FICHA E LECTIO: Domingo 28 do Tpo.Ordinario A

 FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2

LECTIO:

Rexio e gratuíto convite de voda

 (11 de outubro de 2020)

            Xesús é ben clariño nas cousas que nos conta. Era un home do pobo e entendíase ben coa xente normal e corrente, referíndose a cousas concretas e a experiencias ordinarias e comúns daqueles cos que convivía. Non falaba coa linguaxe dos chamados “entendidos”, ós que ás veces non se lles “entende”.

            Dito isto, ¿quen non recibiu algunha vez na vida un convite para unha voda ou desexou, polo menos, que o convidasen? E se non ten experiencia do que ocorre nunha festa ou nun xantar de voda, sobre todo se se trata dunha voda popular ou tradicional, convídoo a ler o que escribiu Curros Enríquez no seu engaiolante poema, incluído no seu libro “Aires da miña terra”, que leva como título “Unha voda en Einibó”.

            Entre nós, as tradicións teñen moita forza por aquilo que dicía xa o P. Sarmiento no século XVIII: “os galegos son tenaces en manter os seus costumes”. E as nosas vodas en tempos pasados duraban tantos días e eran tan abondosas en xantares, bebidas e demais, que os responsábeis políticos e eclesiásticos (bispos ou autoridades civís, que viñan maioritariamente de fóra de Galicia) tiveron que poñer couto, sobre todo desde o século XVI, a tales supostos excesos. Porque, tal como polo menos argumentaban os responsábeis eclesiásticos ou civís, aquel dispendio podía mesmo chegar á ruína dos que convidaban á voda.

            Mais en realidade, o que pretenden dunha ou outra forma os que convidan a unha voda é manter e fortalecer os vencellos de amizade e relacións que unen os noivos e familiares máis próximos cos demais. E iso realízase creando comensalía, amizade e alegría por medio dun xantar.

            Sabemos que Xesús no comezo da súa vida pública asistiu como convidado, el e maila súa nai, a un xantar de vodas (as coñecidas como as vodas de Caná de Galilea). Era unha maneira de anunciar, xa desde o principio e de maneira plástica, por onde ían os tiros, para dicilo dalgunha maneira... En realidade, o que vén anunciarnos Xesús, como mensaxe fundamental seu e do Pai-Deus, é que todos, mulleres e homes de tódolos tempos e lugares do mundo, formamos unha mesma comunidade de orixe e de destino. Somos todos fillos de Deus, irmáns polo tanto entre nós e chamados a sentármonos á mesma mesa con el e írmonos así asemellando cada vez máis a el ó participarmos da súa divindade.

            Por iso non se acaba de entender moi ben por que somos tan reticentes a aceptarmos un convite tal. Quizais incluso por el se nos presentar como algo tan incríbel que nos semella pura fantasía ou ilusión.

            Na parábola de Xesús dísenos que os convidados á voda do fillo do rei ou simplemente non querían ir, ou formulaban escusas, como a de que estaban moi leados, que tiñan moito que facer ou que estaban metidos ata a cabeza en  “negocios” que desgraciadamente non lles permitían a asistencia. En definitiva, tratábase, tal como adoitan dicir as persoas que se consideran importantes, de problemas de axenda.

            Pois ben, fronte ás estudadas escusas dos convidados, o evanxeo de Xesús é basicamente unha invitación a respondermos con xenerosidade e agradecemento ó incríbel convite de Deus a sermos plenamente felices con el. Xustamente en función disto puxo el desde o principio nos nosos corazóns unha indefinida querenza ou tendencia á felicidade (¿quen non quere ser absolutamente feliz?). En perfecta coherencia con esta tendencia ofrécenos el gratuitamente, por pura xenerosidade e graza súas, estarmos na súa compaña, participando da súa felicidade e do seu poder. Sen que para iso teñamos que escoller, na lista de voda para acontecemento tan grandioso, galano algún. Pois Deus non precisa de nós cousa ningunha. El é absoluta plenitude e xenerosidade. Só quere regalarse a si mesmo a todos e cada un de nós en toda a súa grandeza e en todo o seu amor e xenerosidade.

            Á vista de todo isto, o lóxico e axeitado sería, xa que logo, aceptarmos sen máis este inimaxinábel convite de Deus e dedicármonos en consecuencia, en alma e corpo, a vivirmos esta experiencia dun Deus que quixo vir estar connosco para sempre. Unha experiencia á que estamos chamados tódalas persoas de boa vontade.

            Porque en realidade a voda da que aquí se fala é en certo modo a voda de Xesús mesmo con toda a humanidade. O Fillo de Deus, ó se encarnar ou converter nun de nós, casa, é dicir, emparenta en certo modo con toda a humanidade e, de maneira especial, cos máis pobres, necesitados ou discriminados.

            E este emparentamento está decidido por Deus Pai para sempre. Deus non vai deixar que o que el realizou -a voda do seu fillo coa humanidade- vaia resultar en definitiva unha voda fracasada. Deus levará a cabo os seus designios e as cousas naturalmente sairanlle ben. Algo disto semella xa anunciársenos na mesma parábola cando alí se nos comenta que, a pesar das escusas duns ou doutros, a sala de voda se encherá: “Saíron –dísenos nela- ós camiños os criados e xuntaron a tódolos que atoparon, bos e malos, enchéndose de convidados a sala da voda”.

            Impulsados, xa que logo, polos dons divinos da fe e a esperanza, construamos ese mundo novo no que exista verdadeira e auténtica fraternidade.

 

Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:

https://www.gruposdejesus.com/28-tempo-ordinario-a-mateu-221-14/

Comentarios

Publicacións populares