DOMINGO II DE PASCUA CICLO A
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Tódolos crentes vivían unidos e
tiñan todo en común
Os
irmáns eran perseverantes en escoitar a ensinanza dos apóstolos, na comuñón da
vida, no rito de partiren o pan, e nas oracións. Apoderouse de todos o
respecto, pois os apóstolos facían moitas marabillas e sinais.
Tódolos
crentes vivían unidos e tiñan todo en común: vendían os seus bens e
propiedades, e repartíanos entre eles, conforme as necesidades de cada un.
Todos
a unha asistían diariamente ao templo, partían o pan nas casas, comendo con
alegría e sinxeleza de corazón; loaban a Deus, e eran ben vistos por todo o
pobo.
Cada
día o Señor aumentaba o número dos salvos e xuntábaos ao grupo.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO
RESPONSORIAL Sal 117, 2-4. 13-15. 22-24
R/. (1): Loade o Señor, porque
é bo, porque é para sempre a súa misericordia.
Ou: Aleluia.
Que o diga a casa de Israel:
é para sempre a súa misericordia.
Que o diga a casa de Aharón:
é para sempre a súa misericordia.
Que o digan os que temen o Señor:
é para sempre a súa misericordia.
Empurraban e empurraban para
tirarme,
pero o Señor axudoume.
A miña forza e o meu cántico é o
Señor,
El é a miña salvación.
Hai un clamor de gozo e de
vitoria
nas tendas dos xustos:
a destra do Señor fixo proezas.
A pedra que os canteiros
desbotaron,
esa mesma, converteuse en
esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.
Este é o día no que o Señor
actuou:
alegrémonos nel e relouquemos.
Segunda Lectura 1 Pe 1, 3-9
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Rexeneróusenos a esperanza viva
pola resurrección de Xesús Cristo de entre os mortos
Loado
sexa o Deus e Pai do noso Señor Xesús Cristo!
Que pola súa grande compaixón,
resucitou a Xesús Cristo da morte e nos fixo renacer a unha vida que se nos dá
en esperanza, a unha herdanza que non se corrompe nin afea, nin murcha, predestinada por Deus para
vós; grazas á fe que vós tedes, estades
protexidos polo poder de Deus con vistas á salvación que está para se
manifestar, no intre final.
Por
iso brincades de alegría, aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir por
un pouco tempo diferentes probas. Deste xeito, o xenuíno da vosa fe ten máis
valía có ouro ‑ que, a pesar de ser pasadío, aquilata no lume ‑ e considérase
merecente de loanza, gloria e honra cando se revele Xesús Cristo. A quen amades
sen o ter visto; en quen credes, aínda sen o ver; e brincades, cheos dunha
alegría indicible e gloriosa, porque conseguistes o froito da vosa fe, a vosa
salvación persoal.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Xn 20, 29
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Porque me viches, Tomé, tes fe,
di o Señor;
ditosos os que creron sen veren.
Aleluia.
Evanxeo Xn 20, 19-31
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Pasados oito días, veu Xesús
Naquel
día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os
discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
‑
Paz convosco.
Dito
isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o
Señor. El díxolles outra vez:
‑
Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
E
dito isto alentou sobre eles e díxolles:
‑
Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles
perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
Pero
Tomé, un dos Doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús.
Dicíanlle
entón os outros discípulos:
‑
Vimos o Señor.
Pero
el contestoulles:
‑
Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo;
como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
Oito
días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou
Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
‑
Paz convosco.
Despois
díxolle a Tomé:
‑
Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu
costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
Tomé
respondeulle:
‑
Meu Señor e meu Deus!
Xesús
díxolle:
‑
Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!
Moitos
outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron
neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo
de Deus, e, crendo, teñades vida nel.
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo
FRONTE AO
PENSAMENTO ÚNICO, DEAMOS GRAZAS POLA INVITACIÓN Á PLURALIDADE E Á TOLERANCIA –
2º Pascua A
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
TOMADO DE: http://remoldapalabra.blogspot.com.es/
ESCOITA ACTIVA
A luz do cirio pascual fainos tomar conciencia de que
estamos de festa, de que a ledicia da Pascua témola que ir vivindo e desenvolvendo
en cada unha das tarefas que vaiamos facendo. Pascua é paso e reorientación do
camiño. Un paso que deixa lonxe o que sería máis doado para nós: deixarnos ir e
investir o tempo en laios e queixas, para tomar en serio, e comezar de verdade,
a poñer banzos que nos axuden a crecer en positividade, respecto, aceptación do
que pensan outros, e por riba de todo, crecer en esperanza. Moitas cousas son
posibles se nos implicamos e cremos nelas. Cristo abriunos o camiño,
participemos desta andaina.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
(Podemos substituír esta parte pola aspersión á
comunidade e o canto A auga do Señor)
* Para
que non deixemos agromar o que non nos esixe e converte a nosa vida en
mediocridade, SEÑOR, QUE UNAMOS EN VEZ DE DIVIDIR.
* Para
que non deamos entrada no noso corazón a contos, suposicións ou bulos sobre os
demais, CRISTO, QUE UNAMOS EN VEZ DE DIVIDIR.
* Para
que non deixemos que as nosas comunidades parroquiais esmorezan pola nosa falta
de ilusión e esperanza, SEÑOR, QUE UNAMOS EN VEZ DE DIVIDIR.
PALABRA ENRAIZADA
*
Aqueles
primeiros cristiáns tiñan algo que a nós, se nos miramos á cara cando
participamos nas celebracións, nos falta: ilusión. Ilusión por reunirse,
ilusión por coñecer, ilusión por aprender, ilusión por dar testemuño coa súa
vida daquela boa nova que non querían gardar para eles, senón comunicarlla aos
demais. E esta ilusión ía facéndoos persoas que puñan sempre as metas, os
obxectivos, mesmo os logros, -inda que fosen pequenos-, por riba dos atrancos e
dificultades. Somos nós tamén así, persoas claras, sinceras, gozosas de
compartir e buscar a unión?. Eles eran testemuñas porque a súa confianza e a
súa convicción facían que non tiveran medo. E nós?. Eles escoitábanse uns aos
outros, botábanse unha man cando era preciso, corrixíanse sen que isto supuxera
unha ofensa para quen recibía a corrección... Podemos preguntarnos: que nos
queda de todo isto?. Que facemos para non deixar esmorecer a frescura dunha fe
renovada na Pascua e chamada a ser xermolo de esperanza nunha sociedade
cansada, abúlica, triste e con pouca esperanza?. Dámonos conta desta
responsabilidade, ou xa temos tan adaptada á nosa comenencia a fe que todo isto
nos esvara?.
*
A
insistencia neste tempo de Pascua en lembrarnos o importante que é ser sinxelos
e afastar de nós a tentación do orgullo, da soberbia e da superioridade ten que
levarnos a ir dando pasos para que a nosa vida cambie e non se mova
continuamente na rutina do de sempre se ten feito así e na que tantas veces
insistimos. Quen se cre mellor e máis importante cós demais non é consciente de
que precisa dar grazas, de recoñecer o que outros fan para que nós poidamos
estar mellor e ser máis felices. Non é só de ben nacidos ser agradecidos; senón
que no agradecemento, os que nos chamamos seguidores de Xesús, estamo sa
mostrar o que é un alicerce da nosa fe: recoñecer ao outro como un igual, non
como un inimigo que me odia e quere o peor para min, senón coma aquel que me
acolle, me escoita e se preocupa de min e do que fago; non para fiscalizarme,
senón para axudarme e facerme a vida máis doada. E esta invitación a facer do
agradecemento non unha rutina, senón un valor a potenciar cada día, fainos
nacer de novo á esperanza. Fai que recuperemos -a pesar de que moitas veces os
feitos, as novas e as decisións que tomamos parezan dicir o contrario-, a
alegría e a confianza nas persoas. Porque ao lado dos que saen nas noticias por
facer barrabasadas hai moitas outras persoas -millóns, deberiamos dicir-, que
sen ser famosas nin ter unha cámara diante, fan da súa vida un canto de entrega
e xenerosidade cara aos demais. Ese é o algo novo que trae a resurrección de
Xesús, e que nós, ao mellor nin o sabemos nin o queremos saber, porque
implicaría que teriamos que ser tamén nós brisa de solidariedade, acollida e
axuda para quen nos necesite... inda que non supoña iso o minuto de gloria no
telexornal, nin nos faga famosos; pero si plenamente satisfeitos e realizados
como seguidores do Mestre. A este nacer é do que nos fala Pedro, e ao que nos
chama.
*
Por
iso, como ocorreu cos apóstolos, tamén nos chega hoxe Xesús a nós para
dicirnos: paz convosco. Que aproveitemos o tempo da nosa vida, das nosas
relacións, do noso facer e tecer comunitario para ser portadores e
potenciadores desa paz alí onde esteamos. E non dubidemos nin teñamos medo:
Xesús sempre chega. El non se vai. Somos nós os que nos esquecemos e lle damos
as costas. Recuperemos a súa paz e camiñemos desde a súa alegría.
FRATERNIDADE ORANTE
Na paz desexada por Xesús, abrimos o corazón para
acollela e compartila comunitariamente dicindo:
QUE A CONFIANZA GUÍE OS NOSOS PENSAMENTOS E ACCIÓNS
* Para que este tempo de Pascua sexa un tempo de
renovación, alegría e acollida compartida en toda a Igrexa, OREMOS.
QUE A CONFIANZA GUÍE OS
NOSOS PENSAMENTOS E ACCIÓNS
* Para que este tempo de Pascua estimule a nosa vida
comunitaria e nos leve a emprender proxectos que axuden a sentirse máis
acompañadas ás persoas das nosas comunidades que están enfermas, solas ou sen
gañas de vivir, OREMOS.
QUE A CONFIANZA GUÍE OS
NOSOS PENSAMENTOS E ACCIÓNS
* Para que nós, os que participamos cada domingo nas
celebracións non as convertamos en rutina, costume ou tradición, que nos leve
ao aburrimento e á incapacidade de transmitirlle aos que veñen detrás de nós a
alegría do crer, OREMOS.
QUE A CONFIANZA GUÍE OS
NOSOS PENSAMENTOS E ACCIÓNS
Grazas, Señor, por este
tempo de pascua que nos fai renovar a esperanza e romper con unha fe anémica e
desencarnada, que esquece e prescinde do que pasa ao noso redor. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Cantádelle ó Señor, porque é bo,
porque a súa misericordia dura por sempre.
o seu amor é eterno;
que o diga a casa de Aharón:
o seu amor é eterno;
que o digan os que temen ó Señor:
o seu amor é eterno.
Empurran, empurran para tirarme,
pero o Señor é o meu auxilio.
O Señor é a miña forza, o meu cantar,
El é a miña salvación.
Óense cantares de gozo e de vitoria
nas moradas dos xustos:
a dereita do Señor é valente,
A pedra que desbotaron os canteiros
convértese en pedra do esquinal.
Isto é cousa do Señor,
admirable feito á nosa vista.
Este é o día en que obra o Señor:
relouquemos e alegrémonos nel.
CANTO GOZOSO
ENTRADA:
LECTURAS:
Oh Señor, escólleme
OFERTORIO:
A Cristo cantamos na luz que alumea
COMUÑÓN:
Bendito Ti, Señor Resucitado
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario