É necesario que resucite de entre os mortos - Xn 20, 1-9
Domingo de Pascua de Resurrección - ciclo A
A XESÚS RESUCITADO
Xesús,
cantas veces andamos
tristes e apagados na vida.
Parece que Ti estás morto para nós;
nin sentimos a túa presenza
nin o teu gozo liberador ao noso lado.
Choramos, case xa sen esperanza.
Onde están os anxos, Xesús,
que nos corran a pedra do sepulcro
e de novo nos anuncien
a túa presenza viva ó noso lado?
Acabáronse os anxos -dis-,
só hai mulleres.
Acabáronse os rostros de lóstrego,
só hai testemuñas humildes.
Acabáronse os terremotos,
só hai o andar lento e confiado
da xente que sae polos camiños da vida
anunciando coa linguaxe do amor
que estou vivo en vosoutros e no pobo.
Se me queredes ver resucitado,
buscádeme na vida fiel que o mesmo campo vos ofrece.
Se me queredes ver resucitado,
buscádeme nos gozos e nos traballos da
parella.
Se me queredes ver resucitado,
buscádeme no corazón alegre dos sinxelos.
Se me queredes ver resucitado,
buscádeme nos limpos, nos honrados.
Se me queredes ver resucitado,
buscádeme nos que soñan con algo novo para todos.
Se me queredes ver resucitado,
abride as portas do voso mesmo ser
e olládeme no máis limpo e claro de vós
mesmos.
Aí estou,
quitando medos, alegrando á xente,
aí estou resucitado.
Comentarios
Publicar un comentario