Domingo 14 do Tpo. Ordinario C

DOMINGO  XIV  ORDINARIO  -   CICLO C


Primeira Lectura     Is 66, 10-14c
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
Velaí mandarei sobre ela, coma choiva, a paz
  
            Alegrádevos con Xerusalén,
exultade por ela, todos os que a amades.
            Reloucade con ela de xúbilo
os que por ela levastes loito.
Mamaredes ao seu peito
e fartarédesvos das súas consolacións;
zugaredes con delicia
a riqueza do seu seo.
            Porque así fala o Señor:
            « Farei correr ata ela a fartura coma un río,
coma un río desbordado a riqueza das nacións.
            Collerán no brazo os seus meniños,
e aloumiñaranos sobre os xeonllos.
Coma unha nai que consola o seu fillo,
así eu vos consolarei;
en Xerusalén seredes consolados!
            Vós verédelo, e alegrarase o voso corazón,
e os vosos ósos florecerán coma un campo.
            A man do Señor daráselles a coñecer aos seus servos.

  Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 65, 1-3a. 4-5. 6-7a. 16 e 20
R/.  (1):  Aclama a Deus, terra enteira.

Aclama a Deus, terra enteira,
canta a gloria do seu nome;
réndelle o honor da loanza,
dille: Que sorprendentes son as túas obras!

Próstrase a terra toda diante túa
e canta salmos ao teu nome.
Vinde e vede as obras do Señor,
os seus sorprendentes feitos entre os homes.

El mudou o mar en terra seca
e pasaron o río a pé:
felicitémonos por iso.
Co seu poder domina o mundo.

Vinde os que temedes o Señor,
e contareivos o que el fixo por min.
Bendito sexa Deus,
que non desbotou a miña súplica
nin afastou de min o seu amor.


Segunda Lectura     Gal 6, 14-18
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Levo no meu corpo os sinais de Xesús
  
            Irmáns:
            A min Deus me libre de gabarme en algo que non sexa a cruz do noso Señor Xesucristo, na que o mundo está crucificado para min coma eu para o mundo.
            Pois tanto ten estar circuncidado coma estar sen circuncidar: o que importa é a nova creación.
            A paz e mais a misericordia virán sobre todos os que se axusten a esta norma e sobre o Israel de Deus.
            De hoxe en diante que ninguén me veña amolar, porque levo no meu corpo as marcas de Xesús.
            Irmáns, que a graza do noso señor Xesús Cristo acompañe ao voso espírito. Amén.

 Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Col 3, 15a. 16a
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Que a paz de Cristo reine nos vosos corazóns,
que a palabra de Cristo habite de abondo en vós.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 10, 1-12. 17-20 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Descansará nela a vosa paz

            Naquel tempo, designou o Señor a outros setenta e dous, e mandounos de dous en dous por diante del a todas as vilas e aldeas onde tiña pensado ir. Díxolles:
            ‑ A anada évos ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.
            Ide e sabede que vos mando coma años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes nunha casa, antes de máis nada dicide: "Paz a esta casa". E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco.
            Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que o obreiro ten dereito ao seu xornal. Non andedes dunha casa para outra. Cando entredes nunha vila e vos acollan, comede do que vos poñan, curade os enfermos que haxa e dicídelles: "Xa chega a vós o Reino de Deus".
            Pero cando non vos acollan na vila na que entredes, saíde ás prazas dicindo: Non queremos levar da vosa vila nin o po que se nos pegou aos pés. Aí vos queda.
Pero sabede que xa chega o Reino de Deus. Asegúrovos que o Día do Xuízo será máis levadío para Sodoma do que para aquela vila.
            Entón volveron os setenta e dous moi contentos dicindo:
            ‑ Señor, aínda os demos tamén se nos someten no teu nome.
            El replicou:
            ‑ Eu vía a Satán caendo do ceo coma un raio. Porque vos dei poder para pisardes cobras e mais alacráns e poder sobre toda forza inimiga, e nada vos fará mal. Con todo, non vos alegredes de que os espíritos se vos sometan: alegrádevos, máis ben, de que os vosos nomes estean escritos no ceo.

Palabra do Señor                              R/. Loámoste, Cristo
______________________________________________________________________

Ou:  1-9 (máis breve):
 LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

            Naquel tempo, designou o Señor a outros setenta e dous, e mandounos de dous en dous por diante del a todas as vilas e aldeas onde tiña pensado ir. Díxolles:
            ‑ A anada évos ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.
            Ide e sabede que vos mando coma años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes nunha casa, antes de máis nada dicide: "Paz a esta casa". E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco.
            Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que o obreiro ten dereito ao seu xornal. Non andedes dunha casa para outra. Cando entredes nunha vila e vos acollan, comede do que vos poñan, curade os enfermos que haxa e dicídelles: "Xa chega a vós o Reino de Deus".

Palabra do Señor                              R/. Loámoste, Cristo





Comentarios

Publicacións populares