Ficha e Lectio: Domingo 27 Ordinario A
DEBUXOS DE:
VER TAMÉN:
https://xanostesaqui.blogspot.com.es/2014/10/ficha-e-lectio-domingo-27-ordinario-a.html
RECURSOS CATEQUESE DE GALICIA:
EVANXEO Domingo.pdf
Participacións Misa.pdf
Folleto.pdf
RECURSOS CATEQUESE DE GALICIA:
EVANXEO Domingo.pdf
Participacións Misa.pdf
Folleto.pdf
LECTIO:
DOMINGO XXVII T. O.
(Ano A: 8 outubro 2017)
As lecturas da liturxia casan ben coas tarefas que se están a realizar nestes días ou que remataron hai pouco na nosa terra. É o tempo fermoso de vendima. Un traballo e unha recolleita, que precisa esforzo e dedicación, mais que se fai con ilusión case festiva, porque os acios recolleitos e o viño que sairá deles servirán para alegrar o corazón e crear comensalía e fraternidade.
Non é nada estraño que Xesús botase man moitas veces da comparanza do seu Reino co cultivo da viña ou co traballo da recolleita da uva. Á fin e ó cabo a eucaristía está construída tamén arredor do viño que pola celebración sacramental se converte no Xesús que dá a súa vida por nós. A eucaristía é así verdadeiramente un banquete no que nós comemos e bebemos o corpo e o sangue de Cristo para dese xeito írmonos convertendo pouco a pouco no que o mesmo Cristo é. Trátase dunha divinización, a nosa, que o mesmo Deus vai realizando en nós ó nos poñer en contacto con el por medio sobre todo da Eucaristía.
No centro do texto do evanxeo non son, coma no domingo pasado, os traballadores en paro que o dono da viña convida a traballar nela. Os protagonistas son esta vez dunha categoría algo superior. Non son traballadores ocasionais ou sen papeis, senón estábeis. Son os que o propietario contratou como rendeiros para coidaren día tras día a súa viña ata que el volva da longa viaxe. Levaban por isto tanto tempo no seu cargo, facendo sempre o mesmo e sen que ninguén lles pedise contas, que chegarían a pensar que a viña e canto alí ocorría era só cousa deles e para eles.
Unha vez máis, nesta parábola dirixida tamén como a do anterior domingo ós sacerdotes e ós anciáns do pobo, Xesús volve insistir en que ninguén neste mundo, por moi relixioso e bo que se considere a si mesmo, ten a propiedade ou a exclusiva da relixiosidade. E isto vale tanto en relación coa relixión oficial xudía do tempo de Xesús como en relación con calquera outro tipo de relixiosidade. Tamén en relación coa nosa propia crenza cristiá.
O único propietario da viña, das vides ou da terra que hai nela, é Deus e mailo seu fillo Xesús, mandado polo Pai-Deus para estar connosco e para nos aprender o verdadeiro xeito de nos comportar na vida. Sacerdotes, relixiosos, párrocos, bispos ou mesmo o bispo de Roma e Sumo Pontífice non somos máis ca traballadores na viña de Deus para o mundo, encargados polo tanto, a distintos niveis de responsabilidade, de coidar o mellor que poidamos dunha viña que non é nosa, senón de Deus que a ofrece para o ben do mundo.
Por iso tamén, se no anterior domingo Xesús lles dicía ós xefes relixiosos xudeus que os por eles tan desprezados “recadadores de impostos e prostitutas” entrarían antes ca eles no Reino de Deus, algo semellante ocorre hoxe cos contratados polo dono da viña para coidaren dela. Na medida en que se comporten ou nos comportemos como donos da viña sen selo en realidade, considerándose ou considerándonos con dereito exclusivo para decidir quen pode ou non entrar entrar nela, caen, caemos, baixo a condena que hoxe oímos de Xesús: “A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendaralles a viña a outros viñateiros”.
Cantos teñen algún cargo ou responsabilidade no seo da igrexa, é dicir, no interior das nosas comunidades cristiás, teñen polo tanto que se comportar, segundo se adoita dicir, como “bos administradores dos bens de Deus” e non como propietarios dunha viña que non é senón gratuíto don de Deus á humanidade. E os que non teñen esta responsabilidade directa, si teñen tamén a responsabilidade e o dereito de esixir ós “administradores” destes bens que o seu comportamento sexa como Deus quere.
Ben sabedes que na igrexa, ou sexa a comunidade dos crentes en Xesús, nos encontramos hoxe, como tamén noutros tempos aínda que doutra maneira, con dificultades e problemas de moi diversa orixe e de moi distinto xénero. Mais en calquera caso, esta viña do Señor debería abrir cada vez máis as súas portas e os seus valados para que calquera persoa poida degustar o saboroso e reconfortante dos acios e do viño que Deus regala á humanidade. A igrexa non se pode considerar a si mesma como unha finca particular ou un coto privado nos que só poden entrar os que pensan, os que pensamos, pertencer xa a ela. Neste sentido o papa Francisco dicía non hai moito no seu fermoso e ben evanxélico escrito “A alegría do evanxeo” o seguinte: “A miúdo nos comportamos como controladores da graza e non coma facilitadores. Mais a Igrexa non é unha aduana, é a casa paterna onde hai lugar para cada un coa súa vida a costas”.
Así, pois, do mesmo xeito que Xesús foi, como se nos di no texto do evanxeo de hoxe, “a pedra que desbotaron os canteiros, mais que agora se converteu en esquinal”, así tamén os desprezados, os pobres, os aparentemente pouco relixiosos ou indignos deberían converterse en “esquinal”, é dicir, en pedra básica e decisiva na construción desa igrexa, dese “reino de Deus”, que queremos construír e que Deus quere construír e está xa a construír connosco e entre nós.
Desta apertura da igrexa a todos parece falarnos na segunda Lectura o propio apóstolo Paulo cando lles escribía na súa carta ós Filipenses: “Meus irmáns, todo o que sexa verdadeiro, todo o que sexa serio, xusto, honesto, todo o que sexa estimábel, o que sexa honroso, calquera virtude ou cousa loábel que haxa, iso é o que debedes apreciar”.
Non podemos dubidar de que hai moitas persoas, ben coñecidas seguramente por vós onde queira que vivades ou vos movades, que son, tal como di Paulo, xustas, honestas, posuidoras de virtudes e outros dons de Deus. Todos eles pertencen de feito á viña do Señor, aínda que quizais non o saiban eles ou tampouco o saibamos nós mesmos. E temos que aprender tamén a escoitalos, aprecialos e amalos.
Que a nosa Eucaristía de hoxe sirva, pois, para agradecermos a Deus a viña e o viño que nos regala a todos, viño e pan no que el mesmo se nos dá.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS:
Pedímoslle a Deus Pai, por medio do seu Fillo Xesús, que nos atraia á viña que xenerosamente el ofrece ó mundo, para traballarmos nela con alegría, ofrecendo así salvación e felicidade a todos, dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Concédenos, Pai, unha fe humilde e agradecida na palabra do teu fillo Xesús, que nos convida ó traballo na súa viña, para crearmos así fraternidade, xustiza e alegría entre tódalas persoas do mundo.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, conciencia agradecida de que o noso traballo na viña do teu Fillo Xesús é un inmenso regalo do teu amor a todos e non dereito ou propiedade particular dos que nela traballamos.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Abre, Pai, entre tódolos necesitados e empobrecidos do mundo camiños que os conduzan cara á túa viña, onde poidan recuperar as forzas que precisan para a súa vida e o seu contento.
Todos: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
Manuel Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario