Lecturas Domingo 29 Ordinario - Domund

DOMINGO XXIX ORDINARIO -  CICLO A


Primeira Lectura     Is 45, 1. 4-6
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
Collín a man dereita de Ciro para someter ante si os pobos

             Así fala o Señor acerca do seu unxido,
Ciro, a quen el colleu da man dereita:
el someterá ante si os pobos, eu descubrirei ante el o lombo dos reis.
El abre ante si os portóns dobres, as portas non se pecharán ante el.
            Por causa do meu servo, Xacob, e de Israel, o meu elixido.
Si, chameite polo teu nome; creeite, aínda que non me coñecías.
            Eu son o Señor e non hai outro, fóra de min non hai deus.
Ameite, aínda que non me coñecías,
para que se saiba desde o nacente  ao solpor que non hai cousa sen min.
            Eu son o Señor e non hai outro.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 95, 1 e 3. 4-5. 7-8. 9-10a e c
R/.  (7b):  Tributade  ao Señor honor e forza.

Cantádelle  ao Señor un cántico novo,
cantádelle  ao Señor, a terra enteira;
Anunciade entre as xentes a súa gloria;
ante todos os pobos, as súas marabillas.

Grande é o Señor e digno de loanza,
máis temible ca todos os deuses.
Os deuses todos das nacións son aparencia,
pero o Señor fixo os ceos.

Tributade  ao Señor, pobos todos,
tributade  ao Señor honor e forza,
tributade  ao Señor a gloria do seu nome.
Collede ofrendas e entrade nos seus adros.

Adorade o Señor no adral sagrado,
trema na súa presenza a terra enteira.
Dicide entre as xentes:
"O Señor é rei, el goberna os pobos rectamente".


Segunda Lectura     1 Tes 1, 1-5b
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS TESALONICENSES
Facemos memoria da vosa fe e da caridade e da esperanza


            Paulo, Silvano e mais Timoteo, á Igrexa dos tesalonicenses, en Deus Pai e no Señor Xesús Cristo: deséxanvos graza e paz.
            Decote damos grazas a Deus por todos vós, facendo memoria de vós nas nosas oracións.             Continuamente nos lembramos diante de Deus, noso Pai, da actividade da vosa fe, do esforzo da vosa caridade e da firmeza da vosa esperanza no noso Señor Xesús Cristo.
            Ben sabemos, irmáns, benqueridos de Deus, que El vos escolleu. Porque o noso Evanxeo non quedou en palabras no voso caso, senón que se volveu forza exuberante do Espírito Santo.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA     Flp 2, 15d. 16a
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Reluciredes coma fachos no universo,
presentando a palabra de vida.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 22, 15-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Dádelle  ao Cesar o que é do Cesar, e a Deus o que é de Deus
  
            Naquel tempo, os fariseos fóronse reunir para veren o xeito de sorprender a Xesús nalgún dito. Así é que lle mandaron algúns discípulos deles con algúns partidarios de Herodes, que lle preguntaron:
            ‑ Mestre, sabemos que es sincero, que de verdade ensinas o camiño de Deus e que non andas con miramentos, pois non reparas na aparencia das persoas. Dinos, logo, que che parece: Está permitido pagarlle o tributo  ao Cesar ou non?
            Xesús, que lles coñeceu a malicia, contestoulles:
            ‑ Por que me queredes comprometer, hipócritas? Mostrádeme a moeda do tributo.
            Eles presentáronlle un denario. E el preguntoulles:
            ‑ De quen é esta imaxe e mais a inscrición?
            Contestáronlle:
            ‑ Do César.
            Entón replicoulles:
            ‑ Pois logo dádelle  ao César o que é do César, e a Deus o que é de Deus.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo




QUE O CÁNTICO AO SEÑOR SEXA UN CANTO AFINADO NA SOLIDARIEDADE E NA MISERICORDIA


ESCOITA ACTIVA
Que difícil nos resulta moitas veces ser agradecidos e recoñecer que os demais teñen feito cousas por nós!. Cómo nos poden o orgullo, a autosuficiencia ou a soberbia!. Porén, a mensaxe que Deus nos presenta para seguir e vivir é sempre a mesma: sede agradecidos, non deixedes de tender a man, abride horizontes de fraternidade, non deixedes que nada nin ninguén vos roube a esperanza!.

Permitamos que a palabra que vai ser proclamada resoe nos nosos corazóns e enchoupémonos dela. Só deste xeito poderemos aclamar a gloria de Deus no pequeno e sinxelo, no sorriso compartido, no tempo agradecido ao servizo dos demais!, como fan tantas e tantas misioneiros, cuxa tarefa hoxe temos presente dun xeito especial na Xornada Mundial das Misións, o DOMUND, unha xornada na que a Igrexa, cada un e cada unha de nós, tomamos conciencia da universalidade da nosa tarefa evanxelizadora, porque evanxelizar é transmitir alí onde nos atopamos coas nosas palabras, cos nosos xestos, coas nosas obras… en resumo, coa nosa vida, unha nova sinxela, unha nova achegada, unha nova que é alegría: Deus quérenos, ocúpase e preocúpase por nós.


CORAZÓN MISERICORDIOSO

*        Para que non deixemos que a autosuficiencia nos faga crer mellores, 
SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA HUMILDADE.

*        Para que fagamos do diálogo a ponte de entendemento cos demais, 
CRISTO, QUE CAMIÑEMOS NA HUMILDADE.

*        Para que aprendamos a converter a nosa fe non en costume nin en rutina, senón en solidariedade cara aos que precisen de nós, 
SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS NA HUMILDADE.

PALABRA ENRAIZADA
Deus sae ao encontro de cada un de nós non ao chou, senón acompañándonos de maneira persoal. Porque nos coñece non nos confunde; ao contrario, sabe perfectamente quen somos e como é a nosa vida: “Señor, ti escúlcasnos e coñécesnos”, dicimos no salmo. Na lectura que acabamos de escoitar do profeta Isaías, aparecen tres verbos que nos axudan a entender mellor isto que vimos dicindo:

CHAMEITE: Porque sabe quen somos, e non xoga ao xogo da confusión, cando nos chama sabe a quen se dirixe. E namentres aos demais podemos enganalos e aparentar o que non somos, non ocorre o mesmo con Deus. Na súa chamada está o desexo de que non camiñemos sós, nin tampouco que sexamos nós os que deixemos que outros vaian sós e desesperados.

CREEITE: Pero non se limita a chamarnos e deixarnos abandonados, senón que na súa chamada está presente sempre a nosa orixe: somos de Deus. Por iso o profeta fala de que nos creou. En Deus atopamos o si, o camiño, o horizonte por onde nos dirixirnos ata chegar á meta. Desde sempre e por sempre, está con nós. Que senón significa afirmar que somos dignidade?. 

AMEITE: E só quen terma, coñece e se preocupa, pode dicir que ama, quere, que se entrega e se dá aos demais. O seu amor non é un amor por interese nin por comenencia, senón un amor de entrega e doazón. Un amor desde o que El nos vai abrindo e mostrando o camiño.

 Quen ama, crea e chama, entende a grandeza do que significa dar grazas. E isto é difícil nun mundo como no que nós estramos, no que esta grandeza é moitas veces ignorada –non hai máis que escoitar as noticias nas que aqueles que querían aparentar ser importantes e poderosos, acaban sendo os mentireiros e enganadores, aproveitándose da sinxeleza dos que confiaban e coidaban que as palabras eran para ser respectadas- e pensamos que as reclamacións de dereitos non levan acompañadas as dos deberes; como se só fosen os demais os que tiveran obrigas para con nós, pero nós ningunha para con eles. Deste xeito –a lóxica do capital– é imposible –vémolo cada día– que entendamos a grandeza da gratuidade e do recoñecemento do que outros fan por nós. Ser agradecidos é unha tarefa que vai intimamente unida ao ser cristiáns. Que saibamos poñela en práctica!.

Agradecidos a Deus por ter confiado en nós, temos que ir xuntando esforzos, mans e corazóns con aqueles que teñen o mesmo empeño ca nós: non deixar que a ninguén lle sexa negada a súa dignidade. O Evanxeo libera de todo aquilo que vai impedindo que sexamos felices. Por iso a nosa misión coma crentes, a tarefa á que estamos chamados é evanxelizar, ou o que é o mesmo: anunciar que a dignidade que Deus nos deu a cada un e cada unha de nós debe ser respectada por riba de diferenzas de cultura, credo ou nivel social e económico. Por que non facemos isto realidade?. Hoxe, no día do DOMUND, somos invitados a botar unha ollada a noso mundo e traballar para que xustiza e igualdade deixen de ser unha utopía e pasen a converterse nunha realidade. O día das misións é unha chamada de atención, para todos nós, os que estamos no primeiro mundo, para que deixemos de lado esa falsa solidariedade que nos fai dicir “pobriños” e nos leva a darlle as migallas que caen da nosa mesa, para traballar pola xustiza, ou o que é o mesmo, para facerlle sitio na mesa e que compartan o banquete con nós. Todos somos Igrexa, todos somos fillos/fillas dun mesmo Pai, por que nos deixamos levar dos fundamentalismos que separan a uns en bos e a outros en indesexables?. Hoxe é un bo día para comprometernos na globalización do amor.


FRATERNIDADE ORANTE
Pedimos ao Señor que nos bendiga coa súa graza e co seu agarimo dicindo xuntos:
QUE A MISERICORDIA ENCHOUPE O NOSO ACTUAR

*        Que sexamos unha Igrexa de misericordia e non de rancor, Señor. Especialmente pedímosche que non teñamos medo aos cambios dentro da Igrexa, pois só así poderá entrar aire que a renove e a faga volver ás orixes do evanxeo, OREMOS.
QUE A MISERICORDIA ENCHOUPE O NOSO ACTUAR
*        Para que os traballos do Sínodo dean froitos de misericordia, levando acollida e alento a tantas familias que se ven en dificultades nas súas relacións e no seu esforzo por seguir querendo ser familias cristiás, a pesares dos fracasos e dificultades, OREMOS.
QUE A MISERICORDIA ENCHOUPE O NOSO ACTUAR
*        Para que sexamos sempre unha Igrexa leda e solidaria, aprendendo a mirar máis alá das lindes das nosas parroquias, para camiñar con esperanza na universalidade dunha fe que se mostre en forma de entrega solidaria entre os máis pobres e esquecidos do noso mundo, OREMOS.
QUE A MISERICORDIA ENCHOUPE O NOSO ACTUAR

Señor, que nos deixemos bendicir pola forza da túa palabra, para que vivamos a fe coa alegría de quen se sabe axudado para transformarnos persoal, comunitaria e socialmente. P.X.N.S. Amén.


MIRADA DE ESPERANZA

       DISCÍPULOS E MESTRES

Señor, ensínanos a mirar ao ceo,
a gustar das cousas de arriba,
a gardar as túas palabras,
a sentir a túa presenza viva,
a xuntarnos cos irmáns e coas irmás,
a anunciar a túa mensaxe,
a escoitar o teu Espírito,
a sementar o teu Reino,
a percorrer os teus camiños,
a esperar a túa chegada,
a sermos discípulos/as.

Señor, ensínanos a vivir na terra,
a seguir as túas pegadas,
a construír a túa comunidade,
a repartir os teus dons,
a saírmos de Xerusalén,
a investir os talentos,
a gozar da creación,
a camiñar polo amplo mundo,
a continuar o teu proxecto,
a morrer dando froito,
a ser cidadáns e cidadás.
Señor, ensínanos a gozar coma fillos e fillas
e a vivir coma irmáns e irmás.
Ensínanos a sermos discípulos e cidadáns.

                                                               (Ulibarri, Fl.)


CANTO GOZOSO
ENTRADA:  
LECTURAS: 
Como che cantarei
OFERTORIO:  
Misioneiro                                       
COMUÑÓN:  
Grazas, Señor, graciñas


POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares