Domingo 15 de Ordinario C
DOMINGO XV ORDINARIO
- CICLO C
PRIMERA Dt 30, 10-14
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
A palabra está cerca de ti para a cumprires
Faloulle Moisés ao pobo e
díxolle:
‑ Escoita a voz do Señor, o
teu Deus, gardando os seus mandamentos e os seus preceptos, o escrito no libro
desta lei.
Convértete ao Señor, o teu
Deus, con todo o teu corazón e con toda a túa alma.
Esta lei, que eu che
prescribo hoxe, non está posta por enriba de ti nin tampouco lonxe de ti. Non
está enriba, no ceo, para poderes dicir: Quen subirá por nós ata o ceo e nola
collerá e nola fará escoitar para que nós a cumpramos?
Tampouco está lonxe,
da outra banda do mar, para poderes dicir: Quen cruzará por nós ao outro lado
do mar e nola collerá e nola fará escoitar para que nós a cumpramos?
Ó contrario, a palabra
está moi cerca de ti, na túa boca e no teu corazón, para a cumprires.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 68, 14 e 17. 30-31. 33-34. 36ab e 37
R/. (cf. 33): Humildes, buscade o Señor, e vivirá o voso corazón.
Eu, Señor, suplico cara a ti,
na hora, meu Deus, do teu favor.
Pola túa moita bondade,
respóndeme, pois ti es o socorro verdadeiro.
Respóndeme, Señor, conforme ao teu amor,
pola túa misericordia, vólvete a min.
Mais a min, pobre e doente,
érgueme, Deus, co teu socorro.
Loarei a Deus con cantos,
gabareino con acción de grazas.
Olládeo, humildes, e alegrádevos,
avivecede o corazón os que buscades o Señor,
pois o Señor escoita os humildes,
non despreza os seus na cadea.
Abofé, salvará Deus a Sión:
recomporá as vilas de Xudá.
Herdaranas os fillos dos seus servos,
habitaranas os que aman o seu nome.
Ou: Sal 18, 8. 9. 10. 11
R/. (9a): Os mandatos do Señor son rectos: aledan o
corazón.
A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ao inxenuo.
Os mandatos do Señor son rectos:
aledan o corazón;
o precepto do Señor é limpo:
ilumina os ollos.
A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.
Son máis cobizables có ouro,
máis có metal precioso;
son máis doces có mel,
máis có zume da antera.
Segunda Lectura Col 1, 15-20
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
Por El e para El foron creadas todas as cousas
Cristo Xesús é imaxe
do Deus invisible,
o primoxénito de toda criatura,
e por medio del fixéronse as cousas:
as da terra e tamén as do ceo,
as vistas cos ollos e as por eles non vistas;
señoríos sexan ou ben dominacións,
sexan principados, tamén potestades;
el é modelo e fin do universo creado.
Antes ca todo está el
e todo nel se cimenta aínda hoxe.
É tamén a cabeza do
corpo
‑o corpo é a Igrexa ‑.
El é o principio,
o primoxénito de entre os mortos,
de xeito que en todo sexa sempre o primeiro.
Porque nel quixo Deus
habitar
coa súa total plenitude:
reconciliar así o universo consigo, por el;
e no sangue da cruz poñer paz
entre os seres da terra e do ceo, servíndose del.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Xn 6, 63c. 68c
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
As túas palabras, Señor, son espírito e vida;
ti tes palabras de vida eterna.
Aleluia.
Evanxeo Lc 10, 25-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Quen é o meu próximo?
Naquel tempo, ergueuse
certo xurista e preguntoulle a Xesús para o poñer á proba:
‑ Mestre, que teño que
facer para herdar a vida eterna?
El respondeulle:
‑ Que pon a Lei? Que
les?
Contestou:
‑ Amarás o Señor teu
Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, toda a túa forza e con todo o
teu entendemento, e o próximo coma a ti mesmo.
El díxolle:
‑ Contestaches
perfectamente; cúmpreo e vivirás.
Pero o xurista,
querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:
‑ E quen é o meu
próximo?
Xesús replicou:
‑ Dunha vez un home
baixaba de Xerusalén a Xericó, e asaltárono uns bandidos, que, despois de o
roubaren e bouraren nel, deixárono medio morto. Cadrou a baixar polo mesmo
camiño un sacerdote, que, ao velo, deu un rodeo e pasou de largo. Igual fixo un
clérigo que pasaba por alí: ao chegar e velo, deu un rodeo.
Pero un samaritano,
que ía de camiño polo mesmo lugar, ao velo, sentiu mágoa; e achegándose a el,
curoulle as feridas con aceite e viño e vendoullas. Logo, montouno na súa
cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno.
Ó outro día colleu
dous denarios, deullos ao pousadeiro, e díxolle: "Coida del, e cando volva
xa che pagarei o que gastes de máis".
‑ Quen dos tres che
parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?
El respondeu:
‑ O que practicou a
misericordia con el.
Díxolle Xesús:
‑ Pois ti vai e fai
outro tanto.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
POWER POINTS
CANTO GOZOSO
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
Comentarios
Publicar un comentario