Chamade ás vodas a cantos atopedes - Mt 22, 1-14

Domingo 28 de Ordinario - ciclo A


GRAZAS 
POLA INVITACIÓN Á VODA

Grazas, Pai,
porque desde toda a eternidade
te fixaches en min amorosamente.

Grazas pola túa invitación sincera, verdadeira
ao banquete da fraternidade universal,
realizada para min no seo do meu pobo,
da miña comunidade e parroquia.

Grazas porque nos queres coma en vodas,
con liberdade e espontaneidade,
con felicidade e humor,
con abundancia repartida,
sempre ao redor do amor e da tenrura.

Grazas, Pai, por esta oferta que me fas,
e que estendes graciosamente a todo o mundo:
ti non exclúes a ninguén da túa festa,
e tampouco non queres que nós os excluamos.

Grazas tamén por todos os teus criados
que ao longo dos anos da miña vida
me foron recordando e aproximando a túa invitación;
algúns eran de lonxe, e case non os coñecía.

Grazas polos que comigo foron realizando e compartindo
a marabillosa mesa de irmandade.
Cantas horas e días de loita e de frescura,
cantos detalles, cantos exemplos de amor
enterrados no suco das familias, das parroquias!

Pai, Pai fiel e amoroso,
atoparasme sempre disposto e aseado
para a festa das vodas do teu fillo?
toparasme sempre á man
para a diminuta tarefa diaria de ser irmán? 


Comentarios

Publicacións populares