Ficha e Lectio: Domingo 15 ordinario C




LECTIO:
DOMINGO XV T. O. 
(Ano C: 10 xullo 2016)

            Xesús non foi un filósofo ou un ideólogo de belas teorías. Vivía de fondas experiencias interiores e en contacto inmediato coa xente do seu tempo, da súa nación e da súa relixión. Vivía de Deus Pai, co seu Pai Deus, e en estreita e igualitaria relación coa xente normal e corrente, coa xente de a pé, sobre todo cos máis necesitados, xustamente porque eran estes os que máis necesitaban da súa palabra e das súas obras.
            Na súa carta ós Colosenses fai hoxe Paulo unha especie de síntese ou resumo do que segundo el vén sendo Xesús, do seu fondo significado. Dísenos alí que “Cristo Xesús é imaxe do Deus invisible e primoxénito de toda criatura”. É dicir, Xesús é esa realidade única e marabillosa na que se xuntan o Deus misterioso e infinito coa realidade creada e humana. Vén ser o mesmo que se significa en último termo con esa outra denominación de Xesús como “Emmanuel”, é dicir, como “Deus connosco”. Deus fíxose en Xesús “próximo”, moi “próximo” a todos nós. Tan próximo como o é a “cabeza” respecto do resto do corpo unido a ela. Unha denominación, a de “cabeza”, que Paulo emprega nesta mesma carta para se referir á función que desempeña Xesús en relación con todos nós, que formamos con el en canto “cabeza” o conxunto do que chamamos o corpo de Cristo.
            Mais as cartas de Paulo poden resultar algunhas veces, precisamente pola súa fondura, un tanto conceptuosas ou difíciles de entender para moitos de nós. Pódese dicir que Paulo pretende sintetizar e sistematizar dalgún modo os contidos esenciais dos diversos relatos evanxélicos. Nótase ben a diferenza estilística entre Paulo e os evanxeos en xeral cando comparamos o modo de falar de Paulo sobre Cristo Xesús na súa carta ós Colosenses e a límpida parábola do samaritano de hoxe, recollida por Lucas. E, a pesar de todo, tanto Paulo como Lucas están a falar da mesma cousa: da proximidade de Deus a nós por medio de Xesús e da necesidade de que nós, pola nosa parte, nos aproximemos a cantos precisen de nós.
            Porque, en definitiva, o tema xeral das lecturas litúrxicas de hoxe están centradas nesta proximidade de Deus a nós e a toda a realidade. Cando Deus crea todo e nos crea a nós mesmos, quédase para sempre en certo modo en nós, por máis que nos supere sempre infinitamente, tal como dicía santo Agostiño. Para o santo bispo e doutor da Igrexa, Deus era –tal como se expresaba el- “máis intimo a nós que a nosa propia intimidade”, aínda que fose tamén absolutamente “superior” a calquera grandeza nosa.
            Pois ben, esta “intimidade” de Deus a todo é a que se nos fai presente na vida mesma do seu fillo Xesús, absolutamente próximo a nós ó ser el realmente e de verdade un de nós, un coma nós. Isto que estou agora a comentar pode resultarvos aínda moi abstracto. Mais é Xesús mesmo quen nos deixou un retrato fiel de si mesmo na súa  incomparábel parábola do bo samaritano. El é ese bo samaritano que se achega, que se aproxima, que intima co máis necesitado, que se fai máis íntimo a nós que a nosa propia intimidade (para utilizarmos as palabras de santo Agostiño). Porque é ben sabido que quen ama se fai en certo modo máis íntimo ó amado que o amado a si mesmo. Deste modo Xesús realiza entre nós a presenza, a intimidade de Deus co mundo e coa humanidade, e dunha maneira moi directa e concreta.
            Que Xesús no seu modo de ser e de se expresar non era nada abstracto, demóstrao ben esta parábola. Aínda máis. Podemos dicir que Xesús se amosa, na súa concreción e na utilización que fai nela dos personaxes, como un verdadeiro provocador. Porque nas cousas verdadeiramente importantes non hai escusa para non actuar como provocador. Non se nos parece algo nisto, aínda que sexa de lonxe, o papa Francisco, nalgúns dos seus coñecidos ditos ou feitos, a Xesús? Non esquezamos que Xesús está aquí a falar de algo que os teólogos actuais consideran moi importante: a compaixón, a misericordia con todos, sobre todo cos que máis sofren. Por algo tamén o papa Francisco quixo que durante este ano celebremos o ano da misericordia. Todo isto está moi en liña –quero de novo lembralo- co importante discurso inaugural de Xesús en Nazaret sobre o Deus da bondade e da misericordia (non da vinganza ou da lei), tal como ese discurso ns foi recollido por Lucas. E cómpre indicar aquí aínda que, non por casualidade, é precisamente Lucas o único entre os evanxelistas que nos transmite esta marabillosa parábola do samaritano.
            En canto ós personaxes que saen nesta parábola, Xesús coloca como o máis cumpridor dos deberes relixiosos a unha especie de renegado da relixión, tal como eran os samaritanos para os xudeus. Pola contra, os que de oficio ou profesionalmente deberían comportarse máis relixiosamente coa persoa malferida e tirada no camiño son xustamente os que máis anti-relixiosamente se comportan con ela. Tanto o sacerdote coma o clérigo evitan coidadosamente achegarse a esa persoa, non sexa que vaian quizais contaminarse cunha daquelas impurezas rituais que se derivaban de tocar a un morto. É dicir, aquí a relixiosidade da lei convértese decididamente en inhumana, anti-humana e polo tanto en anti-divina. Mais iso non semella conturbarlles nin ó clérigo nin ó sacerdote. E non esquezamos que a parábola do bo samaritano é unha resposta a un xurista xudeu, próximo polo tanto ó gremio xudeu dos sacerdotes, que posiblemente intentaba coa súa pregunta poñerlle a Xesús unha das acostumadas trapelas. Por iso, na súa parábola Xesús convértese en realidade –insisto- nun auténtico provocador, aínda que tal provocación sexa para o propio ben do seu interlocutor e, en calquera caso, para o noso propio ben.
            Tal como nos ensina Lucas, Xesús non é un teórico que responde abstractamente á pregunta do xurista. E, ademais, faino de maneira semellante a como adoitamos facer os galegos. Respondendo á pregunta que nos fan con outra: “Que pon a Lei? ¿Que les?”, responde Xesús á pregunta que lle fai a el o xurista sobre cómo “herdar a vida eterna”. Mais cando o xurista lle responde correctamente, aínda que de modo abstracto e puramente textual e literal, aludindo ó mandato relixioso de amar a Deus e ó próximo, Xesús faise decididamente encarnado, directo, concreto. Pois na parábola do samaritano de Xesús non hai nada teórico ou abstracto. Todo é vida, concreción e en definitiva exercicio decidido de compaixón mal que lle pese a presuntas normas, leis, prudencias ou cautelas que poidan obnubilarnos a cabeza.
            A parábola do samaritano está aí para que a meditemos e sobre todo practiquemos tódolos días da nosa vida. Sen medos nin atrancos teóricos ou prácticos de ningún tipo. No cerne dela está agachado o que hai de máis puro e enxebre de Xesús. E, desde logo, canto nos ensina sobre como comportarnos en relación cos acontecementos políticos e sociais que temos á vista en tantos lugares do mundo! Ameazas e sufrimentos en tantas persoas causados por salteadores de camiños que deixan a xente malferida ou medio morta, fronte a escaseza de bos samaritanos.

ORACIÓN DOS FIEIS:
Ó Deus da vida pregámoslle, dicindo: Fainos, Pai, compasivos e misericordiosos
Todos: Fainos, Pai, compasivos e misericordiosos.

-Pola Igrexa, para que sexa samaritana e servidora da humanidade. 
Todos: Fainos, Pai,compasivos e misericordiosos.
-Polos gobernantes, para que presten atención e axuda ás persoas necesitadas. 
Todos: Fainos, Pai, compasivos e misericordiosos.
-Polos feridos nos camiños da vida, para que atopen persoas que se acheguen amorosamente a eles. 
Todos: Fainos, Pai, compasivos e misericordiosos.

Deus e Pai noso: Ti que es o mesmo Amor e a fonte de todo amor, fai que sexamos verdadeiros fillos teus, imitando a túa bondade e sendo solidarios con cantos nos necesitan. Por Xesús Cristo noso Señor. AMÉN.


                                                                                             Manuel Cabada Castro



VER TAMÉN:

Comentarios

Publicacións populares