Ficha e Lectio - Domingo 28 Ord A

DEBUXOS DE:


VER TAMÉN: 


LECTIO:

DOMINGO XXVIII T. O. 
(Ano A: 15 outubro 2017)

Xesús é ben clariño nas cousas que nos conta. Era un home do pobo e entendíase ben coa xente normal e corrente, referíndose a cousas concretas e a experiencias ordinarias e comúns da xente. Non falaba coa linguaxe dos chamados “entendidos”, ós que ás veces non se lles “entende” a pesar de seren considerados como tales. Así son ou adoitan ser non poucos dos que se dedican a pensar, falar ou escribir por exemplo sobre temas de filosofía. Eu pertenzo humildemente ó gremio destes últimos e por iso podo ter se cadra o perigo de non me facer entender de cando en vez como cumpriría. Mais, en fin, cada un leva ó lombo o fardelo da súa propia historia.
Dito isto, quen non recibiu algunha vez un convite para unha voda ou desexou, polo menos, que o convidasen? E se non ten experiencia do que ocorre nunha festa ou nun xantar de voda, convídoo a ler polo menos o que escribía Curros Enríquez no engaiolante poema dos seu libro “Aires da miña terra”, que leva como título “Unha voda en Einibó”.
Entre nós, as tradicións teñen moita forza por aquilo que dicía xa o P. Sarmiento, no século XVIII: “os galegos son tenaces en manter os seus costumes”. E as nosas vodas en tempos pasados duraban tantos días e eran tan abondosas en xantares, bebidas e demais, que os responsábeis políticos e eclesiásticos (bispos ou autoridades civís, que viñan maioritariamente de fóra de Galicia) tiveron que poñer couto, sobre todo desde o século XVI, a tales excesos. Porque, tal como polo menos argumentaban os responsábeis eclesiásticos ou civís, aquel dispendio podía chegar mesmo á ruína dos que convidaban á voda. Nisto non lles faltaba algo de razón.
Aínda así, as nosas vodas galegas tradicionais adoitan manter aquela abundancia de material comestíbel, que tanto lles chama a atención ós que veñen de fóra do país. Unha vez tiven que asistir nun dos mellores hoteis (se non o mellor) de Madrid a unha voda de xente de moi alto poder social e político, pois fora eu quen casara os noivos. Sendo como era o acontecemento ben lonxe da nosa terra, non foi nada estraño que alí houbese, si, moita etiqueta e finura de relacións, mais pouco exceso ou abundancia daquilo que a nós tradicionalmente tanto nos vai.
En realidade, o que pretenden os que convidan a unha voda é manter e fortalecer os vencellos de amizade e relacións que unen os noivos e familiares máis próximos cos demais. E iso realízase creando comensalía, amizade e alegría por medio dun xantar.
Sabemos que Xesús, no comezo da súa vida pública, asistiu como convidado, el e maila súa nai, a un xantar de vodas (as coñecidas como as vodas de Caná de Galilea). Era unha maneira de anunciar, xa desde o principio e de maneira plástica, por onde ían ir os tiros, para dicilo dalgunha maneira... En realidade, o que vén anunciarnos Xesús, como mensaxe fundamental seu e do seu Pai-Deus, é que todos, mulleres e varóns de tódolos tempos e lugares do mundo, formamos unha mesma comunidade de orixe e de destino, unha mesma rede de relacións fraternais. Somos todos fillos de Deus, irmáns polo tanto entre nós e chamados a sentármonos á mesma mesa con el e írmonos así asemellando cada vez máis a el ó participarmos da súa divindade.
Por iso non se acaba de entender moi ben por que somos tan reticentes a aceptarmos un convite tal. Quizais mesmo por presentársenos o convite como algo tan grande e incríbel que nos semella pura fantasía ou ilusión.
A parábola de Xesús cóntanos que os convidados á voda do fillo do rei ou simplemente non querían ir, ou formulaban escusas, como a de que estaban moi leados, tiñan moito que facer ou que estaban metidos ata a cabeza en  “negocios” que non llelo permitían. En definitiva, tratábase de problemas de axenda, como adoitan dicir as persoas que se consideran importantes. Cando a verdade é que en toda axenda que se prece o principio xeral de compracer as persoas debería figurar sempre  en primeiro lugar, antes de calquera outra consideración.
Pois ben, fronte ás estudadas escusas dos convidados, o evanxeo de Xesús é basicamente unha invitación a respondermos con xenerosidade e agradecemento ó incríbel convite de Deus a sermos felices con el. Para iso pon el desde o principio nos nosos corazóns unha indefinida querenza ou tendencia a sermos felices (quen non quere ser feliz?). Despois ofrécenos, por pura xenerosidade e graza del, estarmos na súa compaña, participando da súa felicidade e do seu poder. Sen que para iso teñamos que escoller na lista de voda o regalo que cumpriría facerlle a Deus Pai ou ó seu Fillo Xesús. Mais Deus, o rei pai do fillo que se casa, non precisa nada de nós. Só quere regalarse el mesmo a todos e cada un de nós en toda a súa grandeza e en todo o seu amor.
Á vista de todo isto, o lóxico e axeitado sería aceptarmos sen máis este inimaxinábel convite de Deus e dedicármonos en consecuencia, en alma e corpo, a vivirmos esta experiencia dun Deus que quixo vir estar connosco para sempre. Unha experiencia á que está chamada a humanidade toda, tódalas persoas de boa vontade, sen distinción de culturas, linguas, razas ou relixións.
Porque en realidade a voda da que aquí se fala é en certo modo a voda de Xesús mesmo con toda a humanidade. O Fillo de Deus, ó se encarnar ou converter nun de nós, casa, é dicir, emparenta en certo modo con toda a humanidade: sobre todo cos máis pobres, necesitados ou discriminados.
Este emparentamento está decidido por Deus Pai e decidido ficará para sempre. Deus non vai deixar que o que el realizou -volvo dicir: a voda do seu fillo coa humanidade toda- vaia ser como unha voda fracasada ou como unha simple voda de conveniencia, formal ou a distancia. Deus mesmo levará a cabo os seus designios e as cousas vanlle saír ben. Algo disto semella xa anunciársenos na parábola cando alí se nos comenta que, a pesar dos egoísmos e particularismos das escusas duns ou doutros, a sala de voda se encherá: Saíron –dísenos alí- ós camiños os criados e xuntaron a tódolos que atoparon, bos e malos, enchéndose de convidados a sala da voda”.
A celebración eucarística vén sendo como un anticipo ou modelo desa voda da que nos fala o texto do evanxeo. Estamos así empezando a sentir e saborear a presenza de Xesús entre nós, oíndo a súa palabra e recibíndoo con agradecemento na comuñón, uníndonos tamén deste xeito simbolicamente á humanidade toda, coa que el permanece e permanecerá unido para sempre.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS:

Pedímoslle a Deus Pai, por medio do seu Fillo Xesús e do Espírito Santo, que nos atraia coa forza da súa graza á voda á que Xesús nos convida, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

- Concédenos, Pai, seguirmos os impulsos que ti puxeches nos nosos corazóns cara á felicidade e ó amor a tódalas persoas do mundo. 
Todos: Escóitanos, Pai.
- Fai, Pai, que tomemos conciencia de que debemos colocar por enriba dos nosos intereses particulares o traballo pola fraternidade e mutua convivencia entre as persoas e os países do mundo enteiro.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Abre, Pai, entre os necesitados e empobrecidos do mundo camiños que os conduzan cara á voda á que os convida o teu fillo Xesús para poderen así recuperar a súa dignidade de fillos teus. 
Todos: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, noso Señor. AMÉN.

Manuel Cabada Castro

VER TAMÉN:



Comentarios

Publicacións populares