Domingo 16 de Ordinario C
DOMINGO XVI ORDINARIO - CICLO C
Primeira Lectura Xen 18,
1-10a
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Señor, non pases sen te deteres onda o teu servo
O Señor apareceuse na
carballeira de Mambré a Abrahán, estando este sentado á entrada da súa tenda,
nas horas da calor.
Abrahán ergueu os
ollos e viu tres homes de pé diante del. En véndoos, correu ao seu encontro,
desde a entrada da tenda, e prostrouse, dicindo:
‑ "Meu Señor, se
merezo o teu favor, non pases sen te deteres onda o teu servo. Farei traer unha
pouca auga, bañaredes os pés e descansaredes baixo a árbore. Coa mesma e xa que
pasades por onda o voso servo, traerei un anaco de pan. Repararedes con el as
forzas, para logo seguirdes camiño".
Responderon eles:
‑ "Está ben. Fai
como dis".
Abrahán correu á tenda
onda Sara, para lle dicir:
‑ "Trae tres
cuncas de flor de fariña, axiña: amásaa, e prepara unha bica".
E el foi correndo ao cortello,
colleu o vitelo máis tenro e mellor, e deullo a un criado para que o guisase ao
momento.
Despois, co vitelo
guisado, colleu manteiga e leite, e servíullelos. Mentres eles comían, el
estaba ao seu lado baixo a árbore.
Nisto eles
preguntáronlle:
‑ "Onde está
Sara, túa muller?"
El respondeu:
‑ "Aí dentro, na
tenda".
E un deles engadiu:
‑ "Volverei verte
para o ano, e entón Sara, a túa muller, terá un fillo".
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 14,
2-3ab. 3cd-4ab. 5
R/. (1a): Quen, Señor, se hospedará na túa tenda?
Aquel que procede honradamente
e practica a xustiza;
o que ten sinceridade no corazón
e non calumnia coa súa lingua.
O que non lle fai mal ao seu próximo
e non difama o seu veciño;
o que despreza os malvados,
mais enaltece os que temen o Señor.
O que non presta con usura o seu diñeiro,
e non se deixa subornar contra o inocente.
Quen así se comporta,
endexamais o abalarán.
Segunda Lectura Col 1, 24-28
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
O misterio oculto de séculos, pero agora manifestado aos santos
Irmáns:
Agora alégrome do que
teño que padecer por vós; así completo na miña carne o que lles falta ás
penalidades de Cristo polo seu corpo, que é a Igrexa.
Desta Igrexa fíxoseme
servidor cando Deus me encomendou para o voso ben esta misión: predicar
cumpridamente a palabra de Deus, ese misterio escondido desde séculos e
xeracións, pero que se manifesta agora ao seu pobo santo.
A este pobo quíxolle
Deus amosar a espléndida riqueza de gloria que representa para os pagáns este
segredo: que Cristo é para vós a esperanza da gloria!
El é a quen nós
anunciamos, aconsellando a todos, adoutrinándoos o mellor que sabemos para
facer cristiáns como é debido.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Cf. Lc 8, 15
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Ditosos os que gardan a palabra de Deus en corazón recto e bo
e con paciencia dan o seu froito.
Aleluia.
Evanxeo Lc 10, 38-42
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Marta acolleuno. María escolleu a mellor parte
Naquel tempo, cando
ían de camiño, entrou Xesús en certa aldea, e unha muller chamada Marta
acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María que, sentada aos pés
do Señor, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co
labor da casa; e achegándose a el, díxolle:
‑ Señor, non che
importa que a miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote unha man.
Pero o Señor respondeulle:
‑ Marta, Marta,
preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas, pero soamente unha é a necesaria.
María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
POWER POINTS
CANTO GOZOSO
* ENTRADA: Camiñando pola vida
* LECTURAS:
Canta aleluia
* OFERTORIO:
Grazas, Señor, na mañá
* COMUÑÓN:
Seguirei os teus pasos
RTVG: Santa Misa-34
Comentarios
Publicar un comentario