Domingo 17 de Ordinario C

DOMINGO  XVII  ORDINARIO  -  CICLO C

 

Primeira Lectura     Xén 18, 20-32
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Que non se me enfade o meu Señor se me atrevo a falar
  
            Naqueles días, dixo o Señor:
            ‑ "O clamor contra Sodoma e Gomorra é moi grande; o seu pecado é grave.
            Vou baixar e ver se este clamor que chega onda min corresponde cos feitos; e se non, sabereino".
            Os homes dirixíronse desde alí cara a Sodoma, pero Abrahán quedou diante do Señor.
            Abrahán adiantouse cara  ao Señor e preguntoulle:
            ‑ "Por caso aniquilarías os inocentes cos culpables? Se houbese cincuenta xustos na cidade, aniquilaríalos tamén, e non perdoarías o lugar por mor dos cincuenta xustos que houber nel?
            Lonxe de ti facer tal cousa! Matar o inocente co culpado, e que teñan os dous a mesma sorte. Lonxe de ti! O que xulga a terra enteira, non vai facer xustiza?"
            O Señor respondeu:
            ‑ "Se houbese cincuenta xustos en Sodoma, perdoaría a toda a cidade por mor deles".
            Abrahán insistiu:
            ‑ "Perdoa o atrevemento de lle falar  ao meu Señor, sendo eu po e cinsa. Se para cincuenta xustos faltan cinco, aniquilarías por culpa dos cinco toda a cidade?"
            Respondeu o Señor:
            ‑ "Non a destruirei, se atopo corenta e cinco".
            Abrahán insinuou:
            ‑ "Se cadra, hai corenta".
            El respondeu:
            ‑ "Non o farei, en vista dos corenta".
            Abrahán dixo:
            ‑ "Que non se enfade o meu Señor, se volvo falar aínda. E se houbese trinta?"
            El respondeu:
            ‑ "Non o farei, se atopo trinta".
            Abrahán teimou aínda:
            ‑ "Voume atrever a lle falar outra vez  ao meu Señor. Podería ser que houbese vinte".
            Respondeu o Señor:
            ‑ "Non a destruirei en graza aos vinte".
            Abrahán dixo:
            ‑ "Que non se alporice o meu Señor, e falarei aínda unha vez. E se houbese dez?"
            El respondeu:
            ‑ "Non a destruirei por mor dos dez".

   Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 137, 1-2a. 2bc-3. 6-7ab. 7c-8
R/.  (3a):  Cando te chamo, Señor, respóndesme.

Douche grazas, Señor, de todo corazón,
hei cantar para ti diante dos anxos.
Hei prostrarme cara  ao teu santo templo.

Dou grazas  ao teu nome,
pola túa misericordia e a túa fidelidade,
Cando te chamo, respóndesme
e acrecentas as miñas forzas.

O Señor é excelso, e pon os seus ollos no humilde,
e coñece de lonxe o soberbio.
Cando me vexo en apuro,
ti consérvasme a vida.
Contra o furor dos meus inimigos
estendes a túa man.

E libérame a túa dereita.
O Señor completará os seus favores comigo.
A túa misericordia, Señor, é para sempre,
non abandones a obra das túas mans.


Segunda Lectura     Col 2, 12-14
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
Deuvos a vida con el, perdoándovos todos os pecados
  
            Irmáns:
            Sepultáronvos con Cristo no bautismo e tamén resucitades nel pola fe na forza de Deus, que o resucitou de entre os mortos.
            E a vós que estabades mortos polos vosos pecados e por non ter circuncidado os vosos instintos, deuvos a vida con el.
            El perdoounos todos os pecados, anulando a cédula dos preceptos legais que ía contra nós: quitouna de diante e espetouna na cruz.

 Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Rm 8, 15bc
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Recibistes o espírito de adopción de fillos;
nel clamamos: Abba, Pai.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 11, 1-13
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Pedide e recibiredes 

            Unha vez, despois de estar Xesús orando en certo lugar, un dos discípulos pediulle:
            ‑ Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán aos seus discípulos.
            Respondeulles:
            ‑ Cando recedes, dicide:
Pai, sexa santificado o teu Nome!
Pai, veña o teu Reino!
Dános cada día o noso pan.
E perdoa os nosos pecados,
como tamén perdoamos nós
a todo o que nos debe;
e non nos sometas á tentación.
            Logo continuou:
            ‑ Botade de conta que un de vós ten un amigo, que vos presentades na casa del pola noite, fóra, e que lle dicides: "Amigo, déixame tres bolos de pan, que me veu un amigo de viaxe, e non teño nada que lle poñer diante". E que aquel, desde dentro, responde: "Non me amoles, está a porta pechada, eu e mailos nenos estamos na cama: non me podo erguer agora para chos dar". Desde logo que, se non se levanta para llos dar por se tratar dun amigo, polo menos por ser teimudo, erguerase e hallos dar.
            Por iso dígovos: "Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade a abrirásevos. Que todo o que pide, recibe; o que busca, atopa; e a quen peta, abriráselle".
            Ou logo, que pai hai entre vós que, se o seu fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra? Ou se lle pide un ovo, dálle un alacrán? Pois se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar cousas boas aos vosos fillos, canto máis o Pai celestial dará o Espírito Santo aos que llo pidan!

Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo





POWER POINTS

CANTO GOZOSO
*     ENTRADA: 
*     LECTURAS: 
*     OFERTORIO: 
*     COMUÑÓN: 



Comentarios

Publicacións populares