Ficha e Lectio - Domingo 6 Pascua B
FICHA ADAPTADA DE:
LECTIO:
DOMINGO VI DE PASCUA
(10 maio 2015)
Xoán,
no seu evanxeo de hoxe, pero tamén na súa Primeira Carta (a da segunda
Lectura), amósasenos como un autor denso, fondo, que vai ó cerne dos problemas.
Máis alá da descrición dos acontecementos ocorridos en relación con Xesús, a el
gústalle profundar, reflexionar e sintetizar. Poderiamos dicir que procede xa
en certo modo como un teólogo sistemático de tempos posteriores. Por iso Xoán é
simbolizado tradicionalmente en forma de aguia, pois á aguia gústalle voar a
gran altura e ten ademais unha visión aguda e penetrante.
Disto
dános el boa proba cando nos fala hoxe do amor: da súa importancia, da súa
centralidade na mensaxe cristiá. Utilizamos tantas veces a palabra amor que ás
veces esa expresión pode converterse en moeda gastada. E non debería ser así.
Porque a verdade é que sen amor non pode vivir un nin poden vivir os demais. Mais
¿de onde vén para Xoán o amor?
Na
súa primeira carta de hoxe, respóndenos Xoán que “o amor vén de Deus”; aínda
máis, que “Deus é amor”. Isto tanto para Xoán como para calquera cristián é
algo moi claro, porque ben sabemos que a única maneira de saber cómo é Deus é
vendo como se comporta o seu fillo unixénito Xesús. Xesús dixera de si mesmo:
“Quen me ve a min, ve ó Pai”, é dicir, ve a Deus. Pois ben, a experiencia que
van tendo os apóstolos e discípulos de Xesús con el é a de alguén que os estima
e os quere de verdade, que os desculpa, que os perdoa, que dá a súa vida por
eles e por todos e que resucita para darlles e garantirlles a eles e a todos
vida e resurrección.
Os
discípulos de Xesús van aprendendo así a ver a Deus como alguén que, sobre
todo, ama sen límites. De cando en vez lémbrovos, para que non o deades a
esquecemento, que Deus é trindade de persoas que se aman: Deus-Pai, Deus-Fillo
e Deus-Espírito. Pero isto non pode converterse en algo abstracto, nunha
especie de invento ou entretemento de teólogos que non tivesen nada que facer.
Non. A Trindade de Deus é a conclusión á que xa chega a primeira reflexión
cristiá, cando os seguidores de Xesús se van dando conta de que el fala de si
mesmo como Fillo, como o Fillo único e infinitamente querido de Deus-Pai. Pola
súa parte, Xesús enténdese a si mesmo como a imaxe perfecta do Pai, como
manifestación divina do mesmo Pai. De modo que en Deus hai polo menos, para
dicilo dalgunha maneira, unha dualidade de persoas: o Pai e o Fillo. E esta
dualidade converterase en trindade cando Xesús nos fale despois de que el e
mailo Pai nos van mandar aínda unha terceira persoa, que nos encherá de consolación
e que estará sempre con nós, alegrándonos e amándonos como presenza viva en nós
do Pai e do Fillo. É o que chamamos o Espírito Santo.
Deus
é, pois, un círculo de amor e nese círculo de amor quere que entremos tamén
nós, aínda que Deus se bastaría plenamente a si mesmo sen que nós entrásemos
nel. Mais des que Deus decidiu irmandarse coa humanidade toda no seu Fillo
Xesús, pertencemos todos a esta atmosfera de amor da Trindade de Deus, que vén
sendo algo así como o aire que respiramos. Se nos fallase ese aire non poderiamos
seguir vivindo. Por iso cando unha persoa sente que non é querida, que non é amada,
deixa case automaticamente de querer seguir vivindo.
Volvendo
ó evanxeo de Xoán e tendo en conta que nos discípulos ós que se dirixe Xesús
estamos presentes en certo modo todos nós, dinos Xesús: “Como me amou o Pai,
así vos amei eu”. O comportamento de Xesús con nós non fai senón prolongar ou
repetir o amor que Deus-Pai lle ten a el mesmo. Deste modo, en Xesús e con
Xesús somos todos queridos infinitamente por Deus-Pai. Isto é algo que supera a
nosa comprensión, porque en principio nos parece imposíbel que Deus nos poida
querer tanto.
Velaquí
vedes por que ten tanta importancia o de amármonos mutuamente. Ata tal punto
que se converte no verdadeiro e único mandamento que de feito nos dá Xesús:
“Este é o meu mandamento −dinos el−: que vos amedes uns a outros como eu vos
amei”. E repítese aínda o mesmo pouco despois: “Mándovos isto: que vos amedes
uns a outros”.
Polo
tanto, se queremos ser verdadeiros discípulos de Xesús e “cristiáns” de verdade,
non nos vale en modo algún presumir de cousas como estas: eu sonche moi
relixioso, moi amante de Deus, rezo moitísimo, eu cumpro con tódalas normas, eu
son moi obediente, etc., etc. Todo isto está moi ben, pero mentres non poidamos
anotar, sen mentir, no currículo da nosa vida: “eu quero ben a todos, eu amo a
todos, eu son amigo de todos”, se non podo dicir isto con verdade, entón nada
do anterior nos será de proveito para podermos aprobar o curso, refírome ó
curso longo ou curto da nosa vida. Pois xa sabedes ben aquilo que escribía San
Xoán da Cruz: “ó atardecer da vida examinarante do amor”. Examinaranme sobre se
arredor de min fun creando na vida un círculo de “servos”, aduladores e
dependentes, e non en cambio –como debería ser- un círculo de “amigos” de verdade, libres e
independentes, tal e como fixo Xesús cos seus apóstolos e discípulos ós que
lles dicía: “Xa non vos chamo servos... A vós trateivos de amigos”.
Non
se entende moi ben cómo unha cousa que en principio parece tan doada e fermosa
se nos fai tan custosa e complicada. Porque quen ama, normalmente recibe tamén
amor e séntese polo tanto querido e feliz. Por iso, cando nos fala aquí Xesús
deste “mandamento” seu de amármonos uns a outros, engade aínda: “Díxenvos estas
cousas para que a miña alegría estea en vós, e a vosa alegría sexa plena”.
Non
o dubidemos. Quen ama fai felices ós que ama e é feliz tamén el mesmo. Non
fermoso libriño de “Conversas” co P. Seixas preguntáballe o entrevistador por
que todos lle querían ben. E el contestaba: “É certo que teño moitos amigos e
moita xente marabillosa que demostra terme estima... O ter capacidade de amar
ós demais, incluso sensiblemente... repercute nunhas boas relacións... Eu
sempre procuro tratar ben a xente, con agarimo e, polo xeral, son ben
correspondido. Esta é unha faceta da miña vida da que estou plenamente
satisfeito, sempre tiven moitos e moi bos amigos”.
Que
bo sería se nós puidésemos dicir algo semellante sobre nós mesmos!
Como
vedes, o tempo de Pascua convídanos unha vez máis a vivirmos de verdade a nosa
fe cristiá coa alegría que procede da práctica do amor.
CREDO
ORACIÓN DOS FIEIS
Dirixímoslle a Deus Pai as nosas peticións,
dicindo: ESCÓITANOS, PAI.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a verte a ti en comuñón de amor
co Fillo e co Espírito Santo.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Dános, Pai, capacidade de crear relacións de
amor e de entendemento mutuo entre as persoas á semellanza túa.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Fai, Pai, que todos e cada un de nós valoremos o
mandamento do amor como principal tarefa da nosa vida.
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso
Señor. AMEN.
Manuel Cabada Castro
Comentarios
Publicar un comentario