Ficha e Lectio - Domingo 30 Ordinario A

FICHAS ANTERIORES:

DEBUXOS:



LECTIO:

DOMINGO XXX T. O. 
(Ano A: 29 de outubro de 2017)

            Aproveitándose das trapelas que lle preparaban os representantes da relixión xudía do seu tempo, Xesús segue a nos ofrecer a súa visión sobre temas importantes que afectan a nosa vida. É o froito da súa íntima e inimaxinábel relación con Deus-Pai. O que Xesús nos di ou comenta non é senón o que Deus Pai, pai seu e pai noso, nos quere comunicar a nós e ó mundo.
            “Mestre, cal é na Lei o gran mandamento?”. Tal é a pregunta que lle fai a Xesús un doutor da lei de entre os fariseos. Pregunta en principio doada de responder. Deus é o primeiro de todo, a nosa orixe, o que nos deu vida, o que nola sostén e o que quere que esa nosa vida perdure por toda unha eternidade. Deus creador non tiña necesidade de nós para nada. Por iso, se nos creou é porque nos quere, porque desexa facernos partícipes a todos da súa vida e do seu amor. A consecuencia é que deberiamos agradecerllo e amalo. Iso si. Xesús vai insistir na súa resposta en que ese amor ó Deus que tan gratuitamente nos quere haberá de realizarse “con todo o corazón, con toda a alma e con todo o entendemento”. É unha maneira de nos dicir que o noso amor a Deus non debería ter límite ningún a pesar da nosa propia e humana limitación. Por iso, para que tal amor se realice fará falla toda unha vida e mais toda unha eternidade.
            Agora ben, Xesús irá na súa resposta máis alá da pregunta formulada polo doutor da lei. Porque Xesús quere darlles a entender ós seus interrogadores que as cousas que se refiren a Deus e a este primeiro mandamento cambiaron radicalmente dende que Xesús é o “Deus connosco”. Dende que Xesús é o Deus encarnado, o Deus que se fai compañeiro e irmán noso. Pois resulta que o Deus do Antigo Testamento é agora -coa aparición entre nós de Xesús como un Deus humanizado- un Deus que lle dá unha importancia infinita a tódalas persoas, os homes e as mulleres de tódolos tempos. Todos somos agora fillos de Deus e irmáns do seu Fillo primoxénito Xesús.
            Polo tanto, dende que Deus se quixo facer presente, de maneira inimaxinábel e insospeitada, en Xesús, non é abondo xa con dicir que amar a Deus é o primeiro mandamento. Non. Hai que lle engadir de contado a este mandamento que hai outro segundo mandamento sen o cal o cumprimento do primeiro non resulta suficiente nin sequera chega a se cumprir de verdade.
            É por isto precisamente polo que Xesús dirá que o segundo mandamento é “semellante” (así mesmo: pensémolo ben), “semellante” ó primeiro. Un segundo mandamento que na súa formulación é moi breve, mais de longos e amplos horizontes e esixencias: “Amarás o teu próximo como a ti mesmo”.
            En definitiva, non se pode dicir que un cumpre co primeiro mandamento se non cumpre con este segundo. Ninguén pode dicir que ama a Deus se non ama o seu próximo, o seu irmán.
            Xesús sinala incluso unha medida dese noso amor ó próximo. Trátase dunha medida de moi doada comprensión. Á diferenza do primeiro mandamento, sobre o que se nos di que o debemos realizar ou cumprir “con todo o corazón, alma e entendemento” (e que nos pode resultar unha medida incomprensíbel e inalcanzábel), as cousas cambian ben no que se refire ó segundo. Ou é que non sabemos como nos queremos ou amamos a nós mesmos? Máis que sabelo, vivímolo en todo intre e en calquera circunstancia. Procuramos que non nos falle o aire para respirar, os alimentos para comer, a casiña ou o pisiño que nos protexan e defendan, etc. etc. Iso de amármonos a nós mesmos facémolo coa meirande espontaneidade e naturalidade do mundo e sen que nolo mande ninguén. Se a cousa non fose así, dende hai moito tería xa desaparecido a humanidade e non estariamos nós aquí.
            Pois ben, esa é a medida que nos pon Xesús para cumprirmos o segundo mandamento: amar os demais como cada un se ama a si mesmo. Unha medida que, por comprensíbel  e doada de entender que sexa, é moi alta e esixente.
            Como vedes, o quererse a si mesmos, o “egoísmo” ben entendido, é algo que se converte en esencial para sabérmonos orientar no amor a Deus e ó próximo. Se alguén non se quere realmente a si mesmo, dificilmente será capaz de querer os demais e o mesmo Deus.
            En relación con isto, nalgún sitio lin algunha vez que na vida cristiá  deberiamos ocuparnos de tres cousas esenciais, que teñen todas elas relación co amor. O amor é unha única realidade con tres caras diversas: amor a Deus, amor ó próximo e amor a si mesmo. Desde nenos aprendemos, en relación coa Santísima Trindade, que hai “tres persoas distintas e un só Deus verdadeiro”. Pois ben, en relación co amor, poderiamos dicir algo semellante: hai tres amores distintos e un só amor verdadeiro. Eses tres amores distintos son o amor a Deus, o amor ó próximo e o amor a un mesmo. Tres amores nos que se amosa de distintas formas o mesmo e único amor que debería presidir a cotío as nosas vidas.
            Xa vedes como Xesús simplifica o noso modo de proceder e de actuar na vida, reducindo a multitude de mandados e prohibicións que tiñan os xudeus a só dous mandados ou, se queredes, a tres: amar a Deus, amar o próximo e amarse a un mesmo. O último, amármonos a nós mesmos, resúltanos cousa doada. O problema está só no segundo mandamento, o de amar o próximo, porque se o cumprimos cumpriremos xa tamén o primeiro. Os coñecedores das prácticas relixiosas dos xudeus e dos rabinos que os instruían no tempo de Xesús infórmannos de que se podían contar, nada máis e nada menos, que 613 mandamentos. Dos cales 248 eran preceptos e 365 prohibicións. Todos eles tiñan, ademais, o mesmo nivel de esixencia.
            Podemos dicir que Xesús nos liberou verdadeiramente deste complicado mundo normativo antigo para centrármonos nunha soa dirección: a do amor. En realidade se, como proclamaba Xoán, Deus é “amor”, entón Xesús, o Fillo benquerido de Deus, non podía mandarnos facer outra cousa có que o mesmo Deus Pai fai: amar, amar o seu fillo e amarnos a todos nós. Amar, esa é palabra que non pasa.
            Unha tarefa que non se remata no curto proceso da nosa vida e que precisa de todo unha eternidade para se realizar.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS:
            Pidámoslle a Deus Pai que nos fagamos conscientes do amor que el nos ten e nos dá para llelo comunicarmos tamén ós demais, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

            - Dános, Pai, a graza de vermos sempre unidos o noso amor a Ti e o noso amor a tódolos irmáns do mundo. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            - Concédenos, Pai, o espírito do teu fillo Xesús que se entregou ata a morte por todos, para podermos así tamén animarnos a amar os demais tal e como el o fixo. 
Todos: Escóitanos, Pai.
            - Concédelles, Pai, ós gobernantes das nacións espírito responsábel, desprendido e amoroso para atenderen sobre todo ós máis necesitados. 
Todos: Escóitanos, Pai.

            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, noso Señor. AMÉN.



Manuel Cabada Castro




VER MÁIS:

https://www.gruposdejesus.com/30-tempo-ordinario-mateu-2234-40/
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2017/10/29-de-outubro-domingo-30-do-tempo.html


Comentarios

Publicacións populares