O Señor é Deus no alto dos ceos e no profundo da terra, e non hai outro máis ca El-Dt 4, 32-34. 39-40
Domingo da Santísima Trindade-ciclo B
O VENTO DO ESPÍRITO
Ao Vento do seu Espírito
que sopra onde quere, libre e liberador,
vencedor da Lei, do Pecado e da morte;
ao Vento do seu Espírito
que remansou no corazón e no ventre
dunha moza de aldea en Nazaré;
Ao Vento do seu Espírito
que inzou de cheo a Xesús
para envialo a anunciar
a Boa Nova aos pobres
e a liberación aos cativos;
Ao Vento do seu Espírito,
que eliminou, en Pentecoste,
os prexuízos, os intereses
e o medo dos Apóstolos
e abriu de par en par as portas do cenáculo,
para que a comunidade dos seguidores de Xesús
estivese sempre aberta ao mundo
e libre na súa palabra,
e coherente no seu testemuño
e invencible na súa esperanza.
Ao Vento do seu Espírito,
que varre sempre
os novos medos da Igrexa
e abrasa nela todo poder
que non sexa servizo fraterno
e a purifica coa pobreza e co martirio.
Ao Vento do seu Espírito,
esta vida nosa que ten lume de paixón
polo Deus de Xesús e do seu Reino
e ten cinza de fraxilidade e compunción.
Celebrade a Deus como o vivides: na esperanza.
E confiade no Pai que dá a vida,
no Fillo que nos salva,
no Vento do seu Espírito
que nos dá alegría e sempre nos ama.
(Adaptado de P.
Casaldáliga: Poeira e cinsa ao vento)
Comentarios
Publicar un comentario