Domingo 6 de Pascua - ciclo B
6º DOMINGO DE
PASCUA - CICLO B
Primeira Lectura Feit 10, 25-26. 34-35. 44-48
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Tamén entre os xentís foi
derramada a graza do Espírito Santo
Cando
Pedro ía entrar, foi Cornelio á porta e botándoselle aos pés, prostrouse. Pero
Pedro levantouno, dicíndolle:
‑
Érguete, que eu tamén son un home.
Tomou
entón Pedro a palabra e dixo:
‑
Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta ao que lle
é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa.
Aínda
Pedro estaba a dicir estas cousas, cando o Espírito Santo veu sobre todos os que
escoitaban a palabra.
Todos
os crentes da circuncisión, que viñeran con Pedro, ficaron cheos de asombro ao veren
que o don de Espírito Santo tamén se espallaba sobre os pagáns, pois sentíanos
falar en linguas e loar a Deus.
Entón
Pedro dixo:
‑
Pode alguén negarlle a auga do bautismo aos que recibiron o Espírito Santo o
mesmo ca nós?
E
mandou que os bautizasen no nome de Xesús Cristo. Entón pedíronlle que quedase
con eles algúns días.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
R/. (cf. 2b): O Señor revela a
súa xustiza ante os pobos.
Ou: Aleluia
Cantade ao Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas;
a súa destra deulle a vitoria,
o seu brazo santo.
0 Señor dá a coñecer a súa
vitoria,
revela a súa xustiza ante os
pobos.
Lembrou a súa misericordia e a
súa fidelidade
coa casa de Israel.
Os confíns todos da terra
percibiron
a vitoria do noso Deus.
Aclama ao Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.
Segunda Lectura 1 Xn 4, 7-10
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
Deus é amor
Meus
amigos, amémonos uns aos outros, porque o amor vén de Deus; e todo aquel que
ama naceu de Deus e coñece a Deus. O que non ama, aínda non coñece a Deus,
porque Deus é amor.
O
amor de Deus fíxose ver entre nós en que Deus mandou ao mundo o seu Fillo
Unixénito, para que nos dese a súa vida.
Hai
amor dentro de nós, non porque nós teñamos amado a Deus, senón porque El nos
amou a nós e mandou o seu Fillo para que expiase os nosos pecados.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Xn 14, 23
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Quen me ama, cumprirá a miña
palabra, di o Señor;
e o meu Pai amarao e viremos a
el.
Aleluia.
Evanxeo Xn 15, 9-17
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Ninguén ten amor meirande ca
este: que un dea a súa vida polos amigos
Naquel
tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
-
Como me amou o Pai, así vos amei eu: permanecede no meu amor. Se gardades os
meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, como eu gardei os mandamentos de
meu Pai, e permanezo no seu amor.
Díxenvos
estas cousas para que a miña alegría estea en vós, e a vosa alegría sexa plena.
Este
é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros como eu vos amei. Ninguén ten
amor meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos. Vós sodes amigos
meus, se facedes canto eu vos mando.
Xa
non vos chamo servos, que o servo non sabe o que fai o seu señor: a vós
trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu Pai déivolo a coñecer.
Non
me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a vós; e púxenvos para que
vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza; de xeito que todo o que lle
pidades ao Pai no meu nome, volo conceda.
Mándovos
isto: que vos amedes uns a outros.
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo
NON HAI XUSTIZA SEN HUMANIDADE: SÓ
RECOÑECENDO AO OUTRO COMA IGUAL PODEMOS POÑER EN PÉ A GRAN TAREFA DO REINO – 6º
Pascua B 2015
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
ESCOITA ACTIVA
Unha das frases da primeira lectura de hoxe dinos que “ao xusto cómprelle ser humano”. Por
aquilo de que as lecturas se dividen en tres ciclos, as persoas que adoitamos
participar os domingos nas celebracións da comunidade cada tres anos temos escoitado esta frase.
Porén, quizais a pesares de tela escoitado moito, non lle temos prestado
a atención que ela merece, porque en
algo tan sinxelo como son estas seis palabras, agóchase unha estupenda síntese
na que poderiamos resumir a fe cristiá. A salvación da que tantas veces falamos
en abstracto non ten outra concreción que a capacidade que nós teñamos de ir
facendo visible a xustiza de Deus e o recoñecemento da humanidade no actuar en
relación cos demais. Só deste xeito poderemos poñerlle rostro e sentido ás
palabras. Do contrario non faremos máis ca poesía, pero a poesía non é
seguimento de Xesús nin construción do reino ao que nos chama o evanxeo.
Dispoñamos logo o corazón para participar desta celebración, que será gozosa e
esperanzada se os que participamos nela nos achegamos dispostos a poñer o
mellor de nós.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
✗ Porque nos falta capacidade de
agarimar e nos sobran miradas que nos distancian e xulgan,
SEÑOR, QUE A INDULXENCIA AGROME EN NÓS.
✗ Porque somos xusticeiros, pero non
xustos.
CRISTO,
QUE A INDULXENCIA AGROME EN NÓS.
✗ Porque somos de oído duro e man
pechada,
SEÑOR,
QUE A INDULXENCIA AGROME EN NÓS.
PALABRA ENRAIZADA
✓ Utilizamos moito o substantivo
xustiza, o que non está tan claro é que o utilicemos do xeito
adecuado. Porque a xustiza non é aplicar na vida -na nosa ou na dos
demais-, os nosos criterios, ou o que nos parece mellor; senón que a
xustiza supón e esixe recoñecer/nos primeiro como persoas con dignidade e
merecedores de respecto, independentemente de que teñan criterios parecidos aos
nosos, pertenzan a outras crenzas ou a súa visión da realidade sexa moi
distinta da nosa. A clave para entender isto que estamos a dicir dánola a
frase á que faciamos referencia ao comezo da celebración e que atopamos
na primeira lectura, do libro da Sabedoría. E dános a clave para entender a xustiza porque pon esta en relación cun
actuar humano, co actuar humanizador. É dicir, co xeito de facer as cousas
no que a persoa ocupe o primeiro lugar da escada de valores e principios desde
os que nos movamos. Sendo importantes outras moitas cousas para poder vivir e
facernos a vida moito máis doada, é necesario distinguir ben unha cousa da
outra, para non caer na esquizofrenia de quen xa non distingue e o confunde
todo. Algo disto está a pasar neste mundo no que vivimos e que, entre todos
imos construíndo. Nel, moitas veces, xa non distinguimos que e núcleo e que é
casca. Ou o que é o mesmo, non diferenciamos o fundamental do accesorio, o
que nos está a traer confusións e dor. Non hai máis que ver un telexornal,
escoitar un informativo ou ler unha nova no xornal. Para lavarnos a conciencia
acostumamos a dicir que a xente está tola ou preguntarnos onde imos parar
con estes comportamentos....Pero poucas veces nos preguntamos: e eu, que fago,
alí onde estou: familia, traballo, barrio, parroquia… para evitar esta
confusión e desconcerto?. Laiarse é doado, pero coller o touro polos cornos e non
ter medo a expresar, e tamén explicar, que non todo vale nin é o mesmo sabendo
argumentar con razóns e reflexións a quen o confunde todo, esixe perder a vergoña e non ter complexo de
inferioridade. Por iso non sempre é doado dar razón do que pensamos que debe
ordenar a vida para que esta camiñe no binomio xustiza–humanidade. Sendo
verdade que Deus coida de nós, non é menos verdade que nós tamén debemos coidar
de canto Deus foi creando, e de entre todo, o máis importante, e isto non ten
rebaixa, é o ser humano, ao que nos dotou de dignidade e capacidade de pensar,
sentir e compartir. Deixemos logo que a sabedoría de Deus enchoupe o noso
quefacer cotián!
✓ Para poder ir desenvolvendo este
proxecto de Deus artellado no binomio xustiza/humanidade, é necesario sentirse
forte, ou polo menos, con capacidade de afrontalo sen medo nin vergoña pola
nosa parte, cousa que non sempre somos capaces de levar a cabo. De aí que necesitemos
un “plus” de forza que tamén nos ofrece ese Deus que é comuñón para cantos
cremos nel. A isto se refire Paulo cando lles escribe aos cristiáns
de Roma, e lles di que na debilidade, cando parece que todo se derruba, que
nada vai quedando en pé –pensamento/tentación na que caemos cando nos deixamos
levar da desesperanza-, o Espírito acode na nosa axuda. É esta unha fermosa
imaxe que Paulo nos presenta de Deus como aquel que terma, acompaña, agarima e
coida, con grande tenrura de nós. Non é logo que Deus se afaste de nós, ou faga
oídos xordos á nosa oración –“ata cando Señor …” dicimos no salmo-, máis ben, somos nós os que
endurecemos o oído para non prestarlle atención á invitación que nos fai de
seguilo. Falar entón do Espírito é falar da forza que recibimos para
afrontar retos, superar dificultades, manter proxectos ou xerar ilusións. O
Espírito, como forza e estada, sempre
acode na nosa axuda e na nosa debilidade para termar de nós. Na confesión de fe
que rezamos cada domingo dicimos que cremos no Espírito Santo. Poñamos en valor
esta afirmación deixándonos enchoupar da súa presenza e da lóxica da comuñón
á que nos chama e invita. Facer comunidade, crecer como comunidade e actuar no
nome da comunidade, non sería posible, e se o fose, dificilmente aguantaría os
avatares e a dureza da proba, se o Espírito non fose o compañeiro nesta andaina
que imos construíndo de facer do mundo reinado de Deus.
✓ Dispostos sempre a deixarnos
agarimar por este presenza, ben seguro que atoparemos os folgos necesarios e
suficientes para ir sabendo distinguir o xoio do trigo. É dicir, como diciamos
antes, que non todo é o mesmo, que necesitamos organizar e aprender a descubrir
que é o importante, e que cousa non o é, inda que estea moi de moda, o fagan
todos e todas, ou sexa “trending topic” nas tan afamadas hoxe, redes
sociais. Por iso é tan fundamental buscar momentos onde poidamos formarnos,
reflexionar e compartir as nosas dúbidas e preocupacións, para ir aprendendo a
construír sobre bos cimentos, ou sobre terreo ben abonado. Distinguir o que
humaniza daquilo que nos fai escravos e sometidos, non sempre é fácil, por iso
é tan importante formarnos, coñecer e diferenciar, para non confundirnos nin
deixarnos ir como arrastrados por quen berra máis, manipula mellor ou aparece
máis veces na TV. Non porque unha cousa se diga, se vexa ou repita moitas veces
se converte en boa se non o é. Na vida, xoio e trigo van camiñando tan á xunta
que moitas veces, se non poñemos a atención debida, poden confundirse, e
para evitar esa confusión, son necesarios os criterios. Fronte ao xoio,
necesitamos a mostaza. Ela, sendo unha semente pequena, vai pouco a pouco
crecendo ata converterse nunha grande árbore. Así ha ser tamén a nosa
vida: pequenos pasos que imos
sementando desde a xustiza e a humanidade, para que un día poidan dar moito
froito, e fagamos de verdade reinado de Deus.
FRATERNIDADE ORANTE
Deus sementa no medio da comunidade o pequeno
gran de mostaza para que vaia dando froito de boas obras de xustiza e
humanidade. Poñamos o corazón en actitude de dar o mellor dos froitos dicindo
xuntos:
QUE A TÚA
SEMENTE DEA FROITO EN NÓS
∗ Para que a Igrexa sexa campo no que poder sementar trigo de xustiza e
humanidade,
OREMOS. QUE A TÚA SEMENTE DEA FROITO EN NÓS
OREMOS. QUE A TÚA SEMENTE DEA FROITO EN NÓS
∗ Para que as nosas parroquias crezan en capacidade de acollida,
misericordia e entendemento, OREMOS. QUE
A TÚA SEMENTE DEA FROITO EN NÓS
∗ Para que a nosa vida sexa un campo
no que poder sementar tenrura, solidariedade, empatía e capacidade de darnos
aos demais,
OREMOS. QUE A TÚA SEMENTE DEA FROITO EN NÓS
OREMOS. QUE A TÚA SEMENTE DEA FROITO EN NÓS
Grazas, Señor, por invitarnos a distinguir o xoio do trigo. Que a forza do Espírito Santo nos guíe sempre nesta tarefa. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Ti es a primeira árbore, o primeiro lévedo.
O reino de Deus vén contigo.
Se che damos fe, nós tamén seremos reino de Deus.
E medraremos.
E teremos sitio para todas as persoas que veñan.
E fermentaremos.
E faremos fermentar a todas as persoas que atopemos.
Medrará na escuridade a túa semente dentro de nós,
con toda seguridade.
E medrará nos nosos compañeiros.
E sementaremos, todos xuntos,
contigo, unha semente,
unha semente co teu nome no campo do mundo.
E será a terra, por nós,
un pouco máis que antes, Reino de Deus.
ENTRADA:
LECTURAS:
OFERTORIO:
COMUÑÓN:
POWER POINTS
Domingo 6-Pascua B Pagola
Comentarios
Publicar un comentario