Domingo 30 de Ordinario - ciclo A
DOMINGO XXX ORDINARIO
- CICLO A
Primeira Lectura Ex 22, 20-26
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Se danades á viúva e ao seu
fillo, desatarase o meu noxo contra vós
Así fala o Señor:
Non aflixirás nin
asoballarás os forasteiros, pois forasteiros fostes vós en terras de Exipto.
Non oprimirás as
viúvas nin os orfos. Se de feito os oprimes, e eles se queixan a min, eu
escoitarei certamente a súa queixa. O meu noxo acenderase e fareivos morrer a
espada. As vosas mulleres quedarán viúvas e os vosos fillos orfos.
Se lle emprestas
diñeiro a un do meu pobo, ao pobre que
vive onda ti, non te portarás coma un usureiro, cobrándolle intereses. Se tomas
en peñor o manto do teu próximo, antes de poñerse o sol devolverasllo, pois é o
vestido que ten para cubrir o seu corpo. Con que, se non, se taparía ao deitarse? Se se queixa a min,
escoitareino, porque eu son misericordioso.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 17,
2-3a. 3bc-4. 47 e 51ab
R/. (2): Eu ámote, Señor. Ti es a miña forza.
Eu ámote, Señor, a miña forza,
Señor, a miña rocha, o meu castro, o meu refuxio.
Meu Deus, penedo onde me acollo,
o meu escudo, o meu alcázar, o meu castelo.
Eu invoco o Señor, o adorable,
e salvarame dos meus inimigos.
Viva o Señor, bendita a miña rocha;
sexa exaltado Deus, o meu salvador,
o que lle dá ao rei grandes
vitorias
e mostra misericordia ao seu
unxido.
Segunda Lectura 1 Tes 1,
5c-10
LECTURA DA 1ª CARTA DO APÓSTOLO S.PAULO AOS TESALONICENSES
Convertéstesvos dos ídolos para servir a Deus e esperar o seu Fillo
Irmáns:
Ben sabedes como foi a
nosa actuación entre vós para o voso ben. E vós seguistes o noso exemplo e o do
Señor e, aínda que houbo tantas dificultades, acollestes a mensaxe coa alegría
do Espírito Santo, ata chegardes a ser exemplo para todos os crentes da
Macedonia e da Acaia.
Pois, partindo de vós,
resoou a palabra do Señor non só na Macedonia e na Acaia, senón que a vosa fe
en Deus resoou por todas as partes, de xeito que non precisamos falar cousa.
Eles mesmos contan cal
foi a acollida que nos destes e como vos convertestes dos ídolos para servir o
Deus vivo e verdadeiro, e para agardar desde o ceo o seu Fillo, a quen
resucitou de entre os mortos, Xesús, quen nos libra da ira vindeira.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA 1 Xn 14, 23
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Se alguén me ama, gardará a miña palabra, di o Señor;
e o meu Pai amarao e viremos a el.
Aleluia.
Evanxeo Mt 22, 34-40
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Amarás o Señor teu Deus e o teu próximo coma a ti mesmo
Naquel tempo, ao se decataren os fariseos de que Xesús lles
tapara a boca aos saduceos, reuníronse onda el, e un deles, doutor da lei,
preguntoulle para poñelo a proba:
Mestre, cal é na Lei o
gran mandamento?
El respondeulle:
-
Amarás o
Señor, teu Deus, con todo o teu corazón e con toda a túa alma e con todo o teu
entendemento; este é o mandamento grande e primeiro. O segundo é semellante a
el: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. Destes dous mandamentos dependen a
Lei enteira e mais os profetas.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
O ESQUECEMENTO LÉVANOS A
REPETIR OS ERROS QUE NOS FAN INFELICES
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
ESCOITA
ACTIVA
Seguro que as lecturas que imos proclamar hoxe
resúltannos moi coñecidas, polo menos por telas escoitado moitas veces. O que
ao mellor xa non é tan seguro é que lle teñamos prestado a atención que merecen
pola fondura da mensaxe que nos transmiten e pola forza coa que son
pronunciadas. Si, porque tanto as palabras do libro do Éxodo como as de Xesús
poñen o importante no centro, sen deixarse levar de modas ou rebumbios
mediáticos. O importante, o fundamental é manter sempre, e dise isto moi claro,
sempre o respecto e a defensa da persoa. Porque é ela, e só ela, a que posúe a
dignidade que comparte con Deus. Por iso é necesario respectala, comparta ou
non o noso xeito de pensar, rece a un Deus diferente ao noso ou teña unha
escala de valores que non compartimos. E iso é así porque a dignidade non nola
dá ningunha constitución nin ningún acordo internacional asinado por países,
senón que a dignidade vén con nós. Nace cando nacemos nós e acompáñanos ao
longo da nosa vida. Ninguén pode poñerse a medalla de térnola concedido.
Desde estas claves entenderemos logo os textos que
hoxe imos ler na celebración; e polo mesmo, non nos quedará outra que levar á
practica na nosa vida ese respecto que todas as persoas nos merecen.
CORAZÓN
MISERICORDIOSO
Moitas veces
temos actuado sen respectar ou escoitar o parecer da outra ou outras persoas
que nos falan,
SEÑOR, QUE APRENDAMOS A RESPECTAR AOS DEMAIS.
Cantas
veces, Señor, temos posta a foza nas nosas teimas, e on na túa invitación ao
amor!,
CRISTO, QUE APRENDAMOS A RESPECTAR AOS DEMAIS.
En moitas
ocasións, Señor, confundimos o amor ao próximo co amor a nós mesmos,
SEÑOR, QUE APRENDAMOS A RESPECTAR AOS DEMAIS.
PALABRA
ENRAIZADA
- Agora que os tempos andan medio revoltos, non está
de máis lembrar que a pureza de raza non existe. Todos somos froito da mestura,
e ninguén pode presentarse co “pedigrí” exclusivo de non terse contaminado con
ningunha outra cultura, lingua, raza ou clase. E isto é así porque o mundo é un
espazo aberto onde somos chamados a atoparnos e a colaborar uns cos outros, sen
sentírmonos nin mellores nin máis importantes cós demais. As fronteiras, as
diferenzas, as divisións, mesmo os desencontros son froito da creación humana;
e na maioría das veces esas creacións teñen levado ao esquecemento dos que non eran
iguais, e a ao enfrontamento para dominalos e sometelos ao noso antollo. Porén,
a lectura do libro do Éxodo volve lembrarnos que para e desde Deus, as cousas
no son así. El ten unha proposta diferente que se move na igualdade que
compartimos uns e outros por ser fillos do Deus Pai, e polo tanto irmáns e
chamados a atoparnos, colaborar, respectarnos, facernos a vida o máis leda e
libre posible uns aos outros. Diante desta oferta que El nos fai, nós
presentamos unha memoria fráxil e débil, esquecendo o importante namentres
somos capaces de pelexar ata matarnos polo secundario, polo accidental. Isto
fai que xa non lembremos que ninguén ten denominación de orixe –iso é para o
mundo mercantil, no que as cousas se compran e se venden– e polo tanto que
moitas das cousas / situacións polas que están a pasar as persoas que veñan de
fóra, doutros países, témolas vivido nós ou calquera outro membro da nosa
familia que tivo que emigrar. E se nós non o pasamos ben, por que nos empeñamos
en facérllelo pasar mal aos que agora chegan ao noso país? A opresión, a
indiferenza, a falta de respecto, o querer facelos de menos, o trato inxusto...
son todos eles comportamentos que se non nos gustaba que os fixeran a nós ou
aos nosos, tampouco debera de gustarnos que nós llelos fixeramos a outros. Ser
cristián e seguidor de Xesús chámanos a un estilo de vida que non está marcado
por unha relación de compra - venda, senón por unha relación de acollida,
encontro e igualdade. Non deixemos, logo, que aniñe en nós a traizón a este proxecto
que desde a palabra de Deus se nos invita a construír sabéndonos cidadáns dun
mundo que desde a diferenza non crea fendas senón pontes.
- Para evitar caer nesta banalización que fai de
menos ao ser humano –aos que son coma nós-, dinos o salmo que Deus é a nosa
forza. De verdade cremos isto?. De verdade ilusionámonos por saír ao encontro e
ofrecer mans e corazón desde a gratuidade e o compartir con quen o precise?.
Por moito que recemos repetindo palabras, se non damos o paso de facer desas
palabras actitudes e valores, de nada nos terá servido. El, si, é rocha, pero é
rocha para quen quere achegarse e sentir que a súa presenza leva a cambiar
actitudes e comportamentos individualistas e centrados no ego persoal para
pasar a desenvolver canto significa que o ti e o nós entren no noso xeito de
ver a vida e de facer as cousas. Deixemos entón que Deus sexa penedo ben
asentado no que poidamos atopar refuxio cando a tentación do fácil, cómodo e
mesquiño queira entrar na nosa vida. Inda que de mediocres está o mundo cheo,
ter a Deus coma penedo onde acollerse leva a afastar de nós a tentación de
facer dos demais parias dos que abusar porque son débiles.
- Como xa ben sabemos todos, Francisco publicou
neste ano un documento –exhortación pastoral– que se chama a “ledicia do
evanxeo”. Nela tenta facernos caer na conta de que se non nos achegamos ao
evanxeo cunha actitude de escoita e dispoñibilidade, non seremos capaces, por
moito que o escoitemos unha e outra vez, de entender que a ledicia e o motor
que o move. Porque a ledicia foi o que moveu o actuar de Xesús. E se iso é así,
ten que ser tamén para nós a forza, o alicerce que nos leve a ser testemuñas
desta ledicia no medio do mundo actual, alí onde estamos. Paulo dicíallelo
tamén aos tesalonicenses, e neles a cada un de nós. Se non somos capaces de
acoller e vivir desde a ledicia o evanxeo, poderemos chamarnos como queiramos,
pero non seremos capaces de experimentar o que é o amor de Deus, do que tantas
veces se nos enche a boca ao falar .Unha ledicia á que Xesús lle pon rostro e
letra: o amor. Pero non o amor desgastado polo uso indiscriminado da palabra,
senón o amor compromiso, o amor actitude, o amor entrega, o amor proximidade, o
amor ao irmán. Camiñemos logo neste amor ao que constantemente nos chama.
FRATERNIDADE
ORANTE
Pedimos ao Señor que acolla desde a tenrura a
oración que coma fillos/as lle presentamos dicindo xuntos:
QUE
O AMOR SEXA A NOSA FORTALEZA
- Para
que sexamos unha Igrexa liberadora e sempre disposta a erguer a súa voz diante
de calquera intento de explotar ou escravizar ao ser humano, OREMOS.
QUE
O AMOR SEXA A NOSA FORTALEZA
- Para
que nas nosas parroquias deixemos, dunha vez por todas, os enfrontamentos e
comecemos a camiñar buscando axudarnos e facer cousas que nos fagan máis felices,
OREMOS.
QUE
O AMOR SEXA A NOSA FORTALEZA
- Para
que cada un de nós teñamos sempre presente que os preferidos de Xesús non son
os que teñen moito e esmagan aos máis débiles; senón os que non teñen nada e
esperan de nós a man amiga que non se deixa agarrar pola inxustiza, nin polo
silencio de quen mira para outro lado, OREMOS.
QUE
O AMOR SEXA A NOSA FORTALEZA
Señor, que nos deixemos bendicir pola forza da túa
palabra, para que vivamos a fe coa alegría de quen se sabe axudado para
transformarnos persoal, comunitaria e socialmente. P.X.N.S. Amén.
MIRADA
DE ESPERANZA
Señor Xesucristo, Amor inmenso do Pai,
que nos enviaches o Espírito para que,
amando a Deus sobre todas as cousas,
cumpramos o mandamento novo do amor fraterno.
Danos un espírito novo que nos encha do Amor de Deus
para servir aos irmáns máis débiles e necesitados.
Fai que o noso servizo estea marcado pola caridade e
a misericordia,
o traballo pola xustiza, a promoción da dignidade da
persoa
e o amparo aos pobres e excluídos deste mundo.
Que en todo sigamos o teu exemplo de servidor
humilde e xeneroso,
paciente e esperanzado dos máis pobres e
necesitados.
Que seguindo os teus pasos, con obras e palabras,
sexamos para eles transparencia do teu amor e o teu
evanxeo.
Pedímoscho a ti, que co Pai e o Espírito
vives para sempre. Amén.
(Cáritas
Sevilla)
CANTO
GOZOSO
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario