No 17 de maio

Cando se cumpriron os días de Pentecoste, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento, que encheu toda a casa onde estaban; e apareceron talmente coma linguas de lume, que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles. Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.

Había daquela en Xerusalén xudeus piadosos de todas as nacións da terra. O se producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque cada un os sentía falar na súa propia lingua. Pasmados e admirados, dicíanlles uns a outros: "¡Olla! ¿E todos estes que están aí a falar non son galileos? ¿E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? Partos, medos, elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia, Frixia e Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos tanto xudeus coma prosélitos, cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas linguas das grandezas de Deus".
FEITOS 2, 1-11


Sen dúbida, esta é a miña lectura sempre que penso no galego na Igrexa, 
DEUS FALA GALEGO! 
(como di a panxoliña que pouco vai de galileo a galego). 

Na miña oración sempre pido polos que non saben decatarse de que o galego na liturxia non ten nada que ver coa politización que se fai da lingua (tanto a favor como en contra), nin dos complexos seculares dos propios galegos de pensar que o galego non era lingua digna para falar con Deus (como pensaban os ingleses cando o francés era a lingua digna no seu territorio, ou no posconcilio coas linguas seculares). 

O galego é dos galegos, o pobo mira á Igrexa de Galicia cos ollos ben abertos esperando a que consiga superar o pasado, e o presente, e lles deixe acercar a Deus aos seus fillos, que lle podan chamar Pai igual que ó seu (... como xa dicía Sarmiento hai dous séculos) e Nai a María, -xa que é o mes de maio-, e deixen de pensar que o galego é destes ou aqueles... e empecen a pensar que "estes e aqueles", tamén son irmáns  e fillos de Deus (...eu son de Paulo, eu son de Apolo, eu son de Pedro...). A xente do pobo continúa a mirar este debate do galego na Igrexa con tristura como nun partido de tenis, esperando a que algún día o galego na Igrexa sexa algo normal. Nas parroquias que si utilizan o galego con normalidade tamén sufriron ese proceso inicial de choque, pero rapidamente se fixeron á liturxia; a xente non se decata que é imposible amar o que non se coñece, e, se non se dá a coñecer, a consecuencia lóxica é non amar.

Curiosamente, eu mesma tiven que ir aprender os cantos en galego a outra parroquia porque desde a Igrexa non había accesibilidade a eles; cantos que estou aprendendo dun castelán de Castela que leva máis de vinte anos cantando na mesma parroquia porque é o que lle gusta e o que sinte... e non é galego falante.

Na última Interdiocesana Xuvenil, o único crego que fixo parte da liturxia en galego, -de traducción espontánea porque celebramos todo en castelán-, foi o bispo auxiliar de Santiago... que é de León e estaba aprendendo o galego (detalle que lle agradecín persoalmente, e que a el lle fixo moita ilusión)... concelebraban varios curas galego-falantes...

Neste mesmo encontro, o grupo xuvenil que viu cantar moi amablemente desde a diocese de Ferrol (marabilloso, por certo), fixo os seus cantos en castelán... portugués e italiano, nin unha canción en galego (...ás veces penso que temos algún problema xenético, que imos transmitindo se xeración en xeración...). Non é para facerse preguntas?

Así mesmo, podería contar centos de anécdotas. Pero tamén afortunadamente eu mesma, descubrín a universalidade da Igrexa a través do galego, cando hai máis de trinta anos, decateime de que "hai vida máis alá do meu propio grupo". Eu que era de colexio "pijo" e non estaba en ningunha parroquia, vin xente que falou comigo na súa lingua con normalidade e abriume o corazón ao Deus de tódalas linguas, sen imposición pero sen vergoña, sen diferenciar pero sen renunciar a si mesmos, ... é o grupo máis diferente no que estiven e que lembro con máis cariño. Por non falar da xente de Fornelos da Ribeira que tódalas semanas aguantan con paciencia como lles vou copiando as notas para a guitarra dos cantos galegos...

En fin, abride o corazón ós que non son o que esperabades, 
decatareivos de que vós tampouco o sodes. 
Deixádevos invadir polo Espírito...


Comentarios

Publicacións populares