás nosas! 

Ou mellor aínda: 
como nos custa atopar no fondo de nós mesmos 
aquel punto auténtico de coincidencia, 
onde Ti e nós somos un, 
onde as nosas vontades se unen e fortalecen! 

O noso amor moitas veces é cego por Ti, 
non usa do entendemento nin da razón. 
Que fermosa é a razón que nos deches! 
Como nos une a Ti e nos fai a Ti semellantes! 

E así amámoste ás toas: 
dicimos amarte coma Pai, 
e temémoste como duro e caprichoso coa xente. 
Dicimos amarte coma Pai 
e toleramos os abusos contra os irmáns, 
en nós e nos demais. 

Tanto tempo como levamos contigo, Pai, 
e que pouco te queremos aínda! 


Comentarios

Publicacións populares