5º DOMINGO DE
PASCUA -
CICLO B
Primeira Lectura Feit 9, 26-31
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Contoulles como vira o Señor no
camiño
Naqueles
días, cando chegou Saulo a Xerusalén, procuraba xuntarse cos discípulos; pero
todos lle tiñan medo, non crendo que fose discípulo de verdade.
Pero
Bernabé, colleuno consigo e levouno onda os apóstolos. Saulo contoulles que
vira o Señor no camiño, que lle falara e que en Damasco predicara publicamente
no nome de Xesús.
Conviviu
con eles en Xerusalén, predicando con ousadía no nome do Señor. Falaba e
discutía tamén cos helenistas, pero estes queríano matar. Ao sabelo, os irmáns
levárono para Cesarea e fixérono seguir a Tarso.
Daquela,
a Igrexa tiña paz en toda a Xudea, Galilea e mais Samaría. Crecía coma un
edificio, progresaba na fidelidade ao Señor e coa asistencia do Espírito Santo
ía aumentando en número.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 21, 26b-27. 28 e 30. 31-32
R/. (26a):
Ti espertas a miña loanza na asemblea!
Ou: Aleluia.
Cumprirei os meus votos na presenza dos que o temen.
0s pobres comerán ata fartarse,
loarán o Señor os que o buscan
e gozarán de vida duradeira.
Lembraranse do Señor e volverán a
El
todos os confíns da terra;
axeonllaranse na súa presenza
as familias todas dos pobos.
Prostraranse perante El os que
repousan na terra,
axeonllaranse na súa presenza os que baixan ao po.
Eu hei vivir para El,
e hao servir a miña proxenie.
Falarase do Señor á xeración
vindeira,
a súa xustiza será revelada ao pobo
que ha de nacer:
"Velaí a obra do
Señor".
Segunda Lectura 1 Xn 3, 18-24
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
Este é o seu mandamento, que
creamos e amemos
Meus
filliños, non amemos de palabra e de lingua, senón con feitos e na verdade.
Deste xeito saberemos que vivimos conforme á verdade e sosegaremos o noso
corazón diante do tribunal de Deus. Porque aínda que o noso corazón nos acuse,
Deus é meirande có noso corazón e coñece todo.
Meus
amigos, se o corazón non nos acusa, temos confianza para nos achegar a Deus e
El dános o que lle pidamos, porque cumprimos cos seus mandamentos e facemos o
que a El lle agrada.
Isto
é o que El manda: que creamos no seu Fillo Xesús Cristo e que nos queiramos ben
uns aos outros, coma el nos mandou.
O
que cumpre cos seus mandamentos está en comuñón con Deus, e Deus en comuñón con
el: coñecemos que Deus está en comuñón connosco polo Espírito que nos deu.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Xn 15, 4a. 5b
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Permanecede en min e eu en vós,
di o Señor;
quen permanece en min, dá froito
abondoso.
Aleluia.
Evanxeo Xn 15, 1-8
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Quen permanece en min e eu nel, é
portador de froito abondoso
Naquel
tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
-
Eu son a verdadeira vide, e meu Pai é o labrador. O bacelo que en min non leva
froito, arríncao; e o que leva froito, límpao, para que leve aínda máis froito.
Vós xa estades limpos, pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e
eu en vós.
Así
como o ramo non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na vide,
tampouco vós, se non permanecedes en min. Eu son a vide; vós os bacelos.
Quen
permanece en min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non
podedes facer nada. Se alguén non permanece en min, é coma os ramos arrincados
fóra, que secan; apáñanos, bótanos no lume e arden.
Se
permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedide o que
queirades e hásevos facer.
Nisto
é glorificado meu Pai: en que levedes froito abondoso e vos mostredes coma
discípulos meus.
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo
Somos Videiras de Cristo no medio do mundo,
para ser froito abondoso de misericordia – 5º Pascua B 2015
ESCOITA ACTIVA
Pouco a pouco imos adentrándonos no tempo de Pascua.
Estes cincuenta días nos que os cristiáns queremos mostrar e expresar a ledicia
da resurrección van envolvéndonos nunha chamada de optimismo, esperanza e
solidariedade. Como ben sabemos a Pascua non é un día, senón un tempo e unha maneira de vivir e desenvolver a vida. Unha
maneira de vivir ancorada na persoa de Xesús e que acollemos converténdoa en
feitos, comportamentos e vivencias múltiples e ricas para cada un de nós e para
as nosas comunidades.
Nesta experiencia de crecemento e encontro que a fe
nos ofrece, hoxe queremos compartir a invitación que se nos fai desde o
Evanxeo: entender e gozar desta vivencia pascual dando bos froitos que supoñan
atoparse e compartir, tender a man e axudar, pararse e escoitar. Porque o bo
froito só é posible con esforzo e traballo; e aínda así, nada asegura que todos o vexan
e entendan.
Neste domingo que volvemos xuntarnos ao redor da mesa
do altar, unámonos neste momento de fe e comuñón que agora comezamos, sabendo
agradecer a Deus as persoas e situacións que vai poñendo no noso camiño para
ser felices e crecer queréndonos e preocupándonos uns polos outros.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
✓ Como ti termas de nós, dános azos para que tamén nós termemos de quen poida
necesitarnos, SEÑOR,QUE SEXAMOS VIDEIRA CHEA DE BOS FROITOS.
✓ Como ti non cansas de acompañarnos e agarimarnos coa túa tenrura, que tamén
nós saibamos levar a túa tenrura a quen se sente triste e
desacougado, CRISTO, QUE SEXAMOS VIDEIRA CHEA DE BOS FROITOS.
✓ Como ti non deixas de alentarnos e animarnos, que tamén nós non teñamos
medo de mostrar alento e ánimo a quen nos necesite, SEÑOR, QUE
SEXAMOS VIDEIRA CHEA DE BOS FROITOS.
PALABRA ENRAIZADA
➢ Como ocorreu con Paulo, tamén nós temos que pasar do medo á acollida. É moi interesante e digno de que lle
prestemos un pouquiño de atención á persoa de
Paulo –Saulo– de Tarso, co tempo S. Paulo. Comezou
sendo o primeiro perseguidor dos seguidores de Xesús. Si, denunciaba a quen
pensaba que era do grupo dos amigos de Xesús; mesmo os perseguía e detiña para
levalos ás autoridades. Por iso ao oír o seu nome aqueles primeiros
cristiáns tiñan medo e non acababan de fiarse. Pero, nun momento ao longo deste
proceso, prodúcese en Paulo un cambio, por que? Porque se dá conta que aquilo que contan os seguidores do tal Xesús ten a súa aquela; é dicir, merece que se lle preste atención e que se pense un pouco que supón
e a onde leva. Deste xeito prodúcese en Paulo unha verdadeira experiencia de
conversión e cambio. Descobre que o vivir só de respectar costumes e tradicións se non vai animado polo amor, non serve
para nada; que preocuparse por aliviar a dor e tristura, tamén a pobreza dos
máis excluídos, paga a pena; que reunirse para agradecer e compartir esta
experiencia que vai facendo que o grupo creza dia a dia e que ninguén se senta
nin estraño nin apartado, non só evita facer doer os corazóns dos que o sofren,
senón que leva tamén a que un se senta verdadeiramente realizado e a gusto co
que é e fai. En fin, que Paulo vai sendo consciente de todo isto –o
testemuño daqueles primeiros cristiáns foi fundamental– e decide romper coa súa relixión ritualista e discriminadora, para unirse a
este grupo que era capaz de facerlle fronte ás dificultades, sen recuar
diante delas. Ese foi o verdadeiro encontro con Xesús e a súa mensaxe, a través
do testemuño daqueles esforzados e heroes da primeira hora do cristianismo. E
tal foi así que ao principio non acababan de fiarse deste cambio. Acaso non nos
pasaría o mesmo a nós?.. Teñen medo, e o medo impídelle ao principio acollelo,
abrirlle a porta das súas casas, invitalo as súas celebracións...; pero non se
deixan levar da desesperación, senón que lle van dando novas oportunidades,e
pouco a pouco Paulo acabou non só sendo do grupo dos cristiáns, senón sendo o gran ideólogo da expansión e do
crecemento do cristianismo, facendo dos países do Mediterráneo -si, ese mar que
nestes días, tristemente está sempre nos medios de comunicación por terse convertido en cemiterio de
seres humanos- o espazo a través do que se foi expandindo o cristianismo. E que
hoxe recibe, sen ningún xénero de dúbidas, o nome do gran evanxelizador da fe
en Xesús. Que coma El, fagamos tamén nós o esforzo de perder medos e facer
agromar esperanzas no noso xeito de dicir as cousas e de facelas.
➢ O amor non son palabras senón feitos. O amor ten que ser o medio a través
do que vaiamos facendo esta expansión da mensaxe de Xesús. Porque se non amamos
de verdade seremos incapaces de entusiasmarnos, e quen non é capaz de entusiasmarse, que pode transmitir? NADA. Si, nada. Como di esa
canción que ás veces cantamos, se nos falta o amor, non nos sirve de
nada. Porque o amor non é sentimento nin adobo
que condimenta o que dicimos, senón que é cerne desde onde temos que vivir, sentir, actuar e realizar. Sen el o
seguimento de Xesús acabaría converténdose en norma, costume, rito... pero non
en encontro cos outros nin en achegamento que sabe escoitar, perdoar, recomezar
e sempre... ter esperanza. Sen feitos, o amor convértese en ideoloxía, e iso
non é o que quere Xesús. Ideólogos hai moitos; persoas que amen son as que
escasean. Por iso, aí é onde temos que estar
nós.
➢ O bo froito supón sempre traballo. Cando un toma en serio o que significa o
amor, é capaz de entender que foi o que se propuxo Xesús; máis aínda, que foi o que
El quixo e transmitiu como primeiro testemuño. Para Xesús amar é sempre un esforzo; un esforzo que hai que traballar, porque de non ser así convértese en milonga que engaiola, pero non humaniza, non achega, non nos
fai felices. Se queremos que o amor dea verdadeiros froitos, non nos deixemos
caer no que é máis cómodo, máis fácil e supón menos
esforzo; ao contrario, non renunciemos, nin nos deixemos vencer polos agoiros
nos que sempre insisten os que repiten unha e outra vez, en que tiremos polo
camiño que fan todos/todas, sen complicarnos a vida. Diante disto, Xesús non
cansa de dicirnos: paga a pena non abandonar, resistir non é malo, ser constantes acaba dando froitos. Por iso seguimos cantando
convencidos:“na tardiña baixa da vida, han examinarnos de amor”.
FRATERNIDADE
ORANTE
Como videiras chamadas a dar froito, poñemos as nosas
preocupacións e proxectos na man de Deus, e dicimos xuntos:
QUE OS NOSOS FROITOS SEXAN AS BOAS OBRAS
• Que toda a Igrexa aprendamos, coma Xesús, a perder o medo e a traballar
para acoller, integrar e colaborar con quen pensa distinto pero busca sempre o
ben común, OREMOS.
QUE OS NOSOS FROITOS SEXAN AS BOAS OBRAS
• Que cantos imos conformando as nosas comunidades cristiás non teñamos nunca
medo a vivir a esperanza que nos ofrece Xesús, sabendo acompañar a quen estea
solo, visitar aos enfermos e escoitar a quen precise de ser acollido, OREMOS.
QUE OS NOSOS FROITOS SEXAN AS BOAS OBRAS
• Que, uníndonos a toda Igrexa, encomendemos e valoremos o traballo de
tódalas nais, e temos hoxe especialmente presentes as “nais coraxe”, que
contra o parecer, os comentarios e críticas de todos, non renuncian a loitar
polos seus fillos e fillas, dando un verdadeiro testemuño de amor cristián,
OREMOS.
QUE OS NOSOS FROITOS SEXAN AS BOAS OBRAS
• Que os que hoxe nos reunimos nas comunidades cristiás para compartir e
agradecer a fe en Xesús, non nos deixemos levar das rutinas, o aburrimento nin
o simple cumprimento nas celebracións e saibamos mostrar que para nós, e de
verdade, a mensaxe de Xesús nos vai cambiando o corazón e nos axuda a ser
mellores, OREMOS.
QUE OS NOSOS FROITOS SEXAN AS BOAS OBRAS
Señor, polas túas mans deixámonos agarimar, para que a
túa tenrura nos axude a ir facendo da vida unha experiencia de encontro e
solidariedade para cantos nos necesiten. P.X.N.S. Amén.
MIRADA
ESPERANZADA
Señor,
dáme, dános, un corazón aberto,
acolledor, solidario, un corazón grande,
capaz de abrirse aos pobres, aos teus preferidos,
e que estea sempre da súa parte,
que non se cerre a quen o necesita,
que o sinta como a miña carne.
e dáme un corazón compasivo
que teña as entrañas dunha nai.
Agranda ben o meu corazón
que ninguén quede á marxe,
un corazón xeneroso, baleiro e libre de si mesmo,
capaz de compartir, de entregarse
e de loitar por un mundo xusto, novo.
Un corazón que confíe nos outros,
nos que sofren, nos enfermos, nos pobres.
Dáme, dános, Señor, un corazón novo,
un corazón que te agrade.
Comentarios
Publicar un comentario