Xoves Santo

     MISA DE DERRADEIRA CEA DO SEÑOR

                                      TOMADO DE : http://remoldapalabra.blogspot.com.es/2014/04/xoves-santo.html


ESQUEMA

CANDO ESTAMOS DE FESTA PREPARÁMONOS -POR DENTRO E POR FÓRA- PARA SENTIR A LEDICIA DA CELEBRACIÓN. NA FESTA DE HOXE É O SEÑOR MESMO O QUE NOS CONVIDA, QUE A NOSA PREPARACIÓN NOS FAGA SENTIR QUE PAGOU A PENA DEIXAR ATRÁS O CORAZÓN DE PEDRA PARA GOZAR, EN COMUNIDADE, CO NOSO CORAZÓN DE CARNE.


1)   CANTO DE ENTRADA:  Grazas, Señor, graciñas

2)     ESCOITA ACTIVA

Di o noso refraneiro que hoxe era un dos días do ano ao que o sol non lle podía facer fronte, pola forza do seu relumeamento. Pois si. Porque a pesares de que cada vez o mundo secularizado nos leva a esquecer a Deus, a non telo como guieiro da vida ou mesmo a prescindir del, El quere seguir con nós, e por iso nos ofrece este día de festa para que lembremos sempre que quedou para ser un dos nosos; e fíxoo utilizando un xesto que todos entendemos en toda a súa fondura: colleu pan e viño e déullelos a compartir aos que estaban con el naquela Cea.
A partires dese momento, sempre que nos reuniumos no seu nome, o pan e mais o viño volven poñerse por riba do altar para que poidamos gozar da súa presenza; pero non a distancia, senón dunha presenza que vai con nós, que nos acompaña, que non nos deixa.
Nesta tarde, reunidos no seu nome, volveremos repetir aquel xesto da Derradeira Cea, para facer vivo e presente entre nós a súa persoa e a súa mensaxe. E farémolo dando grazas por canto El ten suposto na nosa vida, e polo moito que ten incidido para que os nosos corazóns deixen de ser de pedra para ser de carne e experimentar a grandeza do amor e do servizo, que hoxe tamén agradecemos desde o recoñecemento do traballo dos voluntari@s e das Caritas de todo o mundo,e do servizo de cantos viven o seu sacerdocio como entrega xenerosa á causa de Xesús desde “os gozos e as esperanzas, as tristuras as angustias” dos que conforman as súas comunidades.
Comecemos agradecidd@s esta celebración que nos une máis alá de fronteiras, linguas e culturas.

3)  CORAZÓN MISERICORDIOSO
ü Porque non sempre o amor é motor dos nosos comportamentos e actitudes,SEÑOR, QUEDA SEMPRE CON NÓS.
ü Porque non sempre o pan da Eucaristía nos move a ser solidari@s e servizais,CRISTO, QUEDA SEMPRE CON NÓS.
ü Porque non sempre somos respectuosos co pan que recibimos e a invitación a recoñecerte en quen está só, triste e necesitadoSEÑOR, QUEDA SEMPRE CON NÓS.

4)    GLORIA CANTADO
5)     ORACIÓN COLECTA
6)    PROCLAMACIÓN DA PALABRA

Primeira Lectura      Ex 12, 1-8. 11-14
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Mandatos acerca da cea pascual

     Naqueles días, o Señor díxolles en Exipto a Moisés e a Aharón:
     ‑ Teredes este mes polo primeiro dos meses, o mes principal de todo o ano. Dicídelle a toda a comunidade de Israel: "Que no día dez deste mes cadaquén se procure un año por familia, un por casa. Se a familia é moi pequena para comer o año enteiro, que se xunte co seu veciño, co máis próximo á súa casa, de xeito que, tendo en conta o número de comensais, o año se axuste ao que entre todos poidan comer.
     O animal, que será sen defecto, macho e dun ano, procuraré­delo entre os años ou entre os cabritos.
     Gardarédelo ata o catorce deste mes e, entre lusco e fusco dese día, inmolarao a comunidade toda de Israel en asemblea. Colleredes o sangue e mollaredes con el as xambas e o lintel das casas nas que se vai comer.
     Comeredes a carne esa noite, asada no lume, con pan sen levedar e con verduras amargas.
     Comerédelo deste xeito: A cintura cinguida, as sandalias nos pés, o caxato na man. Comerédelo ás presas, pois é a Pascua, o Paso do Señor.
     Esa noite pasarei eu por todo Exipto e ferirei de morte a todos os primoxénitos, desde os dos homes ata os do gando. Farei cumprida xustiza contra todos os deuses de Exipto. Eu, o Señor.
     O sangue será o sinal das casas onde vós habitades. En vendo o sangue, pasarei sen me deter, e así, cando eu fira a Exipto, non vos tocará a vós a praga exterminadora.
     Este día quedaravos como lembranza perpetua e faredes nel festa ao Señor. Será festa de precepto por todas as xeracións".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

CANTO:  Ti es o Pan do Ceo ou lectura do Salmo
SALMO RESPONSORIAL      Sal 115, 12-13. 15-16bc. 17-18
R/. (cf. 1 Cor 10, 16): O cáliz de bendición é a comuñón do Sangue de Cristo.

Con que lle pagarei ao Señor
todo o ben que me fixo?
Alzarei a copa da salvación,
invocando o nome do Señor.

É preciosa aos ollos do Señor
a morte dos seus amigos.
Señor, eu son o teu servo,
servo teu e fillo da túa serva:
ti rompiches as miñas cadeas!

Ofrecereiche un sacrificio de loanza,
invocando o teu nome, Señor.
Cumprirei os meus votos ao Señor,
á vista de todo o seu pobo.


Segunda Lectura      1 Cor 11, 23-26
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Cantas veces comades deste pan e bebades deste viño, anunciades a morte do Señor
  
            Irmáns:
            Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar grazas, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria miña".
            Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en memoria miña".
            Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volva.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO     Xn 13, 34
Douvos un mandamento novo, di o Señor,
que vos amedes uns a outros como eu vos amei.

CANTO:  Xesús é Señor
Evanxeo     Xn 13, 1-15
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Amounos ata a fin
  
            Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa que amara os seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.
            E mentres ceaban ‑xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase ‑, sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, e que saíra de Deus e ía onda Deus, ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela. Despois, botou auga nunha almofía e comezou a lavarlles os pés aos discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida.
            Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle:
            ‑ Señor, vasme ti lavar os pés a min?
            Xesús respondeulle:
            ‑ O que eu fago, ti non o entendes agora; halo comprender despois.
            Pedro replicoulle:
            ‑ Ti non me lavarás os pés a min endexamais.
            Xesús respondeulle:
            ‑ Se non te lavo, non terás parte comigo.
            Exclamou Simón Pedro:
            - Señor, daquela os pés, as mans e mais a cabeza.
            Dille Xesús:
            ‑ Quen se bañou, non precisa máis que lavar os pes, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que non todos.
            Sabía quen o había de entregar: por iso dixo "non todos estades limpos".
            Despois de que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e preguntoulles:
            ‑ Comprendedes o que fixen convosco? Vós chamádesme "Mestre" e "Señor" e dicides ben porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros.
            Deivos así un exemplo, para que, como eu fixen convosco, así fagades tamén vós.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo
  


7)     PALABRA ENRAIZADA 
              * Aprender a celebrar gozando co que se celebra. A historia do pobo de Israel é unha historia convulsa, difícil, e na que moitas veces dá a impresión –como tamén pasa con nós hoxe– que non tiñan aprendido nada despois de todo canto tiñan pasado: exilios, deportacións, voltas, guerras, escravizacións...A pesares de todo iso, Deus segue con eles, non se vai nin os abandona. Ao contrario, se algo imos descubrindo a medida que lemos os textos da biblia é que diante das infidelidades do pobo, mantense a fidelidade de Deus. Isto danos unha clave para entender a celebración de hoxe, e canto temos escoitado na primeira lectura. A pascua que eles celebran é lembranza dunha experiencia profunda que coma pobo tiñan vivido; unha experiencia liberadora e verdadeiramente comunitaria: Deus non os deixa solos, sae na súa procura, vainos buscar para traelos á casa. Tamén hoxe, cantos celebramos nas igrexas de todo o mundo este día de Xoves Santo, somos chamados a volver ollos, corazón, oídos e mans para acoller a Deus que segue chamando nas nosas portas, insistindo, unha e outra vez, na necesidade dese cambio de corazón do que vimos falando ao longo de toda a coresma. Non é un rito, tampouco un mirar ao pasado, senón unha actualización continua e constante desta experiencia de saber que non imos solos, que Deus, que non pode ser outra cousas máis que misericordia, sae permanentemente na nosa busca. Seremos tan orgullosos que estariamos dispostos a poñer pistas falsas para que non nos atopara?. Ou máis ben, canto temos ido deixando atrás ao longo da coresma nos ten axudado a que o noso corazón latexe desde esa mesma misericordia de Deus, que nos faga sentir cos irmáns e descubrir neles e con eles a presenza daquel que nos chama a camiñar cara á pascua?

               *    Comprometerse a transmitir aquilo no que se cre. Paulo lémbranos onde está o sentido cristián do que esta tarde celebramos: a Última Cea. Nela Xesús déixanos un sinal para que non esquezamos nunca que segue entre nós. Un sinal sinxelo e fácil de entender. Sen eles a vida non podería continuar, xa que o pan e o viño, na nosa cultura occidental son moi significativos para que entendamos e valoremos a importancia do alimento. Sen pan a vida esmorece, e do mesmo xeito, sen o pan da Eucaristía, presenza e encontro de Xesús con nós e cos demais, a fe sería algo artificial e sen raíz en nós. Por iso tod@s entendemos a importancia de non gardar este pan para nós, senón que é necesario compartilo, dalo a coñecer, abrilo aos outros. Que é senón evanxelizar mais que compartir, traballar por facer da vida unha experiencia liberadora e rachar coas inxustizas que nos impiden ver no irmán un igual, fill@ de Deus. Só desde esta tarefa evanxelizadora Deus faise presenza e salvación para os que o acollen e loitan por mostralo e achegalo a quen inda non o coñece. Isto mesmo lle ocorreu a Paulo: recibira o testemuño do que acontecera na derradeira Cea, e sente a urxencia e a necesidade de dalo a coñecer. Do mesmo xeito, correspóndenos hoxe seguir o vieiro que seguiu Paulo, xa que temos que ser os que sigamos transmitindo aos que veñen tras de nós a grandeza desta experiencia liberadora ocorrida naquel encontro de gratuidade solidaria que foi a Cea na que Xesús institúe este sinal que chamamos Eucaristía e no que hoxe nos unimos dun cabo ao outro do mundo. Desde ela entendemos por que reunirnos para facer presente a Xesús entre nós, non pode ser máis ca froito de experiencia e do testemuño solidario e servizal ao que os que nos chamamos cristiáns estamos convidad@s.

      * Estar sempre dispoñibles a recoñecernos humildes e servizais. E esta servicialidade e solidariedade temos que repetila non só cando nos xuntamos nas igrexas para rezar, senón no que cada día facemos, como a mellor das expresións para mostrar que o sentido da vida non está en pecharnos nos templos e ignorar o que pasa fóra, senón en comprometernos -desde o que rezamos e celebramos nos templos-, para poder manifestar en cada unha das experiencias e realidades que vivamos –canto fagamos e digamos–que non pode haber fidelidade ao proxecto de Xesús sen caridade; e esta non podería ser tal se non se mostra no xeito solidario de entregarnos servindo a quen o necesite. Podemos, daquela, entender por que hoxe é un día especial para cantos, no nome da Igrexa, e como Igrexa, dedican o seu tempo e as súas enerxías ao voluntariado nas Cáritas parroquiais. E entendemos tamén a razón pola que hoxe somos invitados a rezar polos que decidiron vivir a súa vida como servizo agarimoso e entregado a través do ministerio sacerdotal. Non pode haber amor fraterno sen servizo, e viceversa. Por iso, ao dicir que Deus é amor, estámolo dicir todo.

8)     CREDO
9)    FRATERNIDADE ORANTE

Nesta tarde de amor e servizo mostramos o noso agradecemento a Deus, que en Xesús tennos ofrecido un exemplo de humildade e servizo, para que a nosa vida sexa plena e se afaste do baleiro que non ten horizontes e nos mergulla no sensentido e na angustia. Por iso dicimos xunt@s:

QUE O AMOR DE XESÚS ROMPA AS CADEAS DAS NOSAS ESCRAVITUDES

*    Señor, mais alá dos datos estatísticos, co que sempre nos atopamos é con persoas que van quedando nas beiras dos camiños: enferm@s, parad@s, enganad@s, explotad@s, maltratad@s, abusad@s ... Para que desde a Igrexa que tod@s formamos e que hoxe celebra a festa do amor e do servizo, non manteñamos a boca pechada sen denunciar estas situacións que fan das persoas monicreques, e non imaxe túa, OREMOS.

QUE O AMOR DE XESÚS ROMPA AS CADEAS DAS NOSAS ESCRAVITUDES
*    Señor, que neste momento tan importante e necesario para a Igrexa, onde se está a volver á esperanza e á ledicia que nos trouxo o Concilio Vaticano II, acollamos e busquemos de levar a nosa vida e á realidade pastoral das nosas parroquias, a necesaria renovación que a Igrexa sempre necesita e que a fai máis fiel ao Evanxeo, e máis libre no seu actuar, como nos invitaches ao quedarte con nós no pan e no servizo, OREMOS.
QUE O AMOR DE XESÚS ROMPA AS CADEAS DAS NOSAS ESCRAVITUDES
*    Señor, estamos a vivir un momento difícil no que as persoas, para os que teñen poder e cartos, non son o centro, senón peóns que queren mover ao seu antollo para obter beneficios. Neste día de Xoves Santo, día de solidariedade e compromiso por mellorar as cousas, queremos unirnos a tódal@s que poñen ás persoas por diante do que é útil, rendible ou mediático, non caendo na tentación de vivir con un corazón de pedra, senón de carne, OREMOS.
QUE O AMOR DE XESÚS ROMPA AS CADEAS DAS NOSAS ESCRAVITUDES
*    Lembrámonos tamén dos voluntari@s das Cáritas e dos sacerdotes que, sabéndose Igrexa de Xesús, entregan o mellor do seu tempo e da súa vida para levar sorrisos de xustiza e paz alí onde hai pobreza, explotación e engano, OREMOS.
QUE O AMOR DE XESÚS ROMPA AS CADEAS DAS NOSAS ESCRAVITUDES
Que esta oración comunitaria, na festa do amor comprometido e do servizo entregado, sexa sempre o vieiro que nos leve ata ti. P.X.N.S. Amén.

CANTO: Pan do ceo, pan de vida

10)  SANTO    CANTO: Oh Señor noso Deus
11)   NOSO PAI 
12)   PAZ    CANTO: Douvos un mandato novo
13)   COMUÑÓN     CANTO: O amor é o meirande
14)   ADORACIÓN AO SANTÍSIMO 

MIRADA ESPERANZADA

(Lémola no momento da Adoración)

Sentad@s á mesa,

o Mestre e os discípulos.
Xa non volveremos comer xunt@s,
ata que cheguemos á Casa do Pai.
A verdade é que vos quero tanto.
Non sei por que, pero quérovos infinito,
como só un Deus pode querer.
Dicides que son Señor,
hoxe serei o voso escravo, o voso servo.
Póñome aos vosos pés, os de Xoán, os de Xudas...
os teus e máis os meus.
Algúns cheiran mal, pero El lávaos.
Sentad@s á mesa comeron do Año.
Año de Deus e de tod@s.
Hoxe son o voso compañeiro.

Parte o pan: 
É o meu corpo que se está a romper!.
Comédeme ben, 
hoxe quero ser o voso alimento.
Quero estar dentro de vós,
en comuñón de morte.
Bebede tamén a copa.
Será a última vez 
que a bebamos xunt@s.
É o meu sangue, 
que se está a verter.
Quero circular polas vosas veas,
que o meu Espírito 
regue as vosas células.
Quérovos máis cá miña vida.
Vou morrer por vós.

Gardade ben esta palabra,
será a miña esixencia e o meu sinal:
querédevos uns aos outros
como eu vos estou querendo.
Amádevos forte, amádevos moito, amádevos sempre.
Seredes os discípulos do Amor.
E o máis avantaxado,
será o que ame coma min.

(Caritas , La hermosura de la caridad. Cuaresma y pascua 2014. páx.131)
   CANTO: Salve, Santo Sacramento
14)  TRASLADO AO MONUMENTO 
15)   ALTARES: RETÍRANSE OS MANTEIS



POWER POINTS

Comentarios

Publicacións populares