Domingo da Santísima Trindade

DOMINGO DA SANTÍSIMA TRINDADE 
CICLO B


Primeira Lectura     Dt 4, 32-34. 39-40
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
O Señor é Deus no alto dos ceos e no profundo da terra, e non hai outro máis ca El
  
            Faloulle Moisés ao pobo e díxolle:
            - Pregúntalles aos tempos antigos, que houbo antes de ti desde o día en que Deus creou a humanidade sobre a terra, e desde un cabo do ceo ata o outro cabo do ceo: Houbo algo tan grande coma isto ou oíuse algo semellante? Escoitou algún pobo a voz de Deus falándolle desde o medio do lume, tal coma ti a escoitaches, e seguiches vivindo? Ou intentou algún deus vir coller para si unha nación do medio doutros pobos, con castigos, con sinais e prodixios, con guerra, con man forte e brazo estendido, con terrores grandes, de maneira semellante a todo o que o Señor, o voso Deus, fixo no voso favor en Exipto aos teus propios ollos?
            Recoñéceo hoxe e dálle voltas no teu corazón: o Señor é Deus, arriba no ceo e abaixo na terra, e que non hai outro.
            Garda os seus mandatos e leis que eu mando hoxe: serache bo para ti e para os teus fillos despois de ti, e alongarás os teus días sobre a terra que o Señor, o teu Deus, che vai dar para sempre".

  Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 32, 4-5. 6 e 9. 18-19. 20 e 22
R/.  (12b):  Feliz o pobo a quen Deus escolleu como herdade.

A palabra do Señor é recta
e todas as súas obras son leais:
el ama o dereito e a xustiza,
a súa misericordia enche a terra.

A palabra do Señor fixo os ceos,
o alento da súa boca os astros todos,
pois El falou, e todo existiu,
El mandouno, e todo xurdiu.

Os ollos do Señor están postos nos que o temen,
nos que esperan na súa misericordia,
para librar as súas vidas da morte,
para os manter no tempo da miseria.

Nós agardamos o Señor:
El é o noso socorro, o noso escudo.
Veña a nós, Señor, a túa misericordia,
como de ti o esperamos.


Segunda Lectura     Rm 8, 14-17
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Recibistes o Espírito de fillos de adopción, no que clamamos: Abba, Pai
  
            Irmáns:
            Cantos se deixan guiar polo Espírito de Deus, eses son fillos de Deus. Pois non recibistes un espírito de escravitude, para volverdes ao temor. Non.
            Vós recibistes un espírito de fillos adoptivos, grazas ao que podemos gritar: "Abbá": Pai!
            Este mesmo Espírito, xuntamente co noso, dá testemuño de que somos fillos de Deus. E, se fillos, tamén herdeiros: herdeiros de Deus e coherdeiros con Cristo; se padecemos con el, é para sermos tamén  glorificados con el.

 Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Cf. Ap 1, 8
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Gloria ao Pai e ao Fillo e ao Espírito Santo,
ó Deus que é, e que era, e que virá.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 28, 16-20
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo 

   Naquel tempo, os once discípulos foron a Galilea, ao monte onde Xesús os citara. Vendo a Xesús, prostráronse perante el, aínda que algúns dubidaban.
   Entón acercouse Xesús e díxolles:
   ‑ Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo, ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.


  Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo            



UNHA FESTA DESDE A POLIFONÍA DE DEUS PARA UN MUNDO CHAMADO A ABANDONAR O MONOCROMATISMO
ESCOITA ACTIVA
Hoxe celebramos a festa da Santísima Trindade, a festa na que o Deus cristián se nos manifesta como presenza permanente ao noso lado. O Pai que nos escolle para ser o seu pobo, o Fillo que nos invita a seguilo e o Espírito Santo que nos alenta, desde o noso camiñar como Igrexa, para que superemos a tentación do pesimismo e a sensación de fracaso. Por iso dicimos tamén que é a festa da polifonía de Deus; é dicir, El ofrécenos moitas músicas para que poidamos interpretar a peza cuxa única letra é: amádevos uns aos outros e ide e anunciade.
Ben aprendida a letra, esforcémonos por poñerlle sempre músicas que nos falen de xustiza, igualdade, dignidade, respecto e solidariedade. Só así entenderemos por que a celebración de hoxe é unha invitación a mirar ao mundo con ollos de cambio, renovación e compromiso.
Poñámonos logo na súa presenza para sentir a tenrura da súa achega a nós.


CORAZÓN MISERICORDIOSO
            Porque interpretamos a partitura da mensaxe de Xesús pensando que somos únicos e que non hai ninguén mellor ca nós, SEÑOR, QUE A COR DA NOSA VIDA SEXA A ESPERANZA.
            Porque seguimos sendo de pensamento único e excluínte, CRISTO, QUE A COR DA NOSA VIDA SEXA A ESPERANZA.
            Porque nos custa entender que todos somos necesarios, pero ninguén imprescindible, SEÑOR, QUE A COR DA NOSA VIDA SEXA A ESPERANZA.


PALABRA ENRAIZADA
Ø         O corazón para os xudeus desenvolve a función do que para nós é a conciencia: o lugar da reflexión, do discernimento desde onde se toman as opcións radicais da vida de cada un de nós. Poderiamos dicir que os xudeus consideraban o corazón como a sede da moralidade. É polo tanto desde aí desde onde temos que entender as palabras que acabamos de escoitar do libro do Deuteronomio, nas que se nos chama a non facer as cousas desde o arrouto, senón con reflexión; dedicándolle, porque son importantes para nós, tempo; pois só con tempo podemos pensar ben e descubrir que é o importante e que o secundario, o accidental. O malo é que as voces que máis imos escoitando parece que teñen moita présa, e falan desde a premura e o xa. E ben sabemos: un xa que non ten continuación no despois virá é un xa que se esgota e morre, porque non ten mañá. Nós si temos mañá: o que nos propón Deus, e cara ao que nos tende a man. Pero temos que ilo desenvolvendo xa desde o aquí, sen que iso supoña esgotarse no xa; ao contrario, o xa do aquí é o comezo do que será sentir a felicidade de sabérmonos escollidos por quen nos considera a súa herdade, e coma tal, participantes da súa mesma plenitude. Ese é o Señor, o mesmo Señor do ceo que nos pide implicármonos en serio nas cousas da terra.


Ø         Deixémonos logo guiar por este Deus que nos ofrece a forza do Espírito coma sopro que nos vai empurrando no percorrer da nosa vida. Un Espírito que nos move cara á liberdade. Unha liberdade que non é destino, senón capacidade de decisión; posibilidade de elección e responsabilidade na acción. O que nos converte en persoas, non cousas nin monicreques aos que lles moven os fíos, en protagonistas da nosa propia vida. E desde a que respondemos non movidos polo temor e o medo, senón na confianza do Deus que nos quere, non segundos, senón protagonistas da nosa propia vida. 

Ø         E diante desta escolla, a dúbida convértese en confianza; e o temor en acollida. Superemos os medos e as dúbidas, como fixeron os apóstolos, e comecemos a responder ao seu envío, porque no ide e ensinade, está a razón de ser hoxe, no medio dun mundo que se mostra indiferente e ausente fronte a Deus, testemuñas verdadeiramente agradecidas dun proxecto de salvación diante do que non nos deixa nunca solos; ao contrario, ofrécesenos para estar con nós, e deste xeito, ante as dificultades sabernos acompañados e alentados. Respondamos entón ao envío de Xesús coa resposta sincera e real para facer do mundo reinado crible da súa mensaxe de amor. Non sexamos tamén nós dos que se deixan vencer polas dúbidas e dificultades.


FRATERNIDADE ORANTE
Neste día no que Deus se nos mostra como Pai que acolle, como Fillo que ama e como Espírito Santo que acompaña, unamos tamén nós os corazóns para que nunha mesma polifonía orante digamos xunt@s: 
QUE AS NOSAS COMUNIDADES SE CONSTRÚAN DESDE A PLURALIDADE E O RESPECTO
           Pola Igrexa, para que sexa comunidade na que tod@s poidan sentirse acollid@s, sen que ninguén se sinta descartad@ nin ignorad@, OREMOS.
QUE AS NOSAS COMUNIDADES SE CONSTRÚAN DESDE A PLURALIDADE E O RESPECTO
           Para que nas nosas comunidades aprendamos a valorar o que os demais nos aportan, e deixemos de queixarnos e criticar cando alguén non pensa coma nós, OREMOS.
QUE AS NOSAS COMUNIDADES SE CONSTRÚAN DESDE A PLURALIDADE E O RESPECTO
           Para que aprendamos a ir valorando os pequenos pasos de cada día, sen caer na tentación de pensar grandes e irrealizables proxectos que, por non poder cumprilos, acaban por decepcionarnos e converternos en insatisfeitos permanentes, OREMOS.
QUE AS NOSAS COMUNIDADES SE CONSTRÚAN DESDE A PLURALIDADE E O RESPECTO
Señor, que co esforzo de tod@s consigamos facer das nosas comunidades espazos onde poidamos expresarnos con liberdade e sentirnos acollidos a pesares das nosas discrepancias. P.X.N.S. Amén.


MIRADA ESPERANZADA
Dinos o Papa Francisco que: “Toda a vida e a misión da Igrexa dependen do Espírito Santo; El realiza todas as cousas... O Espírito Santo fai a unidade da Igrexa: unidade na fe, unidade  na caridade, unidade na cohesión interior. A Igrexa e as Igrexas están chamadas a deixarse guiar polo Espírito Santo”. Por iso, na forza do Espírito Santo, na iniciativa de Deus Pai e na invitación ao seguimento do Fillo, dicimos que o amor achega, namentres o odio destrúe. Camiñemos logo no amor porque:

O amor sorrí, o odio gruñe;
o amor atrae, o odio rexeita;
o amor confía, o odio sospeita;
o amor entenrece, o odio enardece;
o amor canta,o odio espanta;
o amor tranquiliza,o odio altera;
o amor garda silencio, o odio vocifera;
o amor edifica,o odio destrúe;
o amor sementa, o odio arranca;
o amor espera, o odio desespera; 
o amor consola, o odio exaspera;
o amor suaviza, o odio irrita;
o amor aclara, o odio confunde;
o amor perdoa, o odio intriga;
o amor vivifica, o odio mata;
o amor é doce; o odio é amargo;
o amor é pacífico; o odio é explosivo;
o amor é veraz, el odio é mentireiro;
o amor é luminoso, o odio é tenebroso;
o amor é humilde, o odio é altaneiro;
o amor é sumiso, o odio é xactancioso;
o amor é manso, o odio é belicoso;
o amor é espiritual, o odio é carnal;
o amor é sublime, o odio é triste.

Odres Nuevos Evangelio 31 mayo 2015 color

CANTO GOZOSO
§ENTRADA: Vinde axiña
§LECTURAS: Benaventurados/Xesús é Señor
§OFERTORIO: Eu soñei
§COMUÑÓN: Ide e pregoade


POWER POINTS

Stma. Trindade-Bene Pagola

Comentarios

Publicacións populares