Ficha e Lectio - Domingo 29 Ord. A
ADAPTADO DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
OS POBRES SON DE DEUS
Ás costas de Xesús, os fariseos chegan a un acordo para
prepararlle unha trampa decisiva. Non veñen eles mesmos atoparse con el.
Envíanlle a uns discípulos acompañados por uns partidarios de Herodes Antipas.
Talvez, non faltan entre estes algúns dos poderosos recadadores dos tributos
para Roma.
A trampa está ben pensada: “É lícito pagar impostos ao César
ou non”?. Se responde negativamente, poderano acusar de rebelión contra Roma.
Se lexitima o pago de tributos, ficará desprestixiado ante aqueles pobres campesiños
que viven oprimidos polos impostos, e aos que el ama e defende con todas as
súas forzas.
A resposta de Xesús foi resumida de xeito lapidaria ao longo
dos séculos nestes termos: “Ao César o que é do César e a Deus o que é de
Deus”. Poucas palabras de Xesús serían citadas tanto como estas. E ningunha,
talvez, máis falseada e manipulada desde intereses moi alleos ao Profeta,
defensor dos pobres.
Xesús non está pensando en Deus e no César de Roma como dous
poderes que poden esixir cada un deles, no seu propio campo, os seus dereitos
aos seus súbditos. Como todo xudeu fiel, Xesús sabe que a Deus lle pertence a
terra e todo o que contén, o orbe e todos os seus habitantes. (salmo 24). Que
pode ser do César que non sexa de Deus? Seica os súbditos do emperador, non son
fillos e fillas de Deus?
Xesús non se detén nas diferentes posicións que enfrontan
naquela sociedade a herodianos, saduceos ou fariseos sobre os tributos a Roma e
o seu significado: se levan “a moeda do imposto” nas súas bolsas, que cumpran
as súas obrigacións. Pero el non vive ao servizo do Imperio de Roma, senón
abrindo camiños ao reino de Deus e a súa xustiza.
Por iso, recórdalles algo que ninguén lle preguntou: “Dade a
Deus o que é de Deus”. É dicir, non deades a ningún César o que só é de Deus: a
vida dos seus fillos e fillas. Como repetiu tantas veces aos seus seguidores,
os pobres son de Deus, os pequenos son os seus predilectos, o reino de Deus
perténcelles. Ninguén ha abusar deles.
Non se ha sacrificar a vida, a dignidade ou a felicidade das
persoas a ningún poder. E, sen dúbida, ningún poder sacrifica hoxe máis vidas e
causa máis sufrimento, fame e destrución que esa “ditadura dunha economía sen
rostro e sen un obxectivo verdadeiramente humano” que, segundo o papa
Francisco, lograron impoñer os poderosos da Terra. Non podemos permanecer
pasivos e indiferentes acalando a voz da nosa conciencia na práctica relixiosa.
José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario