Ficha e Lectio - Domingo 28 Ord. A
ADAPTADO DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com.es/
LECTIO:
INVITACIÓN
Xesús coñecía moi ben como gozaban os campesiños de Galilea
nas vodas que se celebraban nas aldeas. Sen dúbida, el mesmo tomou parte en
máis dunha. Que experiencia podía haber máis gozosa para aquelas xentes que
seren convidados unha voda e poderen sentar cos veciños a compartir xuntos un
banquete de vodas?
Este recordo vivido desde neno axudoulle nalgún momento a
comunicar a súa experiencia de Deus dun xeito novo e sorprendente. Segundo
Xesús, Deus está preparando un banquete final para todos os seus fillos pois
quere velos a todos sentados, cabo del, gozando para sempre dunha vida
plenamente ditosa.
Podemos dicir que Xesús entendeu a súa vida enteira coma
unha grande invitación a unha festa final no nome de Deus. Por iso, Xesús non
impón nada á forza, non preme a ninguén. Anuncia a Boa Noticia de Deus, esperta
a confianza no Pai, acende nos corazóns a esperanza. A todos lles ha chegar a súa invitación.
Que foi desta invitación de Deus? Quen a anuncia? Quen a
escoita? Onde se fala na Igrexa desta festa final? Satisfeitos co noso
benestar, xordos ao que non sexan os nosos intereses inmediatos, parécenos que
xa non necesitamos de Deus. Afarémonos aos poucos a vivirmos sen necesidade de
alimentarmos unha esperanza última?
Xesús era realista. Sabía que a invitación de Deus pode ser
rexeitada. Na parábola “dos convidados á voda” fálase de diversas reaccións dos
invitados. Uns rexeitan a invitación de xeito consciente e rotunda: “non
quixeron ir”. Outros responden con absoluta indiferenza: “non fixeron caso”.
Impórtanlles máis as súas terras e negocios.
Pero, segundo a parábola, Deus non desalenta. Por encima de
todo, haberá unha festa final. O desexo de Deus é que a sala do banquete se
encha de convidados. Por iso, hai que ir a “ás encruceladas dos camiños”, por
onde camiñan tantas xentes errantes, que viven sen esperanza e sen futuro. A
Igrexa ten de seguir anunciando con fe e alegría a invitación de Deus
proclamada no Evanxeo de Xesús.
O papa Francisco está preocupado por unha predicación que se
obsesiona “pola transmisión desarticulada dunha multitude de doutrinas que se
intenta impoñer á forza de insistencia”. O maior perigo está segundo el en que
xa “non será propiamente o Evanxeo o que se anuncie, senón algúns acentos
doutrinais ou morais que proceden de determinadas opcións ideolóxicas. A
mensaxe correrá o risco de perder o seu frescor e deixará de ter cheiro a
Evanxeo”.
José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire
Comentarios
Publicar un comentario