FICHA E LECTIO: Domingo 27 do Tempo Ordinario A
FICHAS ANTERIORES: FICHA 1 / FICHA 2
LECTIO:
Viño de marca para a humanidade toda
(4 de outubro de 2020)
As
lecturas da liturxia casan ben coas tarefas que se están a realizar nestes días
ou que remataron hai pouco na nosa terra. É o tempo fermoso de vendima. Un
traballo e unha recolleita, que precisa esforzo e dedicación, mais que se fai
con ilusión case festiva, porque os acios recolleitos e o viño que sairá deles
servirán para alegrar o corazón e crear comensalía e fraternidade.
Non é nada estraño que Xesús botase man moitas veces da
comparanza do seu Reino co cultivo da viña ou co traballo da recolleita da uva.
Á fin e ó cabo a eucaristía está construída tamén arredor do viño que pola
celebración sacramental se converte no Xesús que dá a súa vida por nós. A
eucaristía é así verdadeiramente un banquete no que comemos e bebemos o corpo e
o sangue de Cristo para dese xeito írmonos convertendo paseniñamente no que o
mesmo Cristo é. Trátase dunha divinización que o mesmo Deus vai realizando en
nós ó nos pór en contacto con el por medio sobre todo da Eucaristía.
No centro do texto do evanxeo non están agora, coma no
domingo pasado, os traballadores en paro que o dono da viña convida a
traballaren nela. Os protagonistas son esta vez dunha categoría algo superior.
Non son traballadores ocasionais ou –poderiamos dicir- sen papeis, senón
estábeis. Son os que o propietario contratou como rendeiros para coidaren día
tras día a súa viña ata el volver da longa viaxe. Levaban por isto tanto tempo
no seu cargo, facendo sempre o mesmo e sen que ninguén lles pedise contas, que
chegarían a pensar que a viña e canto alí ocorría non era máis ca cousa deles e
para eles.
Unha vez máis, nesta parábola dirixida tamén como a do
anterior domingo ós sacerdotes e ós anciáns do pobo, vólvese insistir en que
ninguén neste mundo, por moi relixioso e bo que se considere a si mesmo, ten a
propiedade ou a exclusiva da relixiosidade. E isto vale tanto en relación coa
relixión oficial xudía do tempo de Xesús como en relación con calquera outra
relixión. Tamén en relación coa nosa relixión cristiá.
O propietario da viña da parábola, das vides ou da terra
que hai nela, é só Deus e mailo seu fillo, mandado polo Pai-Deus para estar
connosco e para nos aprender o verdadeiro xeito de nos comportar na vida.
Sacerdotes, relixiosos, párrocos, bispos e mesmo o bispo de Roma e Sumo
Pontífice non son máis ca traballadores na viña de Deus para o mundo,
encargados polo tanto, a distintos niveis de responsabilidade, de coidar o
mellor posible dunha viña que non é deles, senón do Deus que nola ofrece para o
ben do mundo.
Por iso tamén, se no texto do evanxeo do anterior domingo
se lles dicía ós xefes relixiosos xudeus que os por eles tan desprezados
“recadadores de impostos e prostitutas”
entrarían antes ca eles no Reino de Deus, algo semellante ocorre hoxe
cos contratados polo dono da viña para coidaren dela. Na medida en que se
comporten como donos da viña sen selo en realidade, considerándose con dereito
exclusivo para decidir quen pode ou non entrar nela, caen baixo a condena da
parábola de hoxe: “A eses malvados faraos morrer de mala morte, e arrendaralles
a viña a outros viñateiros”.
Cantos teñen algún cargo ou responsabilidade no seo da
igrexa, é dicir, no interior das nosas comunidades cristiás, deben xa que logo comportarse,
segundo se adoita dicir, como “bos administradores dos bens de Deus” e non como
propietarios dunha viña que non é senón gratuíto don de Deus á humanidade. E os
que non teñen esta responsabilidade directa, si teñen tamén a responsabilidade
e o dereito de esixir ós “administradores” destes bens que o seu comportamento
sexa conforme á anunciada boa nova do evanxeo.
Ben sabedes que na Igrexa, na comunidade dos crentes en
Xesús, nos atopamos hoxe en día, como tamén noutros tempos aínda que doutra
maneira, con importantes dificultades e problemas de moi diversa orixe e de moi
distinto xénero. Mais en calquera caso, esta viña do Señor debería abrir cada
vez máis as súas portas e os seus valados para que calquera persoa de boa
vontade poida degustar o saboroso e reconfortante dos acios e do viño que Deus
regala á humanidade. A Igrexa non se pode considerar a si mesma como unha finca
particular ou un coto privado nos que só poden entrar os que pensan, os que
pensamos, pertencer xa a ela. Neste sentido o papa Francisco dicía non hai
moito no seu fermoso e ben evanxélico escrito “A alegría do evanxeo” o
seguinte: “A miúdo nos comportamos como controladores da graza e non coma
facilitadores. Mais a Igrexa non é unha aduana, é a casa paterna onde hai lugar
para cada un coa súa vida a costas”.
Así, pois, do mesmo xeito que Xesús foi, como se nos di
no texto do evanxeo de hoxe, “a pedra que desbotaron os canteiros, mais que
agora se converteu en esquinal”, así tamén os desprezados, os pobres, os
aparentemente pouco relixiosos ou indignos deberían converterse en “esquinal”,
é dicir, en pedra básica e decisiva na construción desa igrexa, dese “reino de
Deus” que queremos construír e que Deus quere construír e está xa a construír
connosco.
Desta apertura da igrexa a todos parece falarnos na segunda
Lectura o propio apóstolo Paulo cando lles escribía na carta ós Filipenses:
“Meus irmáns, todo o que sexa verdadeiro, todo o que sexa serio, xusto,
honesto, todo o que sexa estimábel, o que sexa honroso, calquera virtude ou
cousa loábel que haxa, iso é o que debedes apreciar”.
Non podemos dubidar de que hai moitas persoas, ben
coñecidas seguramente por vós onde queira que vivades ou vos movades, que son,
tal como di Paulo, xustas, honestas, posuidoras de virtudes e outros dons de
Deus. Todos eles pertencen de feito á viña do Señor, aínda que quizais non o
saiban eles mesmos ou non o saibamos nós. E temos que aprender a escoitalos,
aprecialos e amalos coma irmáns nosos.
Que a Eucaristía de hoxe sirva, pois, para agradecermos a
Deus a viña e o viño que nos regala a todos, viño e pan no que el mesmo se nos
dá.
Manuel Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario