A resaca de incendios

Non puiden, non fun capaz de escribir unha soa liña os días seguintes aos incendios, non creo que ninguén fóra de aquí entendese o que vivimos o domingo pasado... un incendio o sábado, outro o domingo e mirando cara o norte lume, no sur lume, no leste no oeste..., mensaxes de whatsapp, comunicacións colapsadas, peticións de silenciar os teléfonos para que puidesen comunicarse os que estaban en perigo, empeza a chover cinza e faíscas, e baixa o fume, pechamos as ventás, escoitamos as sirenas, unha, dúas, tres... e chama a familia pedindo refuxio, e a xente saíndo da casa porque o lume lle chega á porta, e saes co coche vendo as lapas a esquerda, a dereita, na beira do camiño, e perdes visión e non podes respirar...

E desde o rural contactas coa familia en Vigo, e sabes que desde a tarde están escapando en Zamáns, e que o lume chega a Navia... e chegan as fotos do medo... lume na praza de España?? Non dás creto... lume no Castro... non pode ser... e a xente sae á rúa. Medo, auténtico medo, incredulidade, auténtica sensación de estar vendidos...

Ninguén durme ata a madrugada... e ó día seguinte cos rapaces dando clase, como se non pasase nada... e hai xente sen casa, xente sen futuro, e xente perdida para sempre. E un só pensamento, que chova, que chova...

Volves ao traballo coma un autómata, nun mundo surreal, negro, fumegante, e volves a casa e o fume envolve todo, a xente leva máscara pola rúa, e non sabes se estás na casa ou nun mundo paralelo... e rezas outra vez... que chova, que chova...

Continúas a semana intentando non ver, non sentir, non ulir... adiantouse o samaín?? E chegas ó venres e miras arredor... non... non... non... xa non hai aquela fraga, xa non ves aquel carballo,
e o monte quedou mudo, e a chuvia non limpiou, inda quedan fumarolas da noite daquel horror...

Quedan marcas polo corpo e a dor no corazón, pero quedan mans valentes e esperanzas de solpor.   
O magosto deste ano deixounos un mal sabor, que tristes son estas cinzas, que rescaldo nos deixou...
Vén, Señor, Ti a quentarnos estes pobres corazóns. Pon o verde neste negro, pon a luz no que finou...

Comentarios

  1. o mesmo digo... o Señor se apiade de nos e chova e chova pola sua graza...

    ResponderEliminar

Publicar un comentario

Publicacións populares