Domingo 28 de Ordinario - ciclo A
DOMINGO
XXVIII ORDINARIO - CICLO A
Primeira
Lectura Is 25, 6-10a
LECTURA
DO LIBRO DE ISAÍAS
Fará
festa o Señor e enxugará todas as bágoas
Nesta montaña o Señor dos Exércitos ofreceralles a todos os pobos
un
banquete de boas talladas, de viños anellos,
carnes
ben condimentadas, viños refinados.
Destruirá nesta montaña o veo que tapa a todos os pobos, a cuberta que cobre a
todas as nacións.
O meu Señor, Deus dos Exércitos, destruirá a morte para sempre,
enxugará
as bágoas de todas as caras,
afastará
de todo o país a vergonza do seu pobo.
Si, díxoo o Señor.
No día aquel dirase:
"Ollade,
este é o noso Deus, esperamos nel: El hanos salvar.
Este é o Señor, esperamos nel, gozaremos e alegrarémonos coa súa
salvación".
Si, a
man do Señor descansa sobre esta montaña.
Palabra
do
Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL
Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
R/.
(6cd): Eu habitarei na casa do Señor por días prolongados sen
fin.
O Señor
é o meu pastor, nada me falta:
En
pastos verdecentes faime repousar.
El
lévame a beber en augas tranquilas
e repón
as miñas forzas;
Guíame
por vereas rectas,
por mor
do seu nome.
Se tiver
de pasar por valgadas sombrizas,
ningún
mal temería, pois ti vas comigo:
o teu
bastón e o teu caxato son o meu sosego.
Ti pos
para min a mesa,
á cara
dos meus inimigos;
únxesme
con perfume a cabeza,
e a miña
copa reborda.
O teu
benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
todos os
días da miña vida.
Eu
habitarei na casa do Señor
por días
prolongados sen fin.
Segunda
Lectura Flp 4, 12-14. 19-20
LECTURA
DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Teño
forzas para todo grazas a quen me fai forte
Irmáns:
Hoxe sei vivir na miseria e na fartura. En calquera situación estou ensinado
para estar farto e para pasar fame; para ter de abondo e para non ter nada.
Teño forzas para todo grazas a quen me fai forte. Mesmo así, fixestes ben en
tomardes coma vosa a miña dificultade.
O meu Deus, pola súa parte, cubrirá todas as vosas necesidades, conforme a súa
riqueza, con magnificencia en Cristo Xesús.
Gloria a Deus, noso Pai, polos séculos dos séculos. Amén.
Palabra do
Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Ef
1, 17-18
Se non
se canta, pódese omitir
Aleluia,
aleluia.
O Pai do
noso Señor Xesús Cristo ilumine os ollos do noso corazón,
para que
saibamos cal é a esperanza da nosa vocación.
Aleluia.
Evanxeo
Mt 22, 1-14 (longa)
LECTURA
DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Chamade
ás vodas a cantos atopedes
Naquel tempo, Xesús púxose de novo a falarlles en parábolas aos sumos
sacerdotes e aos anciáns do pobo:
‑ Parécese o Reino dos Ceos a un rei que celebrou o casamento de seu fillo.
Mandou os seus criados ir chamar polos convidados á voda, pero estes non
querían ir.
Volveu mandar outros criados, encargándolles: "Dicídelles aos
convidados: Mirade que teño preparado o banquete, xa están mortos os becerros e
mais os demais animais cebados; todo está disposto: vide á voda!"
Pero eles, sen lles faceren caso, fóronse: un ás súas leiras, outro aos
seus negocios. Os demais botáronse aos criados, maltratáronos e
matáronos.
Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos
asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade. E díxolles aos criados:
"A voda está preparada, pero os convidados non a merecían. Así que ide ás
encrucilladas dos camiños; e a cantos atopedes, convidádeos á voda".
Saíron aos camiños os criados e xuntaron a todos os que atoparon, bos e
malos, enchéndose de convidados a sala da voda.
Cando entrou o rei para ollar os convidados, viu un home que non vestía traxe
de voda e díxolle: "Amigo, como entraches aquí sen traxe de voda?" El
ficou caladiño: Entón o rei díxolles aos camareiros: "Atádeo de pés
e mans, e botádeo fóra, ás tebras, onde será o pranto e mais o renxer dos
dentes".
Porque os chamados son moitos, pero poucos os escollidos.
Palabra do
Señor
R/. Loámoste, Cristo
______________________________________________________________________
Ou: 1-10 (máis breve)
LECTURA
DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Naquel tempo, Xesús púxose de novo a falarlles en parábolas aos sumos
sacerdotes e aos anciáns do pobo:
‑ Parécese o Reino dos Ceos a un rei que celebrou o casamento de seu fillo.
Mandou os seus criados ir chamar polos convidados á voda, pero estes non
querían ir.
Volveu mandar outros criados, encargándolles: "Dicídelles aos convidados:
Mirade que teño preparado o banquete, xa están mortos os becerros e mais os
demais animais cebados; todo está disposto: vide á voda!"
Pero eles, sen lles faceren caso, fóronse: un ás súas leiras, outro aos seus
negocios. Os demais botáronse aos criados, maltratáronos e matáronos.
Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cos
asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade. E díxolles aos criados: "A
voda está preparada, pero os convidados non a merecían. Así que ide ás
encrucilladas dos camiños; e a cantos atopedes, convidádeos á voda".
Saíron aos camiños os criados e xuntaron a todos os que atoparon, bos e malos,
enchéndose de convidados a sala da voda.
Palabra do
Señor
R/. Loámoste, Cristo
E TI.... VÉS VESTIDO DE
FESTA?
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
ESCOITA ACTIVA
Sabemos dar consello, impartir doutrina, explicar as
escrituras, instruír na oración, falar de Deus....Temos o mercado aberto para
quen queira vir e mercar. Lemos e estudamos, amasamos e metemos ao forno o pan
saboroso da Boa Nova. Sabemos ensinar, pero practicamos o que ensinamos?.
Sabemos indicar claramente o camiño, pero percorrémolo nós?. Falamos de fe, de
servizo, de oración e de sacramentos; pero probamos nós algo diso?. O mercado
do espírito é tal que, se non somos os primeiros en aprezar co noso uso e a
nosa ledicia o que lle propoñemos a outros, baixará a demanda.
Que esta celebración que agora comezamos nos axude a
aprender a disfrutar a Boa Nova e o banquete para podelo repartir, pois para
ser cristián e cristiá cómpre empezar a gozar de Deus e dos seus agasallos hoxe
e aquí.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Polas moitas veces nas que renunciamos a vestir o
noso corazón co traxe do perdón, da misericordia, da comprensión e da escoita,
SEÑOR, REVÍSTENOS COA TÚA MISERICORDIA.
Porque non estamos dispost@s a saír ao camiño da
vida para ir ao encontro, invitar, coñecer, observar, acoller e acompañar aos
que ninguén invita, recoñece, observa, acolle ou acompaña, CRISTO,
REVÍSTENOS COA TÚA MISERICORDIA.
Porque seguimos vivindo unha fe oportunista, que fai
que contemos contigo cando as cousas nos van ben pero que descreamos e mesmo
reneguemos de Ti nas dificultades e nos problemas, SEÑOR, REVÍSTENOS COA TÚA
MISERICORDIA.
PALABRA ENRAIZADA
* En
tempos de crise como son os que estamos a vivir, a lectura que vimos de
escoitar de Paulo é todo un reto: ”hoxe sei vivir na miseria e na fartura”. De
verdade poderíamos nós dicir o mesmo?. Non. Máis ben nós estamos moi
acostumados a vivir na fartura, pero pouco ou nada na miseria; é dicir, na
dificultade, no sacrificio, no esforzo, no aforro... valores que consideramos
coma secundarios, deixámolos de lado e non movemos nin un só dedo para que a
nosa xente nova vaia medrando neles, senón que lle “aforramos” esforzo,
dificultades e sacrificios dándolle todo feito. Por iso en momentos de
dificultade económica, cultural, política, relixiosa...como son os actuais,
rapidamente nos vimos abaixo, desanimámonos, e todo nos vai desesperanzando e
desilusionando. Porque é moi fácil vivir na fartura; pero moi difícil facelo na
miseria. Ao bo afacémonos moi pronto... e prescindir del cústanos demasiado.
Nesta situación, é bo non esquecer o alento da Palabra de Deus. Madurar, medrar
como persoas, supón aprender a afrontar os retos que a vida nos vai pondo
diante, deixando atrás o fácil, a queixa, o laio, a nostalxia, para comezar a
afrontar as situación e a tentar darlles resposta. Diante das dificultades non
debemos perder a nosa capacidade de análise, de reflexión, sen deixarnos levar
nin do primeiro que se nos ocorra nin do que nos resulte menos esforzado. Coma
Paulo, tamén temos forzas grazas a quen nos fai fortes, grazas a quen nos reúne
hoxe aquí; grazas a quen nos vai acompañando no camiño da nosa vida. Sabemos da
súa presenza e sentimos a súa forza?. Ou non?. Porque ao mellor, se non é así,
teríamos que preguntarnos se de verdade debemos levar o nome de seguidores
seus; se de verdade se nos nota que El é o que dá sentido á vida, e así o
vivimos; se El é quen nos vai dando folgos para que a desesperanza e o
desalento non aniñen na nosa vida.
* Desde
a época dos profetas, Israel describía a alegría dos tempos mesiánicos coma un
banquete. Pola súa banda Xesús, que coñecía moi ben a vida dura e monótona dos
campesiños, sabía como esperaban a chegada do sábado para liberarse do traballo.
Víaos disfrutar nas festas e nas vodas.... daquela, que experiencia podía haber
máis gozosa para aquelas xentes que ser invitadas a un banquete, sentar na mesa
e compartir unha festa?. O banquete é símbolo do Reino de Deus: abundancia,
festa, fraternidade, gratuidade..... Non podemos esquecelo, somos invitad@s a
un banquete. O amor: esa será a chave que nos permita entrar ó banquete de
vodas. Por iso a parábola móstranos unhas sorpresiñas:
- as persoas
que reciben a invitación non queren asistir, desculpan a súa asistencia. Para
moitos daqueles cidadáns, a invitación a un banquete (o sono de calquera
israelita!) non é algo importante. Para outros, mesmo é algo molesto: maltratan
aos servidores do rei e mátanos.
- a negativa
incomoda ao rei, pero non suspende o banquete. Os servidores saen de novo e
esta vez invitan a todas as persoas que atopan, boas e malas. A negativa non
detén o amor de Deus, o ofrecemento do Reino segue facéndose malia ás nosas
escusas e a nosa falta de acollida.
o a festa só
comeza cando a sala está chea. Mentres, haberá que saír aos camiños, anunciando
o banquete. Ninguén é chamado polos seus méritos, reúnen a todos os que atopan,
bos e malos.
- unha
derradeira sorpresa: chega o rei e sorprende a un invitado sen traxe de festa e
bótao fóra. A gratuidade de Deus reclama a nosa responsabilidade e o noso
compromiso. Deus bríndanos a posibilidade de entrar no seu Reino: tod@s estamos
invitados á voda, non hai acepción de persoas; pero esixe unha condición: levar
traxe de festa, ou o que é o mesmo: servir na vida de cada día a mensaxe de
Xesús, actuando dacordo co Evanxeo. E, ás veces, canto nos custa!: dicimos crer
en Deus, e mesmo acudimos ás celebracións; pero comprometer a nosa vida, o noso
tempo, o que somos e o que temos a prol dos irmáns.... iso xa é outro cantar.
Somos socialmente cristiáns, pero non somos cristiáns de conviccións.
Hoxe é un bo día para cambiarmos o noso traxe de
diario polo traxe de festa. Para cambialo, aquí está o meu tempo, o meu
esforzo, a miña man.
FRATERNIDADE ORANTE
Hoxe domingo, día tamén do Pilar, Deus invítanos a
responder ao seu seguimento fixándonos no actuar de tantos homes e mulleres,
que como María, souberon dicir si a Deus. Fagámolo dicindo xuntos:
QUE COMO MARÍA, SAIBAMOS DICIRCHE
QUE SI
- Pola Igrexa, para que saiba dicir si a Deus desde
a fidelidade ao mundo de hoxe; e semente coa súa presenza, a súa palabra e as
súas accións a imaxe dun Deus acolledor, xusto, esperanzado e comprometido coas
preocupacións das xentes de hoxe, OREMOS.
QUE COMO MARÍA, SAIBAMOS DICIRCHE
QUE SI
- Polas nosas comunidades parroquiais, para que nos
impliquemos en cambiar canto non nos fala de Deus, unindo vontades e forzas
para que as cousas muden, OREMOS.
QUE COMO MARÍA, SAIBAMOS DICIRCHE
QUE SI
- Por todos nós, para que respondamos á invitación
do Señor, cunha vida renovada e cunha fe madura e comprometida, sendo
conscientes da vixencia de mostrar a todas as persoas a ledicia de seguir a
Xesús, OREMOS.
QUE COMO MARÍA, SAIBAMOS DICIRCHE
QUE SI
Señor,
dános azos para que este curso que agora estamos a comezar, dea froitos de boas
obras e compromiso a favor dos máis necesitados en cada un de nós. P.X.N.S.
Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Cando veñades, non esquezades traer a vida,
quentiña entre os brazos.
Non sexades espectadores.
Traédea tal e como é, vida vivida:
con ventos e silveiras,
e tamén tecida con lazos de paz e amor.
Vinde sen maquillaxe.
Traede a dúbida, o desencanto, o berro de protesta.
Vestídevos de todo aquilo que se leva hoxe.
Pero o voso interior que chegue ben espido,
con fame de banquete, con arela de festa,
aberto de par en par á vida nova.
CANTO GOZOSO
* ENTRADA:
Con ledicia vamos todos ao altar
* LECTURAS:
Como che cantarei?
* OFERTORIO:
* COMUÑÓN:
Grazas, Señor, graciñas
Comentarios
Publicar un comentario