Domingo de Pentecoste - ciclo B
DOMINGO DE PENTECOSTE - MISA DO DÍA
Primeira Lectura Feit 2, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar
Cando se cumpriron os
días de Pentecoste, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo
un ruído coma dun forte golpe de vento que encheu toda a casa onde estaban; e
apareceron talmente coma linguas de lume, que, repartidas, foron pousando unha
sobre cada un deles.
Quedaron cheos do
Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o
Espírito.
Había daquela en
Xerusalén xudeus piadosos de todas as nacións da terra. Ao se producir aquel
estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque cada un os sentía
falar na súa propia lingua. Pasmados e admirados, dicíanlles uns a outros:
"Olla! E todos
estes que están aí a falar non son galileos? E logo como é que os sentimos
falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? Partos, medos, elamitas,
xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia, Frixia e Panfilia, do
Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos tanto xudeus coma
prosélitos, cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas linguas das grandezas
de Deus".
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal 103,
1ab e 24 ac. 29bc-30. 31 e 34
R/. (30): Manda, Señor, o teu Espírito e renova a cara da terra.
Ou: Aleluia.
Alma miña, bendí o Señor.
Señor, meu Deus, ti es moi grande,
Cantas son, Señor, as túas obras,
A terra está chea das túas criaturas.
Retiras o teu alento, e expiran,
volvendo ao seu po.
Mandas o teu alento, e son creados
e renovas a cara da terra.
Gloria ao Señor por sempre,
alégrese o Señor coas súas obras.
Que El acolla o meu cantar
e alegrareime eu no Señor.
Segunda Lectura 1 Cor 12,
3b-7. 12-13
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
A todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único
corpo
Irmáns:
Ninguén que diga
"Renegado sexa Xesús", fala movido polo Espírito de Deus; e ninguén é
capaz a dicir "Xesús é o Señor", se non é baixo o influxo do Espírito
Santo.
Hai diversidade de
dons, pero un mesmo Espírito. Hai diversidade de servizo s, pero un mesmo
Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza
todo en todos.
A cadaquén dáselle a
manifestación do Espírito para o ben común.
Porque igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes
membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo: así tamén Cristo.
Porque a todos nos
bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma
gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único
Espírito.
Palabra
do Señor R/.
Grazas a Deus
SECUENCIA
Ven, Espírito divino,
manda a túa luz do ceo.
Pai amoroso do pobre
don, nos teus dons xeneroso,
luz que penetra nas almas,
fonte de todo consolo.
Ven, hóspede desexado,
descanso do noso esforzo,
tregua no duro traballo,
brisa nas horas de afogo,
gozo que as bágoas enxuga
e reconforta na dor.
Entra ata o fondo da alma,
divina luz, e enriquécenos.
Mira o baleiro do home
se Ti lle faltas por dentro,
mira o que pode o pecado
cando falta o teu alento.
Lava en nós todo o manchado,
rega o árido e sedento,
sanda as feridas do pobo;
amolece o que está teso,
pon calor onde hai friaxe,
dános bo discernimento.
Reparte os teus sete dons
segundo a fe dos teus servos.
Segundo a túa bondade,
dálle ao esforzo o teu premio,
e dános o gozo eterno.
Amén. Aleluia.
ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis;
e acende neles o lume do teu amor.
Aleluia.
Evanxeo Xn 20, 19-23
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Como me mandou a min o Pai, así vos mando eu a vós: recibide o Espírito
Santo
Naquel día, o primeiro
da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por
medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
‑ Paz convosco.
Dito isto, mostroulles
as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor.
El díxolles outra vez:
‑ Paz convosco: coma o
Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
E dito isto alentou
sobre eles, e díxolles:
‑ Recibide o Espírito
Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos
reteñades, quedaranlles retidos.
Palabra
do Señor R/.
Loámoste, Cristo
Presenza e alento do Espírito nun xeito de sentir e
vivir a fe moitas veces desalentado e pouco crible - Pentecoste 2015 B
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
ESCOITA ACTIVA
A festa do Espírito Santo, Pentecoste.
Si, hoxe achegámonos ao noso encontro semanal movidos pola chamada que, nos
seus discípulos, nos fai Xesús: ide e entendede. Porque aquí está a clave:
entendernos. E cómo nos custa! Falamos moito, pero dicimos pouco. Confundimos
utilizar moitas palabras, mesmo ter un vocabulario rico, con dicir cousas con
sentido. Por iso neste domingo de Pentecostes poderiamos preguntarnos se somos
dos que falamos sen dicir nada; se somos dos que nos gusta que outros falen
inda que non entendamos nin prestemos atención; ou se somos dos que falan cando
corresponde, sen buscar quedar ben, senón motivar os corazóns para actuar
acollendo a forza do Espírito e facendo canto nos corresponde. Porque no facer
ben o que temos que facer está sempre presente o Espírito que Xesús nos deixou
para mover os corazóns e facer da vida un camiño de diálogo e entendemento
activo.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Para que non convertamos a fe nunha
perda de tempo, senón nunha escoita activa e
transformadora por facer ben as cousas,
SEÑOR, QUE FALEMOS PARA ENTENDERNOS.
Para que superemos a tentación de oír
sen escoitar e de falar sen dicir,
CRISTO, QUE FALEMOS PARA ENTENDERNOS.
Para que non nos deixemos levar da
intransixencia nin da intolerancia,
SEÑOR, QUE FALEMOS PARA ENTENDERNOS.
Poderiamos hoxe fixarnos en tres
palabras que van aparecendo ao longo das lecturas que
temos proclamado, Tres palabras que nos
ofrecen un estilo de vida e un camiño polo que somos invitados a ir para acadar
ese estilo de vida: inmobilidade, testemuño e entendemento.
Inmobilidade: Esta é unha tentación que todos/as
temos algunha ou moitas veces ao longo da vida. Quedar quietos, pensar e
desexar que o que haxa que facer o fagan outros. É máis cómodo ver pasar as
cousas, situacións e realidades por diante dos nosos ollos que facerlles
fronte. Nesta situación estaban os apóstolos despois de que Xesús se fora,
nunha espera inactiva e de vítima. Necesitaban que alguén os espoliase, e
estando nestas chega o Espírito que os leva a tomar conciencia de que hai que
cambiar, moverse, deixar de laiarse ou camiñar na nostalxia do que foi e xa non
volverá. E comezan a súa andaina. Non esquezamos: toman conciencia de que
seguir a Xesús non é quedarse na dor e na queixa, senón ser proactivos e
propositivos, e non esperar que outros o fagan por nós. Se nós non mostramos
que a fe é importante na vida, que podemos transmitir aos que non están, non
veñen ou se foron?
Testemuño: Cando somos capaces de perder o medo e
mobilizarnos, estamos mostrando que queremos dar razón do que nos move e nos da
azos para facerlle fronte a canto veña. E o que vén non sempre é bo. A iso
chámaselle testemuño. Dar razón de canto transforma a vida non nun laio
permanente, senón nunha acción de grazas persoal e comunitaria que vai
converténdoa non no aburrimento dos días que pasan, senón en esperanza por
compartir cos demais que Xesús nos abriu un camiño que nos ilusiona, que nos
move a facer cousas xuntos; e que neste camiño non imos solos, que o Espírito
vai con nós, que El non deixa que nos veñamos abaixo nas dificultades e terma
de nós cando a euforia non nos deixa poñer os pés no chan nas alegrías.
Testemuñar é transmitir e trasladar aos demais que a vida paga a pena e que
Deus, non só non nos deixa solos, senón que nos ofrece o gozo da presenza do
Espírito ao noso lado.
Entendemento: E este traxecto do camiño da nosa vida
non o facemos solos, senón en comunidade. Unha comunidade que vai tentando
identificar no medio do noso mundo actual as pegadas de Deus; unha comunidade
que non deixa que quedemos nas marxes; unha comunidade na que nos queremos e
preocupamos uns dos outros; unha comunidade que loita contra a tentación do
derrotismo e do aquí non se pode facer nada; pero unha comunidade tamén que
sabe poñer freo as nosas euforias puramente afectivas que ás veces nos fan
esquecer que os pés teñen que tocar sempre o chan; unha comunidade, que sen ser
mellor nin peor cas outras é a nosa, e que hoxe se reúne para poder escoitar
esta palabra, reafirmar os seus lazos de solidariedade e entendemento, e que
quere facer do diálogo o seu medio desde o que mostrar que nin somos unha seita
nin temos que pensar todos igual, senón que nesta familia que chamamos Igrexa
cabemos todos e todas, e se Deus nos abre a porta e nos invita a entrar, nós
non somos quen de pecharlle a quen queira vir e quedar.
FRATERNIDADE ORANTE
Porque non queremos quedar quietos,
porque buscamos testemuñar a nosa esperanza, porque estamos dispostos a facer
do entendemento o medio polo que os que nos ven se acheguen á persoa e mensaxe
de Xesús, dicimos xuntos:
SEÑOR, NIN INAMOBIBLES NIN ENFRONTADOS,
SENÓN TESTEMUÑAS
· Para que poñamos vista, oído e corazón
en canto facemos, esforzándonos por ser unha Igrexa aberta ao vento do Espírito
que non se pecha, senón que se abre ao mundo, OREMOS.
SEÑOR, NIN INAMOBIBLES NIN ENFRONTADOS,
SENÓN TESTEMUÑAS
· Para que non deixemos que as nosas
comunidades parroquiais se deixen ir pola pendente do consumo de sacramentos e
celebracións, sen ser capaces de descubrir que temos que ser comunidades vivas,
acolledoras e transformadoras da realidade, OREMOS.
SEÑOR, NIN INAMOBIBLES NIN ENFRONTADOS,
SENÓN TESTEMUÑAS
· Para que pasemos a Palabra hoxe
escoitada pola peneira do noso corazón e polo forno da reflexión que coce as
ideas ata que maduran para así ofrecelas á mellora do mundo moitas veces
esquecido do diálogo, a acollida e o acompañamento, OREMOS.
SEÑOR, NIN INAMOBIBLES NIN ENFRONTADOS,
SENÓN TESTEMUÑAS
· Para que sexamos testemuñas agradecidas
pola fe recibida no seo das nosas familias, celebrada nas nosas comunidades
parroquiais e ofrecida a quen ten ás persoas como centro e fin e non como medio
a quen se engana e utiliza cando interesa, OREMOS.
SEÑOR, NIN INAMOBIBLES NIN ENFRONTADOS,
SENÓN TESTEMUÑAS
Grazas, Señor, pola forza e presenza do
Espírito que nos volve falar á cabeza e ao corazón para que, poñendo os pés
sempre no chan, non deixemos nunca de mirar ao ceo. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
O noso testemuño de crentes chámanos a
ser persoas comprometidas na busca da xustiza, a paz e a reconciliación. Este compromiso
forma parte da nosa identidade. Non podemos renunciar a esta dimensión da nosa
vida. Non podemos cruzarnos de brazos diante da violación dos dereitos humanos,
non podemos ser pasivos espectadores diante das diversas formas de violencia. É
bo que gravemos na conciencia que temos que saír sempre: “En defensa dos
dereitos dos oprimidos, dos irmáns, renunciando á acción violenta, recorramos a
medios que, por outra parte, están ao alcance incluso dos máis débiles [...],
denunciemos con firmeza toda clase de acción bélica e toda carreira de
armamentos [...], sen escatimar traballos e sufrimentos pola edificación del
Reino do Deus da paz” (art. 69 das Constitucións dos franciscanos).
Na situación actual, que nos está
pedindo o Evanxeo, para que sexamos, aquí e agora, testemuñas e promotores de
xustiza, paz e reconciliación? Cal é a nosa achega específica como seguidores
de Xesús á promoción da xustiza, a paz e a reconciliación? Cómo respondemos ás
chamadas que nos chegan do noso mundo? En que temos que cambiar para ser
verdadeiras testemuñas activas e na busca do entendemento?
Temos sido chamados para evanxelizar.
Falar de evanxelización é, polo tanto, falar da nosa resposta á acollida do
Espírito. Aquí está a nosa vocación e a nosa razón de ser desde a Igrexa e para
o mundo. O Espírito é o que nos empurra a elo. A nós correspóndenos simplemente
responder a esa invitación e esa chamada.
OFERTORIO:
COMUÑÓN: Acharte presente
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario