Ficha e Lectio - Domingo 17 Ordinario C
LECTIO:
DOMINGO XVII T. O.
(24 xullo 2016)
Ó evanxelista Lucas poderiamos
darlle a distinción de “doutor honoris causa” no tema da oración. Como é ben
sabido, Lucas fálanos con frecuencia de que Xesús oraba, de día ou de noite,
cando podía estar máis libre das urxencias da xente que o rodeaba e o quería
escoitar. Por outra parte, son Lucas e Mateo os únicos que nos presentan o
relato do modo de orar que Xesús nos quere aprender: o “Noso Pai que estás no
ceo”.
Os comentaristas dinnos que o texto
de Lucas se corresponde seguramente de maneira máis fiel coas propias palabras
de Xesús có de Mateo. Sen que se pretenda naturalmente buscar aquí
literalidades. En calquera caso, é exclusiva de Lucas esa alusión, tan fermosa
e ben doada de entender, ós tres amigos que entran en inesperada e tensa
relación ben entrada xa a noite. Fáisenos dese modo moi comprensíbel o de animármonos
a ser “teimudos”, constantes, insistentes, pesados ou como queiramos dicilo, no
orar, no lle comunicar ó noso Pai-Nai Deus as nosas preocupacións en relación
cos demais ou con nós mesmos.
Lucas preséntanos significativamente
a Xesús ensinando e falando sobre a oración inmediatamente despois de orar el
mesmo: “Despois
de estar Xesús orando en certo lugar –comenta Lucas- un dos discípulos pediulle:
‘Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán ós seus discípulos’”. Unha
pequena mostra máis de que Xesús falaba e ensinaba sempre desde a práctica e
experiencia súa máis íntima.
Tal como podemos ver, esta petición
que un dos discípulos lle fai a Xesús de que lles aprenda a orar élle
presentada polo discípulo como algo que estaría en continuidade coas ensinanzas
sobre a oración que Xoán Bautista lles impartira ós seus discípulos. Sospeito que
as leccións ou discursos sobre a oración que Xoán, o precursor de Xesús, lles
aprendía ós seus discípulos non terían moita semellanza co modo de orar que
Xesús lles vai ensinar agora. Pois o Deus de Xoán era aínda sobre todo o Deus
do Antigo Testamento. Un Deus que podería, si, ser chamado Pai, mais nun sentido
ben distinto do de Xesús. No Antigo Testamento Deus era Pai do pobo en canto
tal, pero non estritamente Pai de todos e cada un dos membros deste pobo. A
relación con Deus no Antigo Testamento era aínda temerosa e distante, debido ás
esixencias e ós castigos que a lei impuña. Por esta razón Abrahán (segundo
escoitamos na primeira Lectura) non se atrevía a lle pedir a Deus un perdón
total para a cidade pecadora en atención ós xustos que puidese haber alí.
Porque Deus para Abrahán non podía deixar de ser dalgunha maneira tamén
vingador. Precisamente por iso ten Xesús tanto interese en acabar coa imaxe
habitual dos antigos profetas dun Deus vingador e castigador. Dificilmente
podemos imaxinar, pois, a Xoán Bautista ensinándolles ós seus discípulos a se
dirixir a Deus comezando coa palabra “Pai”, coa que Xesús inicia a oración que
nos quere aprender. Porque, ademais, “Pai” ten sempre en Xesús un sentido
amoroso, confiado, íntimo.
Hai xa un par de anos tiven ocasión
de presidir unha eucaristía na que uns nenos fixeron as súas primeiras comuñóns.
De entre eles, unha nena fora adoptada de pequeniña pola súa nai adoptiva. Pois
ben, a min chamábame a atención a confianza e amor cos que a nena, que acababa
de recibir a súa primeira comuñón, lle chamaba “mamá” á súa nai adoptiva. Ela,
como digo, non era a súa nai “natural” ou biolóxica, mais tanto filla coma nai
amosábanse mutuamente o seu cariño maternal e filial de maneira natural e
normal, exactamente igual a como se relacionan entre si nai e fillo en calquera
outra familia.
Con isto o que quero dicir é que
Xesús é quen pode chamar de maneira plena e total “meu Pai” a Deus, porque en
realidade é el o único en ser fillo real, “natural”, de Deus. El non é fillo
adoptivo del. Mais resulta que, ó se facer Xesús irmán noso, nos converteu de
feito a todos nós, a tódalas persoas da humanidade enteira, en partícipes da
súa filiación divina. Somos así fillos “adoptivos” de Deus, porque Deus nos
adoptou en Xesús coma fillos, aínda que non sexamos, nin poidamos selo, fillos inmediatos
ou naturais de Deus. Deste modo, temos a posibilidade e o dereito de dirixirnos
a el, a Deus Pai, como a verdadeiro “pai” noso. Da mesma maneira que a nena da
primeira comuñón podía dirixirse e se dirixía de feito á súa nai adoptiva
chamándoa “mamá”, queréndoa coma mamá e queréndoa tamén, pola súa parte, a súa
nai adoptiva a ela co agarimo de verdadeira nai. Desta maneira podemos aproximarnos
algo a entender o amor que Deus-Pai nos ten a todos por sermos fillos adoptivos
del, por querernos El a todos inmensamente con Xesús e en Xesús, irmán noso. Isto
é polo tanto o primeiro que temos que aprender e asumir agradecidos ó dirixírmonos
a Deus. El é verdadeiramente o “noso Pai”, o noso “Pai-Nai”, aínda que sexamos
fillos adoptivos.
Na oración do “Noso Pai” hai ademais
como un resumo das ideas principais do evanxeo. Aparte desta incomparábel
relación filial con Deus, está presente o sentido da fraternidade. Sempre que
recitamos esa oración estamos a dicir que somos irmáns, pois estamos falando
sempre en plural: “Noso Pai”, non “meu” Pai unicamente. El é Pai de todos sendo
ó tempo de cada un. Estamos tamén a falar do “Reino” de Deus, que queremos e
lle pedimos a Deus que veña a nós: un reino de fraternidade, de xustiza e de
amor. Estamos, ademais, a proclamar a misericordia e o perdón mutuos entre nós
para que Deus non poida presentarnos reparo algún para ser tamén el
misericordioso connosco, fillos seus e irmáns entre nós. Pois a que pai ou nai
lle pode compracer que os seus fillos vivamos divididos ou enfrontados?
A este Deus noso debémoslle pedir
todo e de todo. Desde os alimentos máis materiais que precisamos ou precisan
outros para sobrevivir fisicamente
(“Dános cada día o noso pan”) ata o conforto máis sublime e espiritual que poidamos
desexar e que de feito desexamos sempre: Deus mesmo. Pedirlle ó noso Pai-Deus
que El tome asento nos nosos corazóns, para que nos encha dos seus sentimentos
e do seu amor. Pois iso vén sendo o que se nos di hoxe no evanxeo cando se nos
anima a lle pedir ó “Pai celestial” que nos dea o “Espírito Santo”. Seguro que
o Pai nos dará o seu Espírito se llo pedimos: “Se vós, sendo ruíns, ben lles
sabedes dar cousas boas ós vosos fillos, ¡canto máis o Pai celestial dará o
Espírito Santo ós que llo pidan!”. Na visión de Lucas o Espírito Santo tiña
unha importancia moi especial.
E o Pai está aí sempre disposto a dárnolo.
ORACIÓN DOS FIEIS
Invoquemos
conxuntamente ó Señor pedíndolle: APRÉNDENOS A ORAR!.
Todos: APRÉNDENOS A ORAR!
Dános,
Señor, espírito de comunidade e solidariedade con todos, para podermos orar, en
unión con eles, dicindo “Noso Pai!”.
Todos: APRÉNDENOS A
ORAR!
Concédenos, Señor, fe e esperanza no
Reino de Deus para crer e esperar na súa vinda a nós.
Todos: APRÉNDENOS A ORAR!
Crea
en nós, Señor, un corazón bo e misericordia para perdoarmos de verdade a cantos
nos teñan ofendido.
Todos: APRÉNDENOS A ORAR!
Pedímoscho, Señor, en
unión co teu Pai e Pai noso e o Espírito Santo que nos mandaches.
AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario