Domingo 27 de Ordinario - ciclo A

DOMINGO XXVII ORDINARIO  -  CICLO A


Primeira Lectura     Is 5, 1-7
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
A viña do Señor poderoso é a casa de Israel

            Voulle cantar no nome do meu amigo unha canción de amor á súa viña.
            Tiña o meu amigo unha viña nunha das fértiles ladeiras.
Cavou, quitoulle as pedras, e plantouna de cepa selecta;
construíu no medio dela unha torre e tamén dispuxo un lagar;
esperaba que dese boas uvas, pero só llas deu agraces.
            E agora, habitantes de Xerusalén e homes de Xudá,
facede, por favor, de xuíces,
entre min e a miña viña.
            Que máis lle puiden facer á miña viña que non llo fixera?
Por que, esperando eu que dese boas uvas, deu tan só agraces?
            Pois agora vouvos dicir o que lle vou facer á miña viña:
quitarlle o valado para que sirva de pasteiro,
romperlle a cerca e que se volva un torreiro.
            Convertereina nun ermo, non se podará nin cavará;
o cardo e mais a silveira medrarán nela;
ós mesmos trebóns mandareilles que non chovan sobre ela.
            Si, a viña do Señor dos Exércitos é a casa de Israel;
e os homes de Xudá, a súa preferida plantación.
            Esperaba deles o cumprimento do dereito, e velaquí: sangue vertido.
            Esperaba deles xustiza, e velaquí: berros de auxilio.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 79, 9 e 12. 13-14. 15-16. 19-20
R/.  (Is 5, 7a):  A viña do Señor é a casa de Israel.

Arrincaches de Exipto unha vide,
expulsaches nacións para a plantar;
estendeu as súas ramas ata o mar
os seus gromos ata o río.

Por que lle derrubaches os valados,
para que a vendimen cantos pasan?
Os xabarís estragan nela
e devórana as bestas do campo.

Vólvete, Deus dos exércitos,
olla desde o ceo e fíxate,
ven visitar a  túa viña,
a videira que plantaches coa túa man,
o bacelo que ti fortaleciches.

Non nos afastaremos máis de ti;
dános vida de novo,
e invocaremos o teu nome.
Restáuranos, Señor Deus dos exércitos;
que brille o teu rostro e seremos salvos.



Segunda Lectura     Flp 4, 6-9
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Facede isto e o Deus da paz será convosco
  
            Irmáns:
            Non desacouguedes por cousa ningunha. En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de grazas.
            E a paz de Deus, superior a todo o imaxinable, custodiará os vosos corazóns e os vosos pensamentos en Cristo Xesús.
            Do resto, meus irmáns, todo o que sexa verdadeiro, todo o que sexa serio, xusto, honesto, todo o que sexa estimable, o que sexa honroso, calquera virtude ou cousa loable que haxa, iso é o que debedes apreciar.
            O que aprendestes, recibistes, oístes e vistes en min, iso é o que tedes que levar á práctica.          E o Deus da paz estará convosco.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



ALELUIA     Cf. Xn 15, 16
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Eu escollinvos do medio do mundo, para que vaiades e frutifiquedes,
e o voso froito dure, di o Señor.
Aleluia.



Evanxeo     Mt 21, 33-43
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Arrendou a viña a outros labradores
  
            Naquel tempo, díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
            ‑ Escoitade outra parábola:
            Dunha vez había un propietario que plantou unha viña; rodeouna dunha sebe, cavou nela un lagar e construíu un caseto para o garda. Logo, arrendóullela a uns viñateiros e marchou para lonxe.
            Cando chegou o tempo da vendima, mandou os seus criados aos viñateiros, para cobrar a s rendas. Pero os viñateiros agardáronos, e a un zorregáronlle, a outro matárono e a outro apedrárono. De novo mandou outros criados, máis numerosos; pero tratáronos do mesmo xeito.
            Por último, mandoulles o seu propio fillo, dicindo para si: "O meu fillo hano respectar". Pero os viñateiros,  ao veren o fillo, comentaron: "Este é o herdeiro: veña, matémolo, e a herdanza será nosa". E agarrárono, botárono fóra da viña, e matárono.
            ‑ Ben, e cando veña o señor da viña, que fará cos viñateiros aqueles?
            Respondéronlle:
            ‑ A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendaralles a viña a outros viñateiros, que lle paguen as rendas no seu tempo.
            Díxolles entón Xesús:
            ‑ Seica non lestes nunca na Escritura:
            A pedra que desbotaron os canteiros é agora o esquinal:
            esa pedra colocouna o Señor, que regalía para nós!?
            Por iso dígovos: quitarásevos a vós o Reino de Deus, e daráselle a un pobo que produza bos froitos. 

 Palabra do Señor                             
R/. Loámoste, Cristo





UNHA FE UNIVERSAL QUE NON MARCA DIFERENZAS, 

SENÓN QUE INVITA A COIDAR A VIÑA QUE É DE 

TOD@S – 27 Domingo TOA 2014


ESCOITA ACTIVA

            Nesta mañá na que nos xuntamos sabendo que no noso camiño non imos sós, senón que El nos acompaña, dispoñámonos a abrir o corazón á oración comunitaria, para que sexa a nosa celebración un momento de esperanza compartida e de fe celebrada desde o gozo de sabernos viña do Deus que sabe dar os mellores froitos en forma de man aberta a quen nola pida, sorriso sincero a quen o busca en nós e ollos limpos para quen necesita unha mirada de amor, encontro e acollida.
Que recemos con gusto neste encontro de amor que busca reanimarnos sabendo que na viña do Señor, sempre, todos temos sitio onde acougar e sentírmonos queridos.


CORAZÓN MISERICORDIOSO

•        Porque en máis dunha ocasión témonos sentido donos e non irmáns,                                                SEÑOR, PERDÓN POR ESQUECERNOS DE TI.
•        Porque non sempre queremos traballar na viña do Señor creando xustiza e sementando fraternidade e igualdade nas nosas relacións,
CRISTO, PERDÓN POR ESQUECERNOS DE TI.
•        Porque moitas veces crémonos mellores e máis importantes cós demais,                                           SEÑOR, PERDÓN POR ESQUECERNOS DE TI.


PALABRA ENRAIZADA

 A linguaxe simbólica e poética está moi presente ao longo de toda a biblia, e especialmente nos libros dos profetas. O que acabamos de ler hoxe é un deles. Nel Deus preséntase como o dono da viña, e o profeta coma o seu amigo; a viña é o pobo de Israel. A través desta linguaxe simbólica, o profeta tenta achegar a relación e preocupación de Deus polo pobo. Pero namentres Deus camiña na fidelidade e na proximidade, termando e preocupándose polo seu pobo, este vaise afastando del cada vez máis. Por iso o labor do profeta é lembrar, unha e outra vez, que hai tornar a Deus, que se están afastando, que a súa vida, persoal e coma pobo, vai perdendo forza e sentido, o que repercute na propia historia duns e outros. Deus xa fixo todo e máis pola súa viña. Diante de toda esta entrega non recibiu máis ca desplantes e esquecementos, polo que chegou o momento de abrir horizontes, de dar oportunidades a outros. A quen queira prestar atención, a quen estea disposto a formar parte da viña, si, pero tamén a traballar nela para que dea o mellor dos froitos: a fidelidade a Deus e a entrega solidaria e sempre preocupada aos demais. Porque os outros, os que non pertencen a esta viña, ao pobo de Israel, tamén merecen formar parte da viña do Señor porque chegou o momento de abrir novos camiños e propoñer horizontes esperanzadores. A pertenza á viña -e isto non o acababan de entender os israelitas, pero tampouco o queren entender hoxe moitos cristiáns-, non se adquire ni por sangue nin por herdanza, senón por decisión persoal e libre. Só así, con decisión e liberdade, se poderá traballar a viña con alegría e sen cansar, e esta acabará dando froitos, os mellores.

 Porque a viña xa non é exclusiva duns poucos, senón que ofrecida a todos, sen exclusión, é acollida polos que queiran. En liberdade e sen presións. En Xesús exprésase esta cambio na súa radicalidade. Un cambio que os xudeus non entenderon, o que levou a que perseguiran a Xesús, por entender que era un revolucionario que lles alteraba o rigorismo fundamentalista das súas tradicións; e tamén, como consecuencia, perseguiron, expulsaron e mataron aos seus seguidores; non dubidando en aliarse mesmo cos seus inimigos, os romanos, para acadar tal fin. Paulo, que é o mellor expoñente da posibilidade sempre aberta de cambiar, de mirar cara adiante, e de non estar sempre a sacarlle aos demais o que xa foi de outro tempo e quedou atrás. Pois diciamos que Paulo foi dos primeiros en entender que a relación entre a viña e o dono cambiara, e que iso supuña un xeito distinto de estar o mundo e de facer as cousas. Por iso na súa travesía séntese acollido e acompañado para levar adiante novas metas e proxectos. Un deles foi abrir a proposta de Xesús -porque a viña non é exclusiva só duns poucos- máis alá das fronteiras de Israel. E esta carta aos cristiáns de Filipos é un destes xestos/pasos que Paulo dá para superar fronteiras e abrir novos horizontes. Isto supuña en primeiro lugar cambiar as actitudes e a maneira de ver a realidade. Os ollos eran os mesmos, pero co cambio de corazón que propuña Xesús –e que vale tamén hoxe para nós– a realidade víase distinta. Por iso lles fala de paz, de acoller e favorecer todo canto sexa xusto, honroso,estimable... non para gardalo a modo de alguén sabio e posuidor da ciencia, senón para vivilo, para poñelo ao servizo dunha relación fraterna e de iguais entre eles. Son estas unhas palabras que seguen a ter resonancia nos nosos oídos para que cambien o corazón. Porque só deste xeito, poderemos formar parte da viña de Xesús. Nela non hai raza nin cores, linguas nin culturas, senón que na pluralidade e na diferenza somos capaces de entendernos. Pero, entendemos, de verdade, nós este xeito que ten Paulo, seguindo a Xesús, de formular e facer as cousas?

 Xesús, retoma a imaxe da viña e volve propoñernos que se queremos formar parte da súa viña –non doutra, senón da súa– temos que ir deixando atrás falsas ideas, comprensións equivocadas e reducións da súa mensaxe a costumes. Por moito que nos esforcemos por poñerlle balados a súa viña, estes non serven para nada, pois na viña de Señor, tal e como temos escoitado, os balados ábrense para que nela entre quen queira. Só se pon unha condición a esta entrada: a disposición a traballar pola xustiza e a aprender a ver nos demais non cousas que utilizamos segundo os nosos intereses, senón fillos e fillas de Deus, e polo tanto irmáns/ás, cos que temos que traballar en todo canto supoña, como lles dicía Paulo aos filipenses, comportamentos xustos, solidarios e verdadeiramente humanizadores. Nisto, e non noutras cousas, é no que nos diferenciamos os seguidores de Xesús dos que queren selo pechándose na viña e facendo balados que separan, xulgan, condenan e diferencian. O único dono da viña -do mundo– é Deus, e a ninguén lle corresponde mandar, impoñer, someter ou silenciar a quen busca o respecto de todos e a defensa da dignidade que Deus puxo en nós, e non só non nos diferenza, senón que nos iguala.


FRATERNIDADE ORANTE

Deus chámanos a formar parte da súa viña sen excluír a ninguén, abramos o corazón e compartamos a nosa oración dicindo:
SEÑOR, QUE FAGAMOS DA TÚA VIÑA UN ESPAZO DE MISERICORDIA.
       Para que a Igrexa sexa viña na que todos poidamos traballar dando froitos de perdón, misericordia, xustiza e paz, sen que ninguén sexa excluído no nome do purismo ritualista e dogmático, OREMOS.
SEÑOR, QUE FAGAMOS DA TÚA VIÑA UN ESPAZO DE MISERICORDIA.
       Para que nas nosas parroquias non nos deixemos levar polos contos, os comentarios ferintes e as maldades que tanto dano fan e tanta tristura poñen no corazón e na vida de moitos veciños/as, OREMOS.
SEÑOR, QUE FAGAMOS DA TÚA VIÑA UN ESPAZO DE MISERICORDIA.
       Para que saibamos ser traballadores da viña que se achegan a quen está enfermo, comparten  tempo con quen o está  pasar mal e se atopa só ou tende a man a aquel que se sente esquecido porque todos lle dan as costas, OREMOS.
SEÑOR, QUE FAGAMOS DA TÚA VIÑA UN ESPAZO DE MISERICORDIA.
Señor, unha vez máis invítasnos a abrir o corazón a unha oración solidaria e comprometida, que busca tender a man aos irmáns que nos necesitan. Que nunca lle deamos as costas a quen nos busca para que o axudemos. P.X.N.S. Amén.



MIRADA DE ESPERANZA

En calquera ámbito da vida, optar é elixir e é renunciar, porque deixamos cousas atrás. Ao valorar unha -a que eliximos-, sobran as outras, as que deixamos. Por iso o estilo de vida ao que nos invita Xesús parte do positivo, o que non deixa de ter riscos e perigos. Pero estando atentos, estes perigos podémolos afrontar con valentía. E do mesmo xeito que existe a pedagoxía do medo, a represión, a submisión e a dependencia, pódese dar tamén a pedagoxía da liberdade, a creatividade, as relacións igualitarias, a corresponsabilidade ou a felicidade. Hai que saber medir os riscos e procurar telos controlados, para que non nos superen. Calquera elección que fagamos: profesión, parella, amigos/as, valores... é sempre un risco, pero un risco que temos que correr. Porque a ninguén se lle escapa que toda elección xera dúbidas e incertezas; pero se nos quedamos no cómodo, no fácil ou na indecisión permanente, non só seguiremos tendo esas dúbidas; senón que nos recoñeceremos coma fracasados. E non hai cousa peor para unha persoa que a sensación de fracaso. Deixemos logo que o dono da viña nos siga alentando a acompañando para que tomemos decisións e fagamos eleccións en liberdade e buscando canto nos leva a ser máis felices e mellores persoas.


CANTO GOZOSO
 
 ENTRADA: 
 LECTURAS: 
 OFERTORIO: 
 COMUÑÓN:


POWER POINTS





Comentarios

Publicacións populares