Ficha e Lectio - Domingo 27 Ord. A
ADAPTADO DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
CRISE RELIXIOSA
A parábola dos “viñateiros homicidas” é un relato no que
Xesús vai descubrindo con acentos alegóricos a historia de Deus co seu pobo
elixido. É unha historia triste. Deus
coidara del desde o comezo con todo agarimo. Era a súa “viña preferida”.
Esperaba facer deles un pobo exemplar pola súa xustiza e a súa fidelidade.
Serían unha “gran luz” para todos os pobos.
Con todo aquel pobo foi rexeitando e matando un tras outro
aos profetas que Deus lles ía enviando para recoller os froitos dunha vida máis
xusta. Para rematar, nun xesto incríbel de amor, envíolles ao seu propio Fillo.
Pero os dirixentes daquel pobo acabaron con el. Que pode facer Deus cun pobo
que defrauda de xeito tan cego e obstinado as súas expectativas?
Os dirixentes relixiosos que están escoitando atentamente o
relato responden espontaneamente nos mesmos termos da parábola: o señor da viña
non pode facer outra cousa do que dar morte a aqueles labradores e poñer o seu
viña en mans doutros. Xesús saca rapidamente unha conclusión que non esperan: “Por
iso eu vos digo que se vos vai quitar a vós o reino de Deus e daráselle a un
pobo que produza froitos”.
Comentaristas e predicadores interpretaron con frecuencia a
parábola de Xesús como a reafirmación da Igrexa cristiá como “o novo Israel”
despois do pobo xudeu que, logo da destrución de Xerusalén o ano setenta, hase
dispersar por todo o mundo.
Con todo, a parábola está falando tamén de nós. Unha lectura
honesta do texto obríganos a facernos graves preguntas: Estamos producindo nos
nosos tempos “os froitos” que Deus espera do seu pobo: xustiza para os
excluídos, solidariedade, compaixón cara ao que sofre, perdón...?
Deus non ten por que bendicir un cristianismo estéril do que
non recibe os froitos que espera. Non ten por que identificarse coa nosa mediocridade,
as nosas incoherencias, desviacións e pouca fidelidade. Se non respondemos ás
súas expectativas, Deus seguirá abrindo camiños novos ao seu proxecto de
salvación con outras xentes que produzan froitos de xustiza.
Nós falamos de “crise relixiosa”, “descristianización”,
“abandono da práctica relixiosa”... Non estará Deus preparando o camiño que
faga posíbel o nacemento dunha Igrexa máis fiel ao proxecto do reino de Deus?
Non é necesaria esta crise para que naza unha Igrexa menos poderosa pero máis
evanxélica, menos numerosa pero máis entregada a facer un mundo máis
humano? Non virán novas xeracións máis
fieis a Deus?
José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario