Domingo 31 de Ordinario - ciclo A

DOMINGO XXXI ORDINARIO  -   CICLO A



Primeira Lectura     Mal 1, 14b -- 2, 2b. 8-10
LECTURA DO LIBRO DE MALAQUÍAS
Apartastes a moitos do vieiro, desviástelos do cumprimento da lei
  
            Eu son o gran Rei ‑fala o Señor dos Exércitos ‑,
e o meu Nome é temible entre os pobos.
            Agora esta orde vai para vós, sacerdotes:
            Se non facedes caso e se non colledes a peito darlle gloria
ó meu Nome ‑fala o Señor dos Exércitos ‑,
botarei contra vós a maldición.
            Vós apartastes a moitos do vieiro,
desviástelos do cumprimento da lei,
violastes a alianza con Leví ‑ fala o Señor dos Exércitos ‑.
            Tamén eu vos volverei desprezables e viles para todos os pobos, na medida en que vós non gardastes os meus vieiros,
e na medida en que non considerastes estimable a lei.
            Non temos todos nós un único Rei?
Non vos criou a todos o único Deus?
            Por que traizoamos cada un o seu irmán,
violando a alianza de nosos pais?

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 130, 1. 2. 3
R/.  Garda, Señor, a miña alma en paz diante de ti.

Señor, o meu corazón non é soberbio
nin os meus ollos altivos.
Non persigo grandeza
nin marabillas que me exceden.

Eu acalmo e acalo a miña ansia,
coma un meniño no colo da súa nai;
coma nun meniño está en min a miña ansia.

Agarde Israel o Señor,
desde agora e para sempre.


Segunda Lectura     1 Tes 2, 7b-9. 13
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO AOS TESALONICENSES
Queriamos entregarvos non só o Evanxeo de Deus, senón tamén a nosa vida


            Irmáns:
            Fixémonos tenros no medio de vós, coma unha nai que agarima os seus fillos. Polo cariño que vos tiñamos estabamos dispostos a entregarvos non só o Evanxeo de Deus, senón a nosa propia vida: tanto vos fixestes querer.
            Acordaravos, irmáns, o noso esforzo e fatiga: traballando noite e día, por non sermos unha carga para ningún de vós. Así foi como vos predicamos o Evanxeo de Deus.
            É tamén por isto polo que lle damos decote grazas a Deus: porque, ao recibirdes de nós a palabra de Deus, acolléstela non coma palabra de homes, senón coma o que verdadeiramente é: coma palabra de Deus, que actúa en vós, os crentes.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Mt 23, 9b. 10b
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Un é o voso Pai, o celestial;
e un é o voso mestre, Cristo.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 23, 1-12
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Din, pero non fan

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos discípulos e mais á xente:
            ‑ Na cátedra de Moisés sentaron os letrados e mais os fariseos. Facede, logo, e cumpride canto vos digan, pero non imitedes a súa conduta porque falan pero non cumpren. Atan fardos pesados e cánganos no lombo dos outros, pero eles nin un dedo poñen para os mover.
            Todo o que fan é para que os vexan: visten aparatosamente, ancheando os filacterios e as franxas dos seus mantos; buscan os primeiros postos nos banquetes e os primeiros asentos nas sinagogas; que lles fagan reverencias nas rúas e que lles chamen "mestre".
            ‑ Vós non vos fagades chamar "mestre", pois un só é o voso Mestre, e todos vós sodes irmáns. E a ninguén na terra chamedes "pai", porque un só é o voso Pai, o celestial. Nin tampouco vos fagades chamar "guieiro", porque un só é o voso Guieiro, Cristo.
            O máis importante entre vós ha de ser servidor voso. Porque quen se enaltece, será humillado, e quen se humilla, será enaltecido.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo                                   




             COIDADO COS PEDESTAIS!... SE CAES, DOE!
                                                     
                                                          Domingo 31 TOA  2014        

 TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/


PÓRTICO

Acostumados a ver xente que é capaz de deixar atrás privacidade, dignidade ou respecto por un minuto de gloria no alto do pedestal, resulta polo menos curioso, escoitar o que nos di Malaquías na primeira lectura sobre o fráxil e perigoso que é estar subido nun pedestal. Si, porque as alturas, en ningún campo da vida, tampouco no eclesial, son boas, e deixan pegada, triste pegada. Son tantas as veces nas que ao querer estar nas alturas esquecemos que ninguén é máis ea ninguén, que acabamos traizoando ao irmán que confía e necesita de nós.
Que non nos deixemos levar dos cantos de serea, e poñamos todo o noso interese en ser sinxelos e achegados, sen buscar nin poder nin aplauso, senón coherencia e fidelidade a aqueles valores que queremos sexan eixo da nosa vida.

PERDÓN

•          Porque moitas veces somos orgullosos e non renunciamos a estar nos pedestais da soberbia e a
superioridade,                                                
SEÑOR, DANOS UN CORAZÓN SINXELO.
•          Porque en demasiadas ocasións deixámonos levar de actitudes de poder e dominio, esquecendo
que Xesús nos invita a ser servidores,           
CRISTO, DANOS UN CORAZÓN SINXELO.
•          Porque nos falta fondura humana e nos sobra superficialidade,
SEÑOR, DANOS UN CORAZÓN SINXELO.


REMUÍÑO

Como nos custa que as palabras, que tan facilmente saen das nosas bocas, se convertan en vida. Que difícil nos resulta que compartir, dar, axudar... se fagan realidade e deixen de ser simplemente palabras. E así nos loce o pelo .... Porque o fariseísmo que Xesús denuncia e que por desgraza se está a converter nunha actitude permanente na nosa Igrexa é un aviso para que coidemos de caer nesta deformación relixiosa. Lembremos que non foi a xente considerada pecadora e proscrita a que se opuxo a Xesús, senón precisamente os máis piadosos e relixiosos do pobo. É este un fenómeno frecuente cando a fe se transforma en fanatismo cego ao servizo da lei, do culto, do dogma ou da institución, traizoando o espírito relixioso. Colocamos entón ideas e estruturas por riba do amor, chegando ao desprezo do máis sagrado e importante: as persoas. Sóanos o conto?

Nun tempo no que a mediocridade parece que é un valor á alza, tamén dentro da igrexa, cómpre que tomemos nota do recadiño que hoxe nos manda o Mestre. Tres son as acusacións que Xesús lles fai aos escribas e aos fariseos de onte e de hoxe:

 VANIDADE: Pasean pomposamente enfundados nas súas roupaxes, comprácense nas reverencias e nos saúdos por parte da xente, no acaparamento dos postos de honra nos banquetes e nas asembleas, no saíren nos papeis, en que falen deles ... A relixión é só hábito vistoso que cobre intereses persoais máis ben baixos, mera aparencia... A práctica relixiosa úsase con fins egoístas.
Instrumentalízase a Deus co fin de construírse o propio monumento. Todo é finximento, puro exhibicionismo, para que as persoas recoñezan a súa autoridade e o seu prestixio. Buscan chamar a atención do pobo, sempre crédulo diante das aparencias. Cómpre, pois, modestia e discreción. Converterse de que o hábito non chega para cubrir o baleiro, que debemos ser recoñecidos polos valores que levamos dentro e non polos que nos "botamos" enriba. Que un "portador de hábito" non é necesariamente un "portador de Deus" .

HIPOCRISÍA E INCOHERENCIA: Devoción ostentosa, baseada na cantidade e na duración das oracións, feitas como espectáculo para lograr a estima e a admiración do pobo sinxelo ... pero non fan o que din. O que din non é falso ... pero as súas obras desmenten as súas palabras, e ao fin e ao cabo ... a árbore coñécese polos seus froitos.

DOBRE RASEIRO: Legalismo opresor para os demais e indulxencia e escapatoria para si mesmos. Autocomplácense na súa propia moral externa e baleira, mentres agonían e culpan á xente co peso da lei. En vez de axudar aos pobres, pequenos e indefensos non dubidan en explotalos dun xeito descarado, aproveitándose deles e da súa boa fe. Mentres para nós e para os nosos o xustificamos todo, o entendemos todo, o desculpamos todo ... para os demais, aqueles que non son da nosa corda, non ternos escrúpulos en poñer sobre os seus ombreiros pesadas cangas.  Atopamos así unha relixiosidade baleira, arrogante, formalista, caracterizada pola exterioridade e o legalismo cruel (que é o coñecemento de todas as leis agás a do amor) dominada por persoas ávidas de poder, honores e triunfos ... Unha relixión na que as teimas persoais acaban por volverse obsesións que non serven para nada máis que para perder tempo e enerxías, deixando un pouso de tristura e desalento. Dá a impresión de que nos sobra tempo e corno non ternos en que investilo, dedicámonos a perdelo en cuestións superficiais... corno se a vida non tivese moito no que poder traballar e comprometerse para buscar a felicidade... pero, claro, iso supón sacrificio, esforzo, renuncia .... Porque non nos enganemos: para ocupar cargos e honras nunca faltarán candidatos; o difícil é achar persoas dispostas a gastar e desgastar a súa vida a prol dos demais, sen máis pretensións que seguir o camiño de Xesús.

Esta é a verdadeira grandeza, posto que estas son as persoas verdadeiramente necesarias.    Fronte desta esquizofrenia, Xesús volve facer a súa proposta dunha Igrexa: unha comunidade na que non hai inchados posuidores da verdade, senón humildes e apaixonados buscadores; na que hai abundancia de "ministros da paciencia de Cristo", na que os responsables reivindican o privilexio de servir; na que a grandeza está medida pola pequenez; na que a carreira está determinada pola caridade; na que quen exerce a autoridade non escurece e non ten pretensión de substituír ao único Mestre, senón que o fai visible, case sensible, coa súa transparencia e a súa capacidade de discreción; unha comunidade na que ninguén pretende controlar e manipular e na que os únicos títulos válidos son "aprendices" na fe, no servizo e no amor. E nós, onde nos situamos?  


ORACIÓN DA COMUNIDADE

Porque non queremos estar en ningún pedestal, senón servir acompañando desde a igualdade, presentamos agora a nosa oración e dicimos xuntos:
SEÑOR, QUE NON LLE POÑAMOS CANGAS PESADAS AOS IRMÁNS  

Para que sempre teñamos presente que a ledicia do servizo, e nunca do aproveitamento dos demais, é a que nos fai seguidores de Xesús, Oremos.
SEÑOR, QUE NON LLE POÑAMOS CANGAS PESADAS AOS IRMÁNS
Para que nas nosas comunidades non nos sintamos nunca nin superiores nin mellores ea os demais, senón servidores de quen nos necesite, Oremos.
SEÑOR, QUE NON LLE POÑAMOS CANGAS PESADAS AOS IRMÁNS             
Para que cada un e cada unha de nós non esquezamos nunca que a soberbia, o orgullo e a superioridade non son valores, senón contravalores moi afastados do evanxeo, Oremos.
SEÑOR, QUE NON LLE POÑAMOS CANGAS PESADAS AOS IRMÁNS

Que esta oración compartida nos abra os ollos e nos dispoña a participar na vida da comunidade, rexeitando a tentación de quedar á marxe. P.X.N.S. Amén.



REFLEXIÓN


Cristo, para poder servirte mellor, dáme un corazón nobre,.
Un corazón forte
para tender a ideais altos
e non a opcións mediocres.

Un corazón xeneroso no traballo, vendo nel non unha imposición senón unha misión que me confías.

Un corazón grande para o sufrimento,
sendo valente soldado
diante da miña propia cruz
e sensible cireneo para a cruz dos demais.

Un corazón grande para co mundo,
sendo comprensivo coas súas fraxilidades
pero inmune ás súas seducións
.

Un corazón grande para as persoas,
leal e atento para con todos
pero especialmente servizal e delicado
cos pequenos e humildes.

Un corazón nunca centrado sobre min, sempre apoiado en ti,
feliz de servirte e servir aos meus irmáns, meu Señor, 
todos os días da miña vida. Amén.
                       (Ignacio Larrañaga)


CANTOS

ENTRADA: Andarei
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:


POWER POINTS


Comentarios

Publicacións populares