FICHA E LECTIO - SANTÍSIMA TRINDADE B





LECTIO:
SANTÍSIMA TRINDADE 
(31 maio 2015)

            Teriamos que converter esta festividade de hoxe da Santísima Trindade en algo fondamente íntimo, vivo e sobre todo cordial e comunitario. Desde que nos iniciaron na fe cristiá sabemos teórica ou abstractamente, si, de Deus como un e trino. Sabemos que é un en esencia e trino en persoas. Así nolo dixeron e así o aprendemos. Pero todo semella quedar nun mundo de ideas e conceptos, de especulacións e de abstraccións, lonxe da nosa fe vivida, sentida e compartida cos demais.
            En realidade, o feito mesmo de que teñamos unha festa especial dedicada á concienciármonos da Santísima Trindade, da súa grandeza e das súas marabillas parece sinalar cando menos o interese que ten a Igrexa en que convertamos a fe na Trindade de Deus en algo vivo e operativo.
            Temos que partir, en calquera caso,  do presuposto de que Deus, o Deus infinito ou, mellor,  superinfinito, é absolutamente incomprensíbel para nós. E seguirao sendo aínda que el se nos teña revelado ou manifestado como Pai, como Fillo e como Espírito Santo. Esta unidade e diferenza en Deus segue e seguirá a ser un misterio, por moi grande, fermosa, consoladora que poida ser esta revelación. Por iso falamos do “misterio”, do gran misterio, da Santísima Trindade.
            Pero aínda así, aínda que Deus sexa sempre en si mesmo misterioso, o certo é que algo grande se nos ten que revelar na Trindade de Deus cando Deus nola quixo manifestar. E Deus maniféstanos a súa Trindade non con palabras abstractas, senón coa súa mesma actuación ante nós.
            Poderiamos dicir, de maneira xeral e moi sintética, que Deus se nos presenta no Antigo Testamento sobre todo como o Deus único, un Deus Pai, que aínda non se nos manifesta totalmente como é. Pero no novo Testamento, coa manifestación de Deus no mundo en Xesús, aprendemos a ver concretamente cómo é a paternidade de Deus. Xesús maniféstanos ó seu Pai, como Pai especialísimo del. Como Pai que o quere infinitamente. El, Xesús, é o seu “Fillo ben querido”.
            Pero como Xesús é tamén, na súa humanidade coma nós, resulta que ó revelársenos Deus como Pai de Xesús, maniféstasenos ó mesmo tempo que el, Xesús (o fillo de Deus) é o noso irmán maior e que, polo tanto, tamén nós somos todos fillos de Deus, fillos adoptivos de Deus; pois Deus Pai porfillounos a nós en Xesús, o fillo encarnado de Deus. É o que nos vén dicir moi claramente o apóstolo Paulo na súa carta de hoxe ós Romanos: “Vós non recibistes un espírito de escravitude... Recibistes un espírito de fillos adoptivos, grazas o cal podemos gritar: ¡‘Abbá’: Pai!... Somos fillos de Deus. E, se fillos, tamén herdeiros e coherdeiros con Cristo”.
            Ata aquí, como vedes, revélasenos que Deus é polo menos “dúas” persoas, o Pai e mailo Fillo. Aínda que naturalmente isto das “persoas” divinas non hai que entendelo en simple continuidade co que somos nós como “persoas” humanas, finitas e limitadas. En calquera caso, coa paulatina revelación a nós da Trindade de Deus váisenos dicindo tamén a nós que as persoas humanas estamos chamadas a ingresar misteriosamente nesta Trindade divina.
            Agora ben, a revelación definitiva da Trindade de Deus ocorre coa vinda do que chamamos Espírito Santo onda nós. Isto foi o que celebramos no anterior domingo. Por iso a igrexa coloca sempre liturxicamente a festividade da Santísima Trindade no domingo seguinte ó de Pentecoste, é dicir, inmediatamente despois da festa da vinda onda nós do Espírito Santo á maneira dun “vento impetuoso” e transformador.
            Con esta vinda do Espírito Santo cérrase, para dicilo dalgunha maneira, o “círculo” da revelación de Deus. Agora resulta que Deus xa non son “dous”, dúas persoas, senón que Deus é “tres”. Deus é un “trío” , un trío que toca tan misteriosamente ben, que non desafina ningún dos tres en tan infinita e misteriosa harmonía. Todo o contrario. En Deus hai tan marabillosa harmonía que, sendo tres persoas, non por iso hai tres deuses, senón un único Deus.
            Pero hai aínda algo máis. Como o Espírito Santo non se marcha xa máis de onda nós, e alí onde está o Espírito Santo están tamén o Pai e o Fillo, resulta que estamos así, pola presenza en nós do Espírito Santo, unidos todos á Trindade divina.
            A Trindade de Deus segue a traballar arreo no medio de nós para facernos como ela, uns e diferentes, variados e unidos, autónomos e amorosos, libres e amantes. É dicir, trinos e un. O fin do mundo e da humanidade, ou sexa, o proxecto grandioso de Deus é o de chegarmos todos a participar desa Trindade divina, que, ó tempo, é unidade.
            Un meritorio político, empresario e escritor pontevedrés chamado Valentín Paz Andrade, que viviu durante bastante tempo aquí en Vigo e ó que se lle dedicou hai só tres anos o día das Letras Galegas, escribiu un libro titulado “Galiza como tarefa”. Pois ben, se nós como galegos deberiamos traballar a prol desta nosa Galiza, en canto bos cristiáns deberiamos ter tamén como consigna algo así como “A Trindade como tarefa”. É dicir, traballar a prol dun mundo onde exista liberdade e amor, diferenza e unidade, individualidade e comuñón, á semellanza desta Trindade divina que hoxe estamos a celebrar.
            Os grandes santos e teólogos dicían e din que sobre Deus, e de maneira especial sobre o misterio da Santísima Trindade, non podemos senón tatexar. Todos somos nisto tartamudos ou tatexos, porque o modo de ser de Deus nos supera totalmente. Pero a verdade é que tamén as cousas máis fondas e naturais do mundo e da nosa vida nos son misteriosas: a nosa vida, a nosa morte, o amor, a liberdade e tantas outras cousas. Por que? Porque, á fin e ó cabo, todo e todos estamos mergullados no misterio de Deus, do Deus misterioso un e trino que o fixo todo e que está en todo. Dese Deus que se reflicte tamén moi misteriosamente na mesma vida familiar, que é sempre, en maior ou menor medida, trina e unha. Pois nela hai tamén pai e esposo, nai e esposa e fillos e irmáns. Unidade e diferenza, trindade e unidade.
            Deámoslle grazas a Deus porque nos quixo facer partícipes deste mar infindo da súa divindade unha e trina.

CREDO

PRECES
            Pidámoslle a Deus Pai, por medio do seu Fillo Xesús e coa axuda do Espírito Santo, que escoite as nosas oracións dicindo: ESCÓITANOS, PAI. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-Pola Igrexa, para que saiba presentar e ofrecer ó mundo a imaxe dun Deus que é comuñón de amor e de entrega. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-Para que, á imaxe de Deus, as persoas medremos nun ambiente relacional e comunitario, de diálogo, respecto e entrega. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-Para que saibamos descubrir a presenza do Pai, do Fillo e do Espírito Santo na comunidade, evitando os egoísmos que impiden a unidade.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
-Para que a nosa comunidade se deixe renovar e impulsar polo Espírito do Pai e do Fillo na tarefa da evanxelización. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.

            Atende, Pai, a nosa oración e fai realidade o que a través das nosas oracións che pedimos. Por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.
                                                                                      

        Manuel Cabada Castro

Comentarios

Publicacións populares