Coresma 5A. Do Señor vén a misericordia e nel a redendión é cumprida - Salmo 129
Domingo 5 de Coresma - ciclo A
CHAMADOS PARA A VIDA
Lázaro ...
coma Lázaro hai moitos,
moitos mortos:
mozos mortos e vellos mortos;
mortos vivos e mortos mortos.
Hainos que descansan
na paz do seu sepulcro,
e hainos que cansan
no trasfego da vida.
Ti es un morto,
necesitado de vida,
e eu son un morto,
necesitado de vida.
Hai persoas mortas
e hai pobos mortos.
Hai persoas mortas
e hai grupos ou clases mortas.
Os labregos somos,
case sempre,
unha clase morta,
porque nos matan.
Diante de todos, Xesús,
amando de corazón,
estremecéndoselle o espírito,
conmovéndose profundamente,
chorando e berrando:
Lázaro, ven para fóra!
Quen lle axudará a Xesús
a apartar as pedras
que cobren as sepulturas?
Comentarios
Publicar un comentario