DÍA DO APÓSTOLO 2016 - 25 de xullo


ORACIÓN DO PEREGRINO

Apóstolo Santiago, 
elixido entre os primeiros, 
ti fuches o primeiro en beber o cáliz do Señor 
e es o gran protector dos peregrinos: 
fainos fortes na fe e alegres na esperanza, 
no noso camiñar de peregrinos 
seguindo o camiño da vida cristiá 
e aléntanos para que, finalmente, 
alcancemos a gloria de Deus Pai. 
Amén.

LECTIO:

Encarnados en Galicia
 (25 de xullo de 2016)
            Con motivo da celebración hoxe da festividade de Santiago Apóstolo e do Día de Galiza, é case obrigado que lembremos algunhas cousas sobre a importancia de que a nosa igrexa galega, é dicir, tódolos cristiáns galegos, saibamos incardinarnos ben na terra e no país no que, pola graza de Deus, vivimos.
            Nesta incardinación pode haber deficiencias e, por unhas ou outras razóns, hainas, precisando sermos conscientes delas. Mais penso que o máis importante é que deberiamos aprender a ver esta incardinación en continuidade e como consecuencia da incardinación ou encarnación que Deus mesmo fixo de si mesmo no mundo, na historia, ó facer que o seu fillo Xesús nacese e vivise nun país, nunha cultura e nunha lingua concretas. Polo tanto, a necesaria encarnación da Igrexa na cultura e lingua de Galicia témola que ver como unha inmediata derivación da mesma fe nun Deus encarnado no que dicimos crer os cristiáns.
            No ano pasado 2015, cumpriuse ó mesmo tempo o primeiro centenario do nacemento do P. Seixas en Santiago e tamén os primeiros cincuenta anos da celebración, neste mesmo día do mes de Santiago e en Santiago, da primeira misa oficial en galego de tódolos tempos, que o mesmo P. Seixas tivo o honor de celebrar. Unha primeira misa que se celebrou con moitísimo atraso, se temos en conta que a lingua galega se fala na nosa terra desde hai moitos séculos.
            En relación con isto, tiven eu mesmo o ano pasado o inmerecido privilexio de celebrar en Santiago nese mesmo día pola tarde a chamada “misa de Rosalía” en San Domingos de Bonaval, no mesmo lugar no que a celebrara había cincuenta anos o P. Seixas. Permitídeme que vos lembre algunhas palabras que puiden dicir alí ante moitos asistentes, dado que será hoxe pola tarde cando se cumpra un ano de telas pronunciado:
            Pregáronme, santiña e rebelde Rosalía, que viñese aquí dicirche unha misiña “pola túa alma”. E velaquí estou a realizar, do mellor xeito do que son capaz, a tarefa encomendada. Mais, se son sincero, non che teño moi claro qué vén sendo iso da túa alma como algo que ti tiveses ademais doutras cousas. Porque ti, se fuches algo, foi ser, toda enteira e verdadeira, alma, espírito, vida, sentimento. Ti non eras máis ca alma. Ti viviches intensamente unha fonda interioridade, a nosa, a das galegas e a dos galegos, que vén sendo coma o relanzo sosegado do fluír de toda a nosa, vella e complicada, historia. Quero dicir. Estritamente, ti, irmá Rosalía, nin sequera tiveches unha alma propia e particular. Pois a túa alma era a de todos, o espírito dun pobo marxinado e sufrinte, que en ti se converteu en palabra poética desveladora e debeladora, manifestante e denunciante.
            Por todo isto, nai e compañeira Rosalía, ó falarmos aquí da “túa alma”, da pregaria pola túa alma, quero dicir que os que estamos hoxe aquí pregaremos contigo polas xentes galegas todas que habitaron na túa alma, que foi casa quente e protectora de todos nós. Este pregar noso polos galegos e galegas, os de hoxe e os de vindeiros tempos, quere ser ademais un pregar activo, lúcido e reivindicativo. Tal e como o foron sempre os teus versos e cantares.
            O primeiro que teriamos que pedir contigo é que o noso ser galego non se converta en especie ou tarefa destinada á extinción. Din, querida Rosalía, que son poucos os que nacen, e que ademais está a ocorrer, para máis inri, algo entre nós que semellaba superado e que nos fai lembrar aqueles poemas teus nos que denunciabas a nosa secular emigración cara a alleas terras. Por iso precisamente pregamos hoxe aquí “pola túa alma”, é dicir, pola nosa alma común, pola alma latexante de todos nós.
            Consonte con isto, teriamos moito que parolar, benquerida Rosalía, verbo da nosa fala, da nosa lingua. Esa lingua á que ti lle intentaches devolver a súa antiga dignidade, oprimida e marxinada durante séculos por obra e graza dos que se crían autorizados a facelo simplemente por estaren en posesión da espada e do poder.
            Permitirasme neste sentido, nai e amiga Rosalía, xa que nos atopamos en lugar sagrado non só por estares ti con nós xunto con outros grandes da nosa común memoria histórica senón tamén por repousardes todos en paz no espazo interior dun antigo templo e mosteiro cristián, que che comente algo que levo neste intre moi na alma. Mira, hai hoxe xustamente cincuenta anos e a esta mesma hora, e en boa parte grazas a ti e ós que contigo repousan neste lugar, produciuse aquí un acontecemento que non podemos deixar de lembrar hoxe, xunto contigo, Rosalía nosa. Trátase do acontecemento da primeira misa oficial en lingua galega, celebrada aquí mesmo polo P. Seixas no día da festividade de Santiago Apóstolo do ano santo 1965.
            É, pois, moi oportuno celebrarmos aquí hoxe, xunto coa festividade do noso padroeiro Santiago e nesta tradicional lembranza de Rosalía, as vodas de ouro do idioma galego coa Igrexa galega. A histórica e afervoada voda que se celebrou aquí na tarde do 25 de xullo de 1965, tendo en conta as ben pouco harmónicas relacións previas habidas entre os contraentes, demorárase demasiado. Mais, á fin, a voda celebrouse neste lugar e nesa data con grande emoción e entusiasmo hai hoxe xustamente medio século.
            Pois ben, se a voda oficial do idioma galego coa liturxia eclesiástica ocorreu hai agora medio século -así como tamén algo semellante se produciría anos despois a nivel político-, non deberiamos permitir que tan felices acontecementos tendan paseniñamente a se converter en soterrado divorcio. Que a santiña Rosalía e o pai Seixas endexamais permitan tal cousa.
            Ata aquí o que máis ou menos dicía eu en San Domingos de Bonaval hai un ano neste día de Galicia, festividade de Santiago Apóstolo. Só quero engadir aínda ó dito alí un par de comentarios. Foi o 7 de xaneiro de 1969 cando se aprobou en Roma o uso litúrxico da lingua propia do noso país tras moitos esforzos individuais e colectivos a prol dela. Nos anos seguintes celebrouse en Galicia o Concilio Pastoral de Galicia, no que entre outras cousas podemos ler: “O Concilio Pastoral de Galicia pídelles a tódolos cristiáns, Bispos, Curas e Leigos, cadaquén segundo a súa específica misión, que participen na promoción da lingua galega, por ser un valor humano que está asociado coa liberación do home galego e, por tanto, coa evanxelización”.

            Polo tanto, o Concilio pídenos a tódolos cristiáns máis “encarnación”, do mesmo xeito que Deus se encarnou no concreto Xesús da historia. Teriamos. pois, que pregarlle especialmente hoxe ó noso Padroeiro, o Apóstolo Santiago, o “fillo do trono”, que nos dea ímpeto civil e relixioso para facermos de Galicia unha realidade xusta e libre, conforme ó espírito que recibimos do Evanxeo. Sería entón Galicia unha realidade ben encarnada na súa propia historia, na súa cultura, na súa lingua.

Manuel Cabada Castro

ver máis:
http://escoladeespiritualidade.blogspot.com.es/2016/07/25-de-xullo-festa-de-santiago-apostolo.html


EN IMAXES:


EN MÚSICA:


E OS FOGOS DO APÓSTOLO
(primeiro en imaxes e, logo, comentados)





Comentarios

Publicacións populares