Ficha e Lectio - Domingo 16 Ordinario C
FICHA ADAPTADA DE : http://elrincondelasmelli.blogspot.com/
LECTIO:
DOMINGO XVI T. O.
(Ano C: 17 xullo 2016)
Unha
vez máis é Lucas, no seu evanxeo de hoxe, o único que entre os evanxelistas nos
presenta a conmovedora escena de Xesús en diálogo con Marta e María.
Debémoslle, pois, agradecer, que nos teña transmitido estas conversas tan
fermosas e significativas de Xesús coas dúas irmás. Trátase dunha escena que
nos mostra tamén o tradicional papel das mulleres ocupadas cos labores da casa.
Aínda hoxe, sexa por un machismo máis ou menos agachado ou polo que sexa, o
certo é que á meirande parte das mulleres se lles segue a aprender que é a elas
a quen lles toca encargarse da cociña, lavar a vaixela e cousas semellantes,
ademais naturalmente de ocupárense de coidar dos nenos.
Neste
doméstico cadro tradicional, resúltanos tamén comprensíbel a queixa que Marta
lle formula a Xesús sobre que a súa irmá María pase o tempo alí na casa de
conversa con el sen lle botar a ela unha man.
Xesús
atopábase a gusto nesta casa e era privilexiado amigo da familia, tanto das dúas
irmás coma do seu irmán Lázaro. Polo finado irmán delas chorará Xesús antes de lle
devolver a vida; tanto que por iso comentaría con razón a xente o moito que o
quería. Neste ambiente de mutua confianza e aprecio, Xesús segue a comunicarnos
(a elas e a nós) cousas importantes.
Non
poucas veces se ten interpretado a resposta de Xesús a Marta como unha especie
de xerarquización pola que a vida chamada contemplativa estaría por encima da
vida activa ou das actividades profanas e normais. Para entendérmonos, unha
monxa contemplativa estaría polo mesmo feito de ser tal por enriba dunha nai de
familia dedicada ós coidados exteriores da casa e dos fillos. É o que parece á
primeira vista dar a entender a resposta de Xesús a Marta de que só “unha cousa
é necesaria”, esa “mellor parte” escolleita por María que se dedicaba a
escoitar a Xesús e a falar con el.
Mais
non semella que sexa esa a interpretación máis axeitada. O que máis ben nos
quere dicir Xesús é que a “contemplación”, é dicir, a oración ou a relación con
Deus -tal como a practicaba Xesús co seu Pai Deus e que Lucas tantas veces pon
de relevo no seu evanxeo-, vén sendo algo así como a fonte da que provén o noso
bo facer, as nosas boas accións. Marta e María veñen simbolizar así dúas
actitudes (a contemplación e maila acción) que non debemos disociar, senón
conxuntar.
Este
luns pasado, o día 11 de xullo, celebrouse, sobre todo na veciña Pontevedra, a
festa do noso querido e popular santo, san Bieito, o fundador e precursor do
monacato. Os monxes bieitos que del proceden foron os que botaron a andar aquel
sinxelo lema latino “ora et labora”, é dicir, “reza e traballa”, ou sexa e en
certo modo, “sé María e sé tamén Marta”. Por iso moitas das máis antigas ordes
relixiosas dedicaban ou dedican aínda de feito tempo abondo á oración en común,
ó chamado “coro”, etc., e tamén ó “traballo” manual e á atención espiritual e
cultural das persoas da comarca.
Máis
modernamente, aínda que pasaron xa algúns séculos desde entón, San Ignacio de
Loiola, o fundador da Compañía de Xesús, dos xesuítas -entre os que nos
contamos os que tentamos facervos algún servizo nesta igrexa dos Apóstolos-
sorprendeu na súa época coa supresión do tradicional “coro”, é dicir, chamou a
atención coa súa ruptura da separación tradicional, polo menos simbólica, que
había entre “rezar” ou orar e “traballar”. O que quería San Ignacio era que a
vida toda dos que se consagrasen a Deus e á Igrexa na Compañía de Xesús fose
toda ela e ó mesmo tempo, sen mutuas separacións, oración e traballo. Neste
senso, poderiamos formular a intención de San Ignacio, á diferenza do que
ocorría noutras Ordes anteriores, da seguinte maneira: “ora traballando” ou
“traballa orando”. Un traballo naturalmente moi diversificado entre moi
diversas clases de persoas. Pero en calquera caso un “traballo” -é dicir, tipo
“Marta”- que debería ser ó tempo sempre “contemplativo” -é dicir, tipo “María”-.
De aquí provén o ben coñecido lema xesuítico de intentar ser “contemplativo na
acción”. É dicir, ser persoa “contemplativa” non só antes ou despois da
“acción”, senón sempre, e polo tanto tamén durante a acción mesma, no “traballo”
mesmo.
De todos modos, para San
Ignacio e para a Compañía de Xesús por el fundada o primeiro era sempre o
primeiro. Quero dicir, a oración e a unión con Deus era máis importante cós
medios exteriores. Ou tal como literalmente se di: “Os medios que unen o
instrumento con Deus son máis eficaces ca aqueles que o dispoñen cos homes”.
Volvendo de novo ás lecturas da
liturxia de hoxe, dinos Lucas que, mentres Marta se dedicaba afanosamente ós
seus labores, María estaba “sentada” ós pés de Xesús, escoitando a súa palabra.
Podemos neste sentido pensar tamén na escena que se nos refire hoxe no libro da
Xénese sobre Abrahán, “sentado” tamén á entrada da súa tenda. Quizais estivese el
tamén a falar no seu interior co Deus que o guiaba e acompañaba no seu longo
peregrinar. En calquera caso, é nese momento cando se lle aparece o Señor,
segundo se nos conta no relato, na figura de tres homes que van de camiño
(peregrinos tamén coma Abrahán). A súa muller Sara, coma outra Marta,
afanaríase seguramente no interior da tenda nos seus labores. Pois ben, a
“contemplación” do Abrahán sentado á beira da súa tenda transfórmase de súpeto
en amorosa e hospitalaria solicitude en relación con aqueles “tres homes” que acaban
de achegarse á súa tenda.
Vese ben así como a contemplación
potencia e dá vida á acción, uníndose a ela e xerando así froitos de
fraternidade e amizade. O contemplativo Abrahán toma axiña a iniciativa cos
tres inesperados peregrinos, non deixando que se vaian sen lles dar repouso e
xantar. Sen esperar a que llo pidan e forzándoos en certo modo a que se deteñan
por algún tempo con el onda a súa tenda.
Vemos tamén así como facer o ben, ese
ben ó que Deus nos capacita coa súa presenza e co seu amor, produce ou
reproduce sempre tamén bens naqueles mesmos que o realizan.
Ese é o galano que se contén na
promesa que lle fan os tres, é dicir, o Deus mesmo representados polos tres
viandantes, á Abrahán: “Para o ano que vén Sara, a túa muller, terá un fillo”. Pois Deus endexamais deixa que o superemos a
el no que toca a xenerosidade.
ORACIÓN DOS FIEIS
Invoquemos
a Deus noso Pai para que, a imitación de Xesús, nos dea o espírito de
familiaridade con Deus Pai e de amizade e fraternidade con tódalas persoas,
dicindo: Escóitanos, Pai.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Dános, Pai, fe fonda e íntima na túa paternidade
ós teus fillos para sabermos escoitar de ti os proxectos que queres que
realicemos nas nosa vidas.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Fortalece, Pai, os nosos ánimos para nos
entregarmos á realización práctica de canto nos pides e suxires para a
construción do teu Reino neste mundo.
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Fainos, Pai, “contemplativos na acción” en
tódalas circunstancias da nosa vida, para xuntarmos así cada un os diferentes
modos de ser das irmás Marta e María, tan estimadas e queridas polo teu fillo
Xesús.
TODOS: Escóitanos, Pai.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo
noso Señor. AMÉN.
Manuel
Cabada Castro
VER TAMÉN:
Comentarios
Publicar un comentario