Que non se me enfade o meu Señor se me atrevo a falar - Xén 18, 20-32

Domingo 17 do Tpo. Ordinario - ciclo C


SEÑOR, MEU DEUS

Ti compartes sempre comigo o que es,
non pos prezos, nin condicións, nin límites.
Ti regálasme todo cantos tes 
non sabes quedar con nada, todo o pos nas miñas mans.

Ti comunícasme totalmente a túa vida, 
es palabra feita carne en min.
E dásteme sen medida 
coa xenerosidade da abundancia; contigo sempre sobra.

Ti ofréceste a todos e a todas, 
non exclúes a ninguén, ti non queres marxinais,
 nin falas de estranxeiros, nin de indignos.

Ti non fas diferenzas, nin te dás con privilexios:
 non escolles a ninguén especialmente,
 para ti todos valemos especialmente!

Ti…Esperando
a cada instante; coa sabedoría da paciencia,
do respecto aos meus ritmos subterráneos.
Sen romper nada, sen acelerar nin violentar.
Sen forzar. Caladiñamente.

Desexándome para facer vida xuntos,
o fogar está incompleto se falto eu.
Buscándome incansablemente.
Envolvéndome no teu dinamismo.
Atraéndome para a vida.
A min e a todos e todas e a todo.

E eu… pobriña de min!
Tan só vou sabendo de Ti
e recibindo e gozando
e amando de Ti…
na miña pobre medida:

Na medida     
en que me vou deixando facer coma Ti,
e comparto do que son 
e regalo do que teño
e comunico a miña vida
e me dou con abundancia
e me ofrezo sen exclusións.

Na medida     
en que te espero a cada instante,
coa sabedoría da paciencia,
do respecto aos teus ritmos e aos meus
e aos de todos e todas e de todo,
sen romper nada, sen acelerar nin violentar.
Sen forzar. Caladiñamente.

Na medida     
en que te desexo para facer vida xuntos.
Envolvéndote no meu dinamismo, que é teu.
Atraéndote para a vida.
Buscándote incansablemente.
A Ti e a todos e todas e a todo.

E ti, Señor, meu Deus,
Esperándome, desexándome, buscándome,
envolvéndome, atraéndome…
Ti: sempre, todo, totalmente, sen medida…
para todos e para todas. Para todo.

                                                           Tereixa e Henar




Comentarios

Publicacións populares