Ficha e Lectio - Domingo 30 Ord. A





LECTIO:

CRER NO AMOR

A relixión cristiá resúltalles a non poucos un sistema relixioso difícil de entender e, sobre todo, un armazón de leis demasiado complicado para viviren correctamente ante Deus. Non necesitamos os cristiáns concentrármonos moito máis na nosa atención por coidar primeiro de nada o esencial da experiencia cristiá?

Os evanxeos recolleron a resposta de Xesús a un sector de fariseos que lle preguntan cal é o mandamento principal da Lei. Así resume Xesús o esencial: o primeiro é “amarás ao Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma e con todo a túa ser”; o segundo é “amarás ao teu próximo como a ti mesmo”.

A afirmación de Xesús é clara. O amor é todo. O decisivo na vida é amar. Aí está o fundamento de todo. O primeiro é vivirmos ante Deus e ante os demais nunha actitude de amor. Non temos de perdernos en cousas accidentais e secundarias, esquecendo o esencial. Do amor arrinca todo o demais. Sen amor todo fica pervertido.

Ao falar do amor a Deus, Xesús non está a pensar nos sentimentos ou emocións que poden brotar do noso corazón; tampouco nos está convidando a multiplicar os nosos rezos e oracións. Amar ao Señor, o noso Deus, con todo o corazón é recoñecermos a Deus como Fonte última da nosa existencia, espertar en nós unha adhesión total á súa vontade, e respondermos con fe incondicional ao seu amor universal de Pai de todos.

Por iso engade Xesús un segundo mandamento. Non é posíbel amar a Deus e vivirmos de costas aos seus fillos e fillas. Unha relixión que predica o amor a Deus e se esquece dos que sofren é unha gran mentira. A única postura realmente humana ante calquera persoa que atopamos no noso camiño é amala e buscar o seu ben como quixésemos para nós mesmos.

Toda esta linguaxe pode parecer demasiado vella, demasiado gastada e pouco eficaz. Con todo, tamén hoxe o primeiro problema no mundo é a falta de amor, que vai deshumanizando, un tras outro, os esforzos e as loitas por construírmos unha convivencia máis humana.

Hai uns anos, o pensador francés, Jean Onimus escribía así: “O cristianismo está aínda nos seus comezos; lévanos traballando só dous mil anos. A masa é pesada e necesitaranse séculos de maduración antes de que a caridade a faga fermentar”. Os seguidores de Xesús non temos de esquecermos a nosa responsabilidade. O mundo necesita testemuñas vivas que axuden ás futuras xeracións a crer no amor pois non hai un futuro esperanzador para o ser humano se termina por perder a fe no amor.



José Antonio Pagola
Traduciu: Xaquín Campo Freire




Comentarios

Publicacións populares