Festa de Tódolos Santos
FESTA DE TODOS OS SANTOS
Solemnidade
Ciclo A
Primeira Lectura Ap 7, 2-4. 9-14
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
Eu vin un mundo de xente, que ninguén era capaz de contar,
de todas as
nacións e tribos e pobos e linguas
Eu, Xoán, vin outro
anxo máis, que tiña o selo do Deus vivente, subir desde o nacente. Dicíalles a
berros aos catro anxos, a quen se lles deu poder de danar a terra e o mar:
- "Non lles
fagades mal á terra nin ao mar, nin ás árbores, ata que marquemos co selo na
testa os servos do noso Deus!".
E oín o número dos que tiñan a marca, cento
corenta e catro mil, marcados de entre todas as familias de Israel.
Despois disto mirei e
vin un mundo de xente, que ninguén era capaz de contar, de todas as nacións,
familias, razas, pobos e linguas, en pé diante do trono do Año. Vestían roupa
branca e levaban ramallos de palma nas mans. Proclamaban con gran voz:
- "A salvación
perténcelle ao noso Deus, que senta no trono, e mais ao Año".
Todos os anxos que
estaban en pé arredor do trono, dos anciáns, e dos catro animais, axeonlláronse
diante do trono para adoraren a Deus. Proclamaban:
- "Amén! A
bendición, a gloria, a sabedoría, a acción de grazas, a honra, o poder e mais a
forza perténcenlle ao noso Deus, polos séculos dos séculos. Amén.
Un dos anciáns
preguntoume:
- "Quen son e de
onde viñeron estes que van vestidos de roupa branca?".
Eu respondinlle:
- "Meu Señor, ti
xa o sabes".
E díxome:
- Estes son os que
veñen de pasar as súas grandes penas; lavaron os seus vestidos e branqueáronos
co sangue do Año.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 23, 1-2.
3-4ab. 5-6
R/. (cf 6): Esta é a liñaxe dos que buscan a túa presenza,
Señor.
Do Señor é a terra e canto a enche,
o orbe e canto nel habita.
El é quen a fundou sobre os mares,
e quen a asegurou sobre as correntes.
Quen poderá subir ao monte do Señor?
Quen poderá quedar no seu santuario?
O que ten inocentes as mans e puro o corazón.
Ese recibirá bendición do Señor,
e xustiza de Deus, o seu salvador.
Así é a liñaxe dos que o buscan,
dos que buscan a presenza do Deus de Xacob.
Segunda Lectura 1 Xn 3, 1-3
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
Veremos a Deus tal como é
Benqueridos irmáns:
Vede o moito que nos
quixo o Pai, para nos chamar fillos de Deus e sérmolo de verdade.
Por iso o mundo non
nos recoñece: porque tampouco non o recoñeceu a El.
Meus amigos, xa somos
fillos de Deus, pero aínda non está á vista o que seremos; sabemos que cando
Xesús apareza, nós seremos coma El, xa que o veremos tal e como é.
Todo o que ten posta
en Xesús esta esperanza, trata de vivir unha vida limpa, para ser limpo coma
El.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Mt 11, 28
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Achegádevos a min todos os que estades cansos
e oprimidos, que eu vos aliviarei, di o Señor.
Aleluia.
Evanxeo Mt 5, 1-12a
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.
Naquel tempo, Xesús,
ao ver a multitude, subiu ao monte, sentou e achegáronselle os seus
discípulos; e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:
Ditosos os pobres no
espírito,
porque deles é o Reino dos ceos.
Ditosos os que choran,
porque eles serán consolados.
Ditosos os sufridos,
porque eles herdarán a terra.
Ditosos os famentos e
sedentos de xustiza,
porque eles ficarán fartos.
Ditosos os
misericordiosos,
porque eles serán tratados con misericordia.
Ditosos os de corazón
limpo,
porque eles verán a Deus.
Ditosos os que
traballan pola paz,
porque eles serán chamados fillos de Deus.
Ditosos os perseguidos
por causa da xustiza,
porque deles é o Reino dos ceos.
Ditosos vós cando vos
aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa; alegrádevos e
reloucade, porque grande será a vosa recompensa nos Ceos.
Palabra
do Señor R/
Loámoste, Cristo
VIVIR
APLICANDO O MENOS COMÚN DOS SENTIDOS:
O SENTIDO
COMÚN
Todos os Santos TOA 2014
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
PÓRTICO
Bo día! A festa de Todos Santos, a festa dos sinxelos de
corazón e vida, volve convocarnos unha vez máis neste comezo de novembro para
que fagamos memoria agradecida de tantas persoas de tantos tempos e lugares que
camiñaron como servos e servas de Deus; tantos homes e mulleres que creron
sempre que o amor era o meirande ben; de tanta xente, dunha multitude tan
inmensa que nos enche o corazón de esperanza, porque, coñecidos ou
descoñecidos, todas aquelas persoas que hoxe celebramos viviron o que nós queremos
vivir, e por iso axúdannos e acompáñannos.
Na festa de Todos os Santos, sintamos nós tamén a ledicia de
querer camiñar polo vieiro polo que eles pasaron. Sintamos a ledicia de
pertencer a este mundo de homes e mulleres que quixeron ser pobres e amar, mantendo
acesa a lámpada do Espírito. Que esta celebración que agora comezamos nos axude
a sentir a ledicia de ser chamados e chamada s a sermos benaventurados,
celebrando a vida e o amor de Deus que se derrama no noso mundo cada día.
O PERDÓN
Polas
veces nas que caemos no pesimismo, na desesperanza e na apatía, renunciando a
traballar por outro mundo máis humano e máis xusto, SEÑOR QUE CAMIÑEMOS
CON SENTIDIÑO.
Porque non
cremos nos pobres, nos famentos, nos que choran, nos misericordiosos, nos que
traballan pola xustiza, nos limpos de corazón, nos desposuídos e nos que
traballan pola paz, CRISTO, QUE CAMIÑEMOS CON SENTIDIÑO.
Porque non acabamos de fiarnos de que Ti es a meta cara á
que camiñamos, e que nos esperas cos brazos abertos, SEÑOR, QUE CAMIÑEMOS CON
SENTIDIÑO.
REMUÍÑO
MIREI UN MUNDO DE XENTE, DE TODAS AS NACIÓNS, TRIBOS, POBOS
E LINGUAS: Na festa de Todos os Santos, a Palabra, unha vez máis, volve
falarnos de universalidade. E é que Deus non cansa nunca de insistir en que El
non fai distingos nin exc1usións, que para El todos posuímos a mesma dignidade,
que chama por todos e todas nós. O abrente está, pois, preñado de esperanza.
Somos invitados a mirar cara adiante e a alegramos, porque os plans de Deus
vanse cumprindo. A nosa contabilidade, que peca de mesquiña, non coincide coa
de Deus. Hoxe celebramos a ese mundo de xente do que se nos fala no libro da
Apocalipse. Algunhas destas persoas foron canonizadas, son coñecidas e mesmo
veneradas dentro da Igrexa; pero nesta morea de xente tamén hai persoas que non
aparecen nos santorais, que non contan nas nosas listas pero si nas de Deus.
Persoas sinxelas que, no medio das dificultades, souberon ser fieis a Deus e
vivir como nos ensinou Xesús: polo camiño das benaventuranzas.
CANDO XESÚS APAREZA SEREMOS COMA EL, PORQUE O VEREMOS TAL
COMO É: Porque de certo que se collemos o camiño que Deus nos marca, atoparemos
sentido para a nosa vida. Nós, pola fe, sabemos que non camiñamos sen rumbo,
que Deus é a nosa meta. A resurrección de Xesús abriunos a porta e marcounos a
orientación. Nas nosas mans está aplicar o sentido común, fiamos e deixamos
guiar por ela, como fixeron ao longo da historia tantas e tantas persoas boas
que pasaron polo mundo facendo o ben e que agora están ao seu carón,
participando da súa resurrección.
Por iso a festa de hoxe, a pesar de que nos lembra
cemiterios e nos deixa un pouso de tristura, é unha chamada á esperanza, á
ledicia: camiñamos cara ao encontro con Deus.
BENAVENTURADOS VÓS: Porque se de verdade poñemos nel a nosa
esperanza, traballaremos por realizar, cadaquén no seu ambiente e segundo a súa
personalidade, o sentido das benaventuranzas. Porque ser santo e santa é ...
- seguir sendo unha persoa normal, que sinte a
insatisfacción que produce unha visión do mundo na que a xente acepta como
necesidade ter moitos cartos.
- sentir a preocupación do desemprego e do paro, e
solidarizarse con quen o sofre, traballando para que os responsables teñan unha
mentalidade menos lucrativa e busquen o ben común.
- ofrecer a nosa amizade a quen se atopa só.
- non aceptar a violencia á que nos leva a competición, a
xenreira que esperta en nós a separación de persoas con barreiras económicas,
sociais, relixiosas ou raciais.
- buscar a superación de todas as situacións negativas que
producen sufrimento nas persoas.
- saberse fillos de Deus, o que significa querer estreitar
lazos de irmandade
- vivir coa limpeza de corazón suficiente como para camiñar
pola vida sen segundas intencións, ofrecendo sinceridade e confianza.
- ter confianza, esperanza e ledicia, porque Xesús está
connosco facendo posible unha convivencia nova que inverta, coma as benaventuranzas,
todo o noso sistema de valores.
- decidir construír esa nova humanidade na que as persoas se
aman, son solidarias e capaces de axudarse, sen que haxa rexeitamentos por mor
da cor, dos cartos ou do poder.
- manter o espírito combativo a pesar de que sabemos que é
unha tarefa difícil e lenta, e na que somos conscientes de que moitas veces
seremos criticados.
É entón cando poderemos falar de santidade, porque a pesar
de todo mantemos a esperanza de que a
tarefa realizada por e con Xesús terá un bo final e a fraternidade irá
facéndose realidade ata que todos sexamos autenticamente irmáns, santos,
felices, ditosos e benaventurados.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Na festa de toda a Igrexa, a festa de todas as persoas que
souberon facer da súa vida un canto de amor compartido e solidario, poñámonos
en actitude de agradecer a Deus o seu exemplo e digamos:
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA
Pola Igrexa que formamos todos e todas nós, para que sempre
saibamos testemuñar de palabra e obra o espírito das benaventuranzas sendo
sinxelos, pobres, limpos de corazón, pacíficos, famentos de xustiza e
misericordiosos, OREMOS.
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA
Polas
nosas comunidades, para que aceptemos a todas as persoas sen exclusión e así
deamos testemuño do amor de Deus, que é sempre incluínte e non fai distingos,
OREMOS.
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA
Por tantas e tantas persoas ao noso carón que, sen facer
balbordo e sen publicidade, traballan acompañando a quen está só, escoitando a
quen está triste, sendo voz de quen non a ten, alentando a quen está desesperanzado,
visitando a quen está enfermo, dando así verdadeiro testemuño de santidade, OREMOS.
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA
Por tantas
persoas que repousan nos nosos cemiterios e foron para nós exemplo de servizo,
de esperanza, de alegría e de testemuño cristián, OREMOS.
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA
Por cada un e cada
unha de nós, para que, confiando no Señor, deixemos de vivir esta festa con
espírito triste, con espírito de morte, e comecemos a camiñar na benaventuranza
de quen descobre a Deus como meta do seu camiño, OREMOS.
GRAZAS POLO TESTEMUÑO DE TANTA XENTE BOA
Grazas por
poñer diante de nós, o testemuño entregado e sempre ledo de tantas persoas que
son capaces de mostrar coa súa vida e entrega, que é posible seguirte no aquí a
agora do noso mundo.
P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Camiñar na santidade é:
gañar honradamente o pan de cada día,
gardar o corazón da envexa e da cobiza,
agradecer e gozar cos logros que imos acadando,
compartir do que ternos con quen non ten nada,
poñer o corazón na harmonía veciñal,
gastar do noso para que a comunidade medre,
enxugar bágoas, sementar risas e ledicias,
denunciar o sistema inxusto que fai que moitas persoas
morran de fame,
alzar a voz diante das inxustizas do noso mundo,
abrir camiños que levan ao pan compartido,
quedar sen nada, pero téndoo todo,
andar tralos pasos de Xesús ...
con liberdade, con humildade, con alegría,
sabendo que hai garantía de futuro porque El é a fonte da
nosa felicidade.
CANTOS
ENTRADA:
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario