Ficha e Lectio - Domingo 18 Ordinario C
FICHA ADAPTADA DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
LECTIO:
DOMINGO
XVIII T. O.
(31 xullo 2016)
É moi difícil, por non dicir imposíbel,
imaxinarmos a “nada”. Si, a “nada”: que non houbese nada, nin eu nin vós, nin
ninguén. Nin terra, nin mar, nis estrelas. Simplemente nada. En realidade non
pasaría nada, nin sequera habería a máis mínima posibilidade de que puidésemos
protestar por iso. Pois non habería ninguén para se comportar dese modo.
A pesar de todo, pensamos que
existir, vivir, soñar, amar e moitas cousas máis que somos e que facemos é o
máis natural do mundo. Así o cremos, mais esquecemos dese modo que o noso ser,
a nosa vida e todo canto con ela está unido non son cousa nosa. Toda a
realidade ten que vir de algo alén dela, de alguén que sexa plenitude de vida e
de poder. A iso do que todo en definitiva procede chamámolo nós Deus. É el quen
decide, no seu misterio infinito e inabarcábel, facer que existan cousas e
persoas coma nós ademais del. Sen se sentir obrigado a tomar esa decisión,
porque sendo el quen é non pode precisar de ninguén. Pola revelación de Xesús
sabemos que el é plenitude infinita de Pai, Fillo e Espírito. El teno todo,
pois, en si mesmo e de si mesmo.
Por que logo decidiu que nós existísemos,
por que nos creou? Misterio fondo e infinito, como infinito é o mesmo Deus. Baseados
aquí tamén na revelación de Xesús, poderiamos dicir así e todo que nos creou
porque nos quere, porque nos ama, porque el –tal como nos di Xoán- é amor. Non
porque teña
amor, senón porque é amor. Ou dito doutra maneira -e así
conectamos xa co evanxeo de Lucas de hoxe- porque el non é “cobizoso”, porque
Deus non ten nada que ver coa “cobiza”. Deus é pura xenerosidade, meirande cá calquera
outra que poidamos imaxinar ou pensar.
Pois ben, este mesmo Deus Pai que
xenerosamente nos crea é o que, moito máis xenerosamente aínda, nos dá o seu
propio Fillo e o converte en irmán noso, participando en todo da nosa
humanidade, do noso nacer, das angueiras do noso vivir e do noso morrer. Que
máis nos pode dar? Pois se el nos dá o seu Fillo, dásenos tamén el mesmo a nós
con el, porque o seu Fillo é coma el. “Quen me ve a min ve o Pai”, diralle Xesús
a Filipe, un dos seus apóstolos.
Por iso, se algo é Xesús, é ser
tamén, por ser imaxe do Pai, pura xenerosidade, pura entrega a nós, á xente que
conviviu con el, creando liberdade, amor e xustiza por onde queira que andou. E
cando se vai, cando deixa de ser un máis entre nós, dános, dóanos, o seu
Espírito, o mesmo espírito de Xesús, ese Espírito que xa nunca máis se ausentará
deste mundo. Ese Espírito que move a súa Igrexa e as conciencias das persoas
todas cara a unha meirande xenerosidade con todos, cos pobres e necesitados do
mundo enteiro. É ese mesmo Espírito o que move o papa Francisco a anunciar e
practicar a xenerosidade e misericordia cos necesitados por onde queira que vai
e que move tamén a tantas outras persoas anónimas do mundo enteiro a
preocupárense e ocupárense dos demais.
Ese mesmo espírito de xenerosidade é
o que se nos mostra no evanxeo de Lucas de hoxe cando el pon en boca de Xesús
esa advertencia programática: “Atención: gardádevos da cobiza”... Porque só se
somos xenerosos con todos, e sobre todo cos máis necesitados, nos asemellaremos
a ese Xesús, que é a presenza viva no mundo da xenerosidade do Deus Pai de
todos.
A cobiza desenfreada é a que leva ó
mundo ós desaxustes sociais e ás guerras. Son moitos os analistas que sosteñen
que é a cobiza do gran capital, dos grandes poderes e fortunas, a que está na
base da gran crise económica que afecta de tantas maneiras sobre todo ás
persoas de menos recursos. A cobiza non quere oír falar de xenerosidade, de
fraternidade, de igualdade. O que quere é ter sempre máis a costa de quen sexa
e como sexa. Quere ateigar de bens e riquezas os seus propios hórreos ou
celeiros e, se non caben neles, derruílos para construír outros máis capaces e
seguros. A cobiza amorea para si, péchase sobre si mesma, só pensa en si e dise
a si mesma, como moi plasticamente nos comenta Lucas: “Amigo, xa tes aí
reservas para moitos anos; descansa, come, bebe e ¡a vivir!”. A cobiza non
comparte. É todo o contrario dese Deus do que diciamos que é, todo el,
xenerosidade e fraternidade. Por iso dinos Paulo (na segunda Lectura) que a
cobiza “é unha idolatría”. Porque o Deus que o cobizoso adora é el mesmo, os
seus bens. Bens que en realidade non deixan de ser en definitiva efémeros,
porque non son capaces de “salvar” a vida humana, é dicir, os nosos insaciábeis
desexos de vivir. Pois ben sabemos que a gadaña da morte non fai excepción con
ninguén.
Abrirnos á xenerosidade e á fraternidade
igualitaria, fuxindo da cobiza, é algo moi importante tanto para o noso modo
cristián de pensar como de actuar. E se nos comportamos así, daremos tamén
cumprimento ó que o mesmo Paulo nos di na mesma carta ós Colosenses: “Alí (é
dicir, na nosa vida consecuentemente cristiá) xa non hai máis nin grego nin
xudeu, nin circuncisión nin pagán, bárbaro, escita, escravo nin libre, senón
que Cristo é todo en tódalas cousas”. Só fraternidade.
O
que debemos, pois, facer, se é que queremos realmente vivir, é non gardar a
nosa vida para nós mesmos. Da mesma maneira que Deus non quixo gardar a súa
vida para si mesmo, senón que a sementou tamén no mundo e en nós. E se non queremos
clausurarnos en nós mesmos, teremos que facer que os demais vivan tamén, aínda
que iso supoña poñernos en perigo de perdermos a nosa propia vida. Aínda que,
en realidade, perdela, o que se di perdela, nunca ocorrerá, pois darásenos,
devolverásenos, ben acugulada de bens, alomenos no alén da nosa existencia
terrea.
Sobre
estes temas pensaron e oraron moito nas súas vidas os grandes santos. Dun deles
celebramos hoxe a súa festividade. Trátase do vasco Santo Ignacio de Loiola,
que morreu tal día coma hoxe no ano 1556. Dentro de só corenta anos (non quedan
xa moitos anos) celebraranse solemnemente os cincocentos anos da súa morte. Os
xesuítas debémoslle o que somos a el en canto fundador da Compañía de Xesús e
en canto mestre da oración e da busca da vontade de Deus nas nosas vidas. A súa
entrega a Deus e á formación cristiá das persoas en moitas nacións do mundo foi
preocupación fundamental súa. Esperamos que o Deus de Xesús continuará a encher
de graza e de bendicións a humanidade por medio dos “compañeiros de Xesús” que
el queira chamar á súa “Compañía”.
ORACIÓN DOS FIEIS:
Preguémoslle a Deus Pai, hoxe especialmente pola mediación
e intercesión de Santo Ignacio de Loiola, que nos aprenda a imitar a
xenerosidade e amor cos que nos creou e nos ama, dicindo: Escóitanos, Pai.
Todos: Escóitanos,
Pai.
- Dános, Pai, espírito de xenerosidade na nosa entrega
cristiá ó ben de todos, especialmente dos máis necesitados da nosa axuda.
Todos: Escóitanos, Pai.
- Énchenos, Pai, a todos de fe, esperanza e amor para non
deixármonos vencer pola cobiza destrutora da fraternidade que o teu fillo Xesús
quere instaurar no noso mundo.
Todos: Escóitanos,
Pai.
- Suscita, Pai, no seo das comunidades cristiás, persoas
animosas e abertas a seren compañeiros do teu fillo Xesús na Compañía de Xesús
fundada por Santo Ignacio de Loiola.
Todos: Escóitanos,
Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER MÁIS:
Comentarios
Publicar un comentario