Domingo de Ramos - ciclo A
DOMINGO DE RAMOS -
PROCESIÓN DAS PALMAS
CICLO A Mt 21, 1-11
Evanxeo
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Bendito o que vén no
nome do Señor
Cando se aproximaban a Xerusalén e
chegaron a Betfagué, ao pé do Monte das Oliveiras, mandou Xesús a dous
discípulos, dicíndolles:
‑ Ide á aldea que tendes aí de
fronte, e de seguida atoparedes unha burra atada e un burriño con ela;
ceibádeos e traédeos. Se alguén vos pregunta algo, respondédeslle que lle fan
falta ao Señor, e que de seguida llos mandará de volta.
Isto sucedeu para que se cumprise o
que fora dito polo profeta:
Dicídelle á filla de Sión:
Velaí o teu Rei que
vén onda ti,
humilde e montado
nunha burra,
nun burro, fillo de
animal de carga.
Foron os discípulos, e fixeron o que
Xesús lles mandara. Trouxeron a burra e mais o burriño, botáronlle enriba os
mantos, e Xesús montou. Moita xente estendeu os mantos no camiño; outros
cortaron ponlas das árbores, e estendéronas tamén no camiño. E a xente que ía
diante e mais os que o seguían gritaban:
‑Hosanna ao Fillo de David! Bendito
o que vén no nome do Señor! Hosanna nas
alturas!
E ao entrar en Xerusalén, toda a
cidade conmovida preguntaba:
‑ Quen é este?
A xente respondía:
‑ Este é o profeta Xesús, o de
Nazaret de Galilea.
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo
Primeira Lectura Is 50, 4-7
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Non apartei a miña
cara das increpacións, pero sei que non quedarei confundido
(Terceiro Canto do Servo do Señor)
(Terceiro Canto do Servo do Señor)
O Señor Deus concedeume lingua de discípulo,
para saber instruír o
cansado cunha palabra que o anime na mañá.
El espreguiza pola mañá o meu oído
para escoitar coma discípulo.
O Señor abriu o meu
oído,
e eu non me rebelei,
non me botei para atrás.
Ofrecín o lombo aos que me
azoutaban, e a miña cara aos que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña
cara dos insultos e das cuspiñadas.
Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto
avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me
avergonzarei.
Palabra do Señor R/. Grazas
a Deus
SALMO RESPONSORIAL Sal
21, 8-9. 17-18a. 19-20. 23-24
R/. (2a): Meu
Deus, meu Deus, por qué me abandonaches?
Todos os que me ven
fan burla de min,
torcendo os labios,
movendo a cabeza:
"Confiou no
Señor, que El o libre,
que El o salve, se é
que o ama".
Rodéanme mandas de
cans,
cércame un fato de
malvados,
tradearon as miñas
mans e os meus pés,
e podo contar os meus
ósos.
Reparten os meus
vestidos
e botan ás sortes o
meu manto.
Pero ti, Señor, non
esteas lonxe;
ti es a miña forza,
ven axiña axudarme.
Eu falareilles de ti
aos meus irmáns,
loareite no medio da
asemblea.
Servidores do Señor,
loádeo,
liñaxe de Xacob,
glorificádeo,
liñaxe de Israel,
temédeo.
Segunda Lectura Flp 2, 6-11
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Humillouse a si
mesmo, por iso Deus exaltouno
Irmáns:
Cristo Xesús, con ser de condición
divina,
non se agarrou con
cobiza ao seu ser igual a Deus;
senón que se espiu do
seu rango,
e asumiu a condición
de escravo,
feito en todo
semellante aos homes.
Presentándose coma un home calquera,
abaixouse a si mesmo,
facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
Por iso tamén Deus o exaltou sobre
todo
e lle concedeu un
nome que está por riba de todo outro nome,
para que ao nome de
Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e
mais no abismo,
e toda lingua
proclame que Xesús Cristo é o Señor
para gloria de Deus
Pai.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
VERSÍCULO
Flp 2, 8-9
Flp 2, 8-9
Cristo abaixouse a si
mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
Por iso tamén Deus o
exaltou sobre todo
e lle concedeu un
nome que está por riba de todo outro nome.
Evanxeo
PAIXÓN DO NOSO
SEÑOR XESÚS CRISTO - CICLO A
Mt 26, 14 -- 27, 66 (longa)
PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO MATEO
PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO MATEO
Canto me dades se volo entrego?
C. Naquel tempo, un dos Doce,
chamado Xudas Iscariote, foi onda os sumos sacerdotes e díxolles:
S. ‑ Canto me dades se volo entrego?
C. Eles acordaron darlle trinta
moedas de prata. E desde entón andaba buscando o momento axeitado para llelo
entregar.
Onde queres que che preparemos a Pascua?
C. No primeiro día dos Ácimos os
discípulos fóronlle preguntar a Xesús:
S. ‑ Onde queres que che preparemos a
cea pascual?
C. El respondeu:
+ ‑ Ide á cidade, á casa de fulano e
dicídelle: "O Mestre di: O momento está preto; vou celebrar a Pascua cos
meus discípulos na túa casa".
C. Os discípulos fixeron tal como
Xesús lles mandara e prepararon a Pascua.
Un de vós vaime
entregar
C. Chegado o solpor, púxose á mesa
cos Doce. E mentres ceaban díxolles:
+ ‑ Asegúrovos que un de vós me vai
entregar.
C. Moi tristes, empezaron a
preguntarlle un por un:
S. ‑ Non serei eu, Señor?
C. El respondeu:
+ ‑ Un que meteu comigo a man no
prato, ese entregarame. O Fillo do Home vaise, como está escrito del; pero ai
daquel que entrega ao Fillo do Home! Máis lle valía non nacer.
C. Entón Xudas, o que o ía entregar,
preguntoulle:
S. ‑ Non serei eu, Mestre?
C. Respondeulle:
+ ‑ Ti o dixeches.
Isto é o meu corpo. Isto é o meu sangue
C. Mentres estaban a comer, Xesús
colleu pan e, dando grazas, partiuno e déullelo aos seus discípulos, dicindo:
+ ‑ Tomade e comede: isto é o meu
corpo.
C. E collendo unha copa, dando grazas,
déullela dicindo:
+ ‑ Bebede todos dela. Que isto é o
meu sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos para o perdón dos pecados. E
asegúrovos que desde agora non volverei beber este produto da viña, ata o día
que beba convosco o viño novo no Reino do meu Pai.
C. Despois de cantaren os Salmos,
saíron para o Monte das Oliveiras.
Ferirei o pastor e dispersaranse as ovellas do rabaño
C. Entón díxolles Xesús:
+ ‑ Esta noite todos ides tropezar
na vosa fe por causa miña, conforme está escrito: Ferirei o pastor e
dispersaranse as ovellas do rabaño. Pero cando resucite, irei diante de vós a
Galilea.
C. Replicoulle Pedro:
S. – Aínda que todos tropecen pola
túa causa, eu si que non tropezarei.
C. Respondeulle Xesús:
+ ‑ Pois ti ten por seguro que esta
mesma noite, antes de que cante o galo, hasme negar tres veces.
C. Díxolle Pedro:
S. – Aínda que teña que morrer
contigo, endexamais te negarei.
C. E o mesmo dixeron todos os
discípulos.
Empezou a poñerse triste e a sentirse fondamente
angustiado
C. Entón chegou Xesús cos seus
discípulos a un terreo chamado Xetsemaní e díxolles:
+ ‑ Sentade aquí, mentres eu vou
orar.
C. E, levando consigo a Pedro e mais
aos dous fillos do Zebedeo, empezou a poñerse triste e a sentirse fondamente
angustiado. E díxolles:
+ ‑ Morro de tristura; quedade aquí,
e vixiade comigo.
C. E avantando un pouco, caeu rostro
en terra, mentres rogaba:
+ ‑ Meu Pai, se é posible, arreda de
min este cáliz. Pero non se faga o que eu quero, senón o que queres ti.
C. E, volvendo onda os discípulos,
atopounos durmindo. Díxolle a Pedro:
+ ‑ Non puidestes velar comigo nin
tan sequera unha hora? Estade á espreita e orade, para non entrardes na
tentación. O espírito está disposto, pero a carne é débil.
C. E arredándose de novo, por
segunda vez púxose a orar dicindo:
+ ‑ Meu Pai, se este cáliz non pode
pasar sen que eu o beba, fágase a túa vontade.
C. E, volvendo de novo, atopounos tombados,
porque lles caían os ollos co sono. Deixounos e arredouse de novo, e púxose a
orar por terceira vez, repetindo as mesmas palabras. Despois volveu onda os
seus discípulos e díxolles:
+ ‑ Conque aínda durmides e
descansades? Pois sabede que xa chega a hora e o Fillo do Home vai ser
entregado nas mans dos pecadores. Veña, erguédevos e vaiámonos, que xa está
aquí o que me vai entregar!
Suxeitaron a Xesús e prendérono
C. Aínda estaba Xesús falando aos seus
discípulos, cando chegou Xudas, un dos Doce, acompañado dun grupo de xente con
espadas e paus, que mandaran os sumos sacerdotes e os senadores do pobo.
O que ía entregalo déralles este
contrasinal:
S. ‑ A quen eu lle dea un bico, ese
é; prendédeo.
C. De seguida, achegouse a Xesús e
díxolle:
S. - "Saúde, Mestre!"
C. E bicouno. Xesús respondeulle:
+ ‑ Amigo, o que viñeches facer!
C. Entón adiantáronse, suxeitaron a
Xesús e prendérono.
Pero un dos que estaban con Xesús,
botando man á súa espada, desenvaiñouna, e feriu o criado do sumo sacerdote,
rabenándolle unha orella.
Entón Xesús díxolle:
+ - Volve a túa espada ao seu sitio,
pois todos os que levan espada, pola espada perecerán. Seica pensas que non
podo acudir a meu Pai? E el, agora mesmo, poñería á miña disposición máis de
doce lexións de anxos. Pero, como se ían entón cumprir as Escrituras, de que
así ten que suceder?
C. E naquela hora díxolle á xente:
+ ‑ Saístes prenderme con espadas e
paus, coma se fose un bandido. Ía a diario sentarme no templo ensinando, e non
me prendestes.
C. Todo isto aconteceu para que se
cumprise o que escribiron os profetas.
Entón todos os discípulos,
abandonándoo, fuxiron.
Ides ver como o Fillo do Home senta á dereita do
Todopoderoso
C. Os que prenderon a Xesús levárono
á casa de Caifás, o sumo sacerdote, onde estaban reunidos os letrados e mais os
senadores. Pedro seguiuno de lonxe ata o patio do sumo sacerdote e, entrando,
sentou cos criados para ver como acababa todo aquilo.
Os sumos sacerdotes e mais o
Sanedrín teimaban por encontrar algún falso testemuño contra Xesús para o
poderen condenar á morte. Pero non o atopaban por moitas falsas testemuñas que
comparecían. Á fin, viñeron dúas que dicían:
S. ‑ Este afirmou: podo destruír o
templo de Deus e reconstruílo en tres días.
C. Entón ergueuse o sumo sacerdote e
díxolle:
S. ‑ Non respondes nada? Que é o que
estes testemuñan contra ti?
C. Pero Xesús calaba, e o sumo
sacerdote díxolle:
S. ‑ Conxúrote polo Deus vivo que me
digas se ti es o Mesías, o Fillo de Deus.
C. Xesús contestou:
+ ‑ Ti o dixeches. E dígovos máis: A
partir de agora ides ver como o Fillo do Home senta á dereita do Todopoderoso e
vén entre as nubes do ceo.
C. Daquela o sumo sacerdote,
rachando os vestidos, exclamou:
S. ‑ Que necesidade temos de
testemuñas? Vós mesmos oístes a blasfemia. Que vos parece?
C. Eles responderon:
S. ‑ É culpable: merece a morte.
C. Entón cuspíronlle na cara e uns
déronlle unhas trompadas; outros zorregábanlle dicindo:
S. ‑ Cristo, ora, adiviña quen che
pegou!
Antes de que cante o galo hasme negar tres veces
C. Pedro estaba sentado fóra, no
patio. Acercouse a el unha criada e díxolle:
S. ‑ Ti tamén andabas con Xesús o
Galileo.
C. El negouno diante de todos:
S. ‑ Non sei de que me falas.
C. Ao saír cara ao portalón viuno
outra criada e díxolles aos que estaban alí:
S. ‑ Este andaba con Xesús de
Nazaret.
C. De novo volveu el negalo con
xuramento:
S. ‑ Non coñezo a ese home.
C. De alí a un pouco achegáronse os
presentes, dicíndolle a Pedro:
S. ‑ Si, ti tamén es deles;
descóbrete a túa mesma fala.
C. Entón el empezou a maldicir e a
xurar:
S. ‑ Que non coñezo a ese home!
C. E coa mesma cantou o galo. Pedro,
acordándose das palabras que dixera Xesús: "Antes de que cante o galo
hasme negar tres veces", saíu para fóra e chorou amargamente.
Entregaron a Xesús a Pilato, o gobernador
C. Ao raiar o día, todos os sumos
sacerdotes e mais os senadores do pobo celebraron consello contra Xesús, para
condenalo á morte. Amarrárono e fóronllo entregar a Pilato, o gobernador.
Non é lícito botalas no peto das ofrendas, xa que son
prezo de sangue
C. Entón Xudas, o traidor, ao ver
que o condenaran, cheo de remordementos, devolveulles as trinta moedas de prata
aos sumos sacerdotes e mais aos senadores dicindo:
S. ‑ Pequei entregando á morte un
inocente.
C. Eles contestaron:
S. ‑ E a nós que nos contas? Alá ti.
C. El, guindando as moedas no
templo, marchou, e foise aforcar. Os sumos sacerdotes, apañando as moedas,
dixeron:
S. ‑ Non é lícito botalas no peto
das ofrendas, xa que son prezo de sangue.
C. Entón, despois de deliberar,
compraron con elas o Agro do Oleiro, para enterrar nel os forasteiros. Por iso,
aquel agro chámase aínda hoxe o "Agro do sangue". Cumpriuse así o que
deixara escrito o profeta Xeremías:
"Colleron as trinta moedas de
prata, prezo co que taxaran a un home
(pois esa era a taxa que poñían os
fillos de Israel),
pagando así o Agro do Oleiro, tal
como mo mandara o Señor".
Es ti o rei dos xudeus?
C. Compareceu Xesús diante do
gobernador, que lle preguntou:
S. ‑ Es ti o rei dos xudeus?
C. Xesús contestou:
+ ‑ Ti o dis.
C. E aos cargos que lle facían os
sumos sacerdotes e mais os senadores, non respondeu nada. Entón preguntoulle
Pilato:
S. ‑ Seica non oes todo o que están
testemuñando contra ti?
C. Pero non respondeu a pregunta
ningunha, deixando ao gobernador moi estrañado.
Resulta que pola festa tiña o
costume de ceibar o preso que a xente lle pedise. Tiñan daquela un preso de
moita sona chamado Barrabás. Pilato dirixiuse ao pobo reunido:
S. ‑ A quen queredes que vos solte,
a Barrabás ou a Xesús, chamado o Cristo?
C. Pois el ben sabía que llo
entregaran por envexa.
Mentres estaba sentado no tribunal,
a súa muller mandoulle a dicir:
S. ‑ Deixa en paz a ese xusto, que
hoxe sufrín moito en soños por cousa del.
C. Pero os sumos sacerdotes e mais os
anciáns persuadiron á xente, para que reclamasen a Barrabás e acabasen con
Xesús. O gobernador insistiu:
S. ‑ A quen queredes que vos libere?
C. Eles dixeron:
S. ‑ A Barrabás.
C. Díxolles Pilato:
S. ‑ E que fago eu con Xesús,
chamado o Cristo?
C. E responderon todos:
S. ‑ Que o crucifiquen!
C. El replicou:
S. ‑ Pero, que mal fixo?
C. Pero eles berraban máis forte
dicindo:
S. ‑ Que o crucifiquen!
C. Vendo Pilato que non conseguía
nada, senón que, pola contra, o barullo ía a máis, tomou auga e lavou as mans
diante de todos dicindo:
S. ‑ Alá vós, eu non son responsable
deste sangue.
C. Todo o pobo respondeu dicindo:
S. ‑ Pois que recaia o seu sangue
sobre nós e sobre os nosos fillos.
C. Entón soltoulles a Barrabás, e a
Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.
Saúde, rei dos xudeus!
C. Os soldados do gobernador levaron
a Xesús ao Pretorio, e reuniron toda a compañía. Espírono, botáronlle enriba un
manto escarlata; e, trenzando unha coroa de espiños, puxéronlla na cabeza, e na
man dereita unha cana. Axeonllándose diante del, dicíanlle moqueándose:
S. ‑ Saúde, rei dos xudeus!
C. Cuspíanlle e coa canivela
dábanlle vergallazos na cabeza. Despois de faceren riso del, quitáronlle o
manto e puxéronlle a súa roupa e quitárono para fóra para o crucificar.
Crucificaron tamén con el dous bandidos
C. Ao saíren atoparon un home de
Cirene, chamado Simón; e obrigárono a levar a cruz de Xesús.
Cando chegaron a un lugar chamado
Gólgota, é dicir, lugar da Caveira, a Xesús déronlle de beber viño mesturado
con fel; el probouno, pero non o quixo beber. Despois de que o crucificaron,
repartiron os seus vestidos botándoos a sorteo e, estando alí sentados,
vixiábano.
Enriba da súa cabeza puxeron escrito
o motivo da súa condena: "Este é Xesús, o Rei dos Xudeus".
Crucificaron tamén con el dous
bandidos, un á dereita e outro á esquerda.
Se es Fillo de Deus, baixa da cruz
C. Os que pasaban por alí
insultábano, abaneando a cabeza e dicindo:
S. ‑ Ti que destrúes o templo e o
reconstrúes en tres días, sálvate e ti mesmo; se es Fillo de Deus, baixa da
cruz.
C. Do mesmo xeito, os sumos
sacerdotes, cos letrados e cos senadores, burlándose del dicíanlle:
S. ‑ Salvou a outros, pero non se
pode salvar a si mesmo. É rei de Israel; que baixe agora de cruz e creremos
nel. Confía en Deus; pois que Deus o salve agora, se tanto lle quere, xa que
dixo: "Son Fillo de Deus".
C. Tamén o aldraxaban os bandidos
que estaban crucificados con el.
Elí, Elí, lemá sabactaní?
C. Desde o mediodía, a escuridade
cubriu toda aquela terra ata as tres da tarde. E ao redor desta hora, clamou
Xesús e, con voz resoante, dixo:
+ ‑ Elí, Elí, lemá sabactaní?
C. Isto é: "Meu Deus, meu Deus,
por que me abandonaches?"
Algúns dos que estaban alí oíron e
comentaban:
S. ‑ Ese está chamando por Elías.
C. Inmediatamente un deles foi
correndo coller unha esponxa, enchoupouna de vinagre, espetouna nunha cana, e
dáballe de beber.
Pero os demais dicían:
S. ‑ Deixa, a ver se vén Elías
salvalo.
C. Logo Xesús, clamando outra vez
con voz resoante, entregou o espírito.
(Todos se
axeonllan, e faise unha pausa)
C. Entón o veo do Santuario rachou
en dous de arriba abaixo. Tremeu a terra, as rochas fenderon, e abríronse os
sepulcros. Moitos corpos dos santos que estaban mortos resucitaron. E despois
que el resucitou saíron dos sepulcros, entraron na cidade santa e
aparecéronselles a moitos.
O centurión e mais os que con el
gardaban a Xesús, vendo o terremoto e todo o que pasaba, dixeron aterrados:
S. ‑ Verdadeiramente este era o
Fillo de Deus.
C. Había alí, mirando desde lonxe,
moitas mulleres que seguiran a Xesús desde Galilea para servilo. Entre elas
estaba María Madalena, María a nai de Santiago e mais de Xosé, e a nai dos
fillos do Zebedeo.
Xosé puxo o corpo de Xesús no sepulcro novo
C. Á tardiña chegou un home rico de
Arimatea, chamado Xosé, que tamén era discípulo de Xesús. Foi onda Pilato e
pediulle o corpo de Xesús. Pilato mandou que llo entregasen.
Collendo o corpo envolveuno nunha
saba limpa e púxoo no seu propio sepulcro novo, que tiña cavado nunha rocha; e,
facendo rodar unha gran lousa na entrada do sepulcro, foise. Estaban alí María
Madalena e mais a outra María, sentadas fronte ao sepulcro.
Tendes a garda, ide, e vixiádeo como mellor saibades
C. Ao outro día, pasado o día da
Preparación, os sumos sacerdotes e mais os fariseos foron xuntos onda Pilato e
dixéronlle:
S. ‑ Señor, lembramos que aquel
embelequeiro, cando estaba vivo, dixo: "Resucitarei despois de tres
días". Así que manda que vixíen o sepulcro ata o terceiro día; non vaia
ser que cheguen os discípulos e o rouben e que lle digan á xente:
"Resucitou de entre os mortos". E así, a derradeira impostura sería
peor cá primeira.
C. Díxolles Pilato:
S. – Tendes a garda, ide, e vixiádeo
como mellor saibades.
Eles foron e selaron
a lousa, asegurando a vixilancia do sepulcro coa garda.
Palabra do Señor R/. Loámoste, Cristo
Ou máis breve: 27, 11-54
PAIXON DO NOSO
SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO MATEO
Es ti o rei dos xudeus?
C. Naquel tempo, compareceu Xesús
diante o gobernador, que lle preguntou:
S. ‑ Es ti o rei dos xudeus?
C. Xesús contestou:
+ ‑ Ti o dis.
C. E aos cargos que lle facían os
sumos sacerdotes e mais os senadores, non respondeu nada. Entón preguntoulle
Pilato:
S. ‑ Seica non oes todo o que están
testemuñando contra ti?
C. Pero non respondeu a pregunta
ningunha, deixando ao gobernador moi estrañado.
Resulta que pola festa tiña o
costume de ceibar o preso que a xente lle pedise. Tiñan daquela un preso de
moita sona chamado Barrabás. Pilato dirixiuse ao pobo reunido:
S. ‑ A quen queredes que vos solte,
a Barrabás ou a Xesús, chamado o Cristo?
C. Pois el ben sabía que llo
entregaran por envexa.
Mentres estaba sentado no tribunal,
a súa muller mandoulle a dicir:
S. ‑ Deixa en paz a ese xusto, que
hoxe sufrín moito en soños por cousa del.
C. Pero os sumos sacerdotes e mais os
anciáns persuadiron á xente, para que reclamasen a Barrabás e acabasen con
Xesús. O gobernador insistiu:
S. ‑ A quen queredes que vos libere?
C. Eles dixeron:
S. ‑ A Barrabás.
C. Díxolles Pilato:
S. ‑ E que fago eu con Xesús,
chamado o Cristo?
C. E responderon todos:
S. ‑ Que o crucifiquen!
C. El replicou:
S. ‑ Pero, que mal fixo?
C. Pero eles berraban máis forte
dicindo:
S. ‑ Que o crucifiquen!
C. Vendo Pilato que non conseguía
nada, senón que, pola contra, o barullo ía a máis, tomou auga e lavou as mans
diante de todos dicindo:
S. ‑ Alá vós, eu non son responsable
deste sangue.
C. Todo o pobo respondeu dicindo:
S. ‑ Pois que recaia o seu sangue
sobre nós e sobre os nosos fillos.
C. Entón soltoulles a Barrabás, e a
Xesús, despois de o mandar azoutar, entregouno para que o crucificasen.
Saúde, rei dos xudeus!
C. Os soldados do gobernador levaron
a Xesús ao Pretorio, e reuniron toda a compañía. Espírono, botáronlle enriba un
manto escarlata; e, trenzando unha coroa de espiños, puxéronlla na cabeza, e na
man dereita unha cana. Axeonllándose diante del, dicíanlle moqueándose:
S. ‑ Saúde, rei dos xudeus!
C. Cuspíanlle e coa canivela
dábanlle vergallazos na cabeza. Despois de faceren riso del, quitáronlle o
manto e puxéronlle a súa roupa e quitárono para fóra para o crucificar.
Crucificaron tamén con el dous bandidos
C. Ao saíren atoparon un home de
Cirene, chamado Simón; e obrigárono a levar a cruz de Xesús.
Cando chegaron a un lugar chamado
Gólgota, é dicir, lugar da Caveira, a Xesús déronlle de beber viño mesturado
con fel; el probouno, pero non o quixo beber. Despois de que o crucificaron,
repartiron os seus vestidos botándoos a sorteo e, estando alí sentados,
vixiábano.
Enriba da súa cabeza puxeron escrito
o motivo da súa condena: "Este é Xesús, o Rei dos Xudeus".
Crucificaron tamén con el dous
bandidos, un á dereita e outro á esquerda.
Se es Fillo de Deus, baixa da cruz
C. Os que pasaban por alí insultábano,
abaneando a cabeza e dicindo:
S. ‑ Ti que destrúes o templo e o
reconstrúes en tres días, sálvate e ti mesmo; se es Fillo de Deus, baixa da
cruz.
C. Do mesmo xeito, os sumos
sacerdotes, cos letrados e cos senadores, burlándose del dicíanlle:
S. ‑ Salvou a outros, pero non se
pode salvar a si mesmo. É rei de Israel; que baixe agora de cruz e creremos
nel. Confía en Deus; pois que Deus o salve agora, se tanto lle quere, xa que
dixo: "Son Fillo de Deus".
C. Tamén o aldraxaban os bandidos
que estaban crucificados con el.
Elí, Elí, lemá sabactaní?
C. Desde o mediodía, a escuridade
cubriu toda aquela terra ata as tres da tarde. E ao redor desta hora, clamou
Xesús e, con voz resoante, dixo:
+ ‑ Elí, Elí, lemá sabactaní?
C. Isto é: "Meu Deus, meu Deus,
por que me abandonaches?"
Algúns dos que estaban alí oíron e
comentaban:
S. ‑ Ese está chamando por Elías.
C. Inmediatamente un deles foi
correndo coller unha esponxa, enchoupouna de vinagre, espetouna nunha cana, e
dáballe de beber.
Pero os demais dicían:
S. ‑ Deixa, a ver se vén Elías
salvalo.
C. Logo Xesús, clamando outra vez
con voz resoante, entregou o espírito.
(Todos se
axeonllan, e faise unha pausa)
C. Entón o veo do Santuario rachou
en dous de arriba abaixo. Tremeu a terra, as rochas fenderon, e abríronse os
sepulcros. Moitos corpos dos santos que estaban mortos resucitaron. E despois
que el resucitou saíron dos sepulcros, entraron na cidade santa e
aparecéronselles a moitos.
O centurión e mais os que con el
gardaban a Xesús, vendo o terremoto e todo o que pasaba, dixeron aterrados:
S. ‑ Verdadeiramente este era o
Fillo de Deus.
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo
DOMINGO
DE RAMOS CICLO A
Que os ramallos non nos impidan ver a realidade
Que os ramallos non nos impidan ver a realidade
MONICIÓN PARA O COMEZO (faise fóra, onde se
bendigan os ramos)
Reunidos como comunidade cristiá, comezamos a nosa
celebración do domingo de Ramos. Coma Xesús, tamén nós queremos pomos en camiño
para ir a Xerusalén. E dicir, queremos vivir, compartir e celebrar os grandes
acontecementos da nosa fe, para poder chegar ao final: á pascua, e participar
comunitariamente do renacer esperanzado da vida, do abrirnos ao cambio, ao
esforzo, ao traballo por facer as cousas máis fáciles a cantos comparten con
nós tempo, vida, preocupacións e proxectos. Dispoñámonos a participar de xeito
activo e gozoso. e entoemos xuntos o moito me alegrei dos que queremos ir á
casa do Señor.
REMUÍÑO
Na celebración de hoxe, a bendición dos Ramos quere
ser símbolo da necesaria acollida que debemos prestar a cantos se achegan as
nosas comunidades; ou mesmo a nós, buscando ser escoitados
e axudados. Neste momento podemos ir facendo un
esforzo por revisar cáles son as nosas actitudes, e
ver se
verdadeiramente estamos a responder ao seguimento de Xesús. El foi capaz de
poñerse a disposición de todos, darse e entregarse, e sempre buscando facer
moito máis agradable a vida dos demais. Tamén nós hoxe somos invitados a mirar
á persoa de Xesús para, como El, sufrir con quen sufra e gozar con quen goza.
En palabras de hoxe, Xesús tiña verdadeira empatía cos demais, coñecia o que
era poñerse no sitio do outro.
El, que non recuou ao chegar a
Xerusalén, ten que ser para nós a luz e a forza para que non nos deixemos levar
da tentación de recuar tamén nós cardo teñamos que afrontar situacións
difíciles, tanto para nós como para os demais. Estar permanentemente en camiño
debera ser un xeito de asumir a vida, de ver e facer as cousas perdendo medos e
asumindo causas que poden levar a outros a ser máis felices
a un vivir moito máis humano. Fixémonos Nel e poñámonos a andar dunha
vez. Se El quere seguir entrando nas moitas Xerusalén que hoxe hai ao noso
redor; Xerusalén nas que tantas persoas, coñecidas ou non, son levadas ao
sufrimento e á dor: enfermos, empobrecidos, esquecidos, nenos sen atención por
parte dos seus pais, nenos utilizados como se foran "cousas", maiores
vivindo en soidade... camiñemos sen présa cara esa Xerusalén que non se queda
na morte a na dor, senón que se transforma en experiencia de renovación gozosa
e chea de esperanza. Que esta semana que hoxe comeza nos leve a poder,
sabéndonos acompañados de Xesús, chegar xuntos e comprometidos con toda causa
xusta á Pascua da resurrección e da vida.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Porque
queremos camiñar cara Xerusalén, non para quedarnos no externo do camiño de
Xesús, senón para avanzar na renovación da nosa vida e das nosas actitudes e
valores, digamos xuntos:
QUE A TUA BENDICIÓN RENOVE
A NOSA VIDA
Bendice,
Señor, este mundo tan dividido e enfrontado, por non saber abrirnos a escoitar
e a acoller a quen pensa distinto a nós. Oremos.
QUE A TUA BENDICIÓN RENOVE
A NOSA VIDA
Bendice,
Señor, a túa Igrexa, para que venza a tentación da influencia e da imposición,
para converterse en casa de acollida e fermento de fraternidade. Oremos.
QUE A TUA BENDICIÓN RENOVE
A NOSA VIDA
Bendice,
Señor, as nosas comunidades, para que saibamos vivir o amor, sincero e
desinteresado, no compromiso pola xustiza e a solidariedade, especialmente cos
pobres, os que sofren, os que son desprazados e silenciados. Oremos.
QUE A TÚA BENDICIÓN RENOVE
A NOSA VIDA
Bendice,
Señor, a cantos hoxe quixemos poñernos en camiño para ir á Xerusalén da entrega
xenerosa e desinteresada das nosas vidas a favor dunha maior e mellor comuñón
entre todos nós. Oremos.
QUE A TÚA BENDICIÓN RENOVE
NOSA VIDA
Señor,
que saibamos camiñar acompañados pola túa bendición na nosa tarefa de facer do
mundo a casa onde ninguén sexa rexeitado. Por Xesucristo o noso Señor. Amén.
PRESENTACIÓN
DOS SIGNOS-OFERTORIO
*
No
momento do ofertorio achégase ao altar unha cruz, a poder ser un pouco grande,
que poñeremos diante do altar. Adornaremos a cruz con flores —o amor— e ramos
de oliveira —a paz-. Con iso quérese expresar que Xesús entra en Xerusalén e é
aclamado porque nel recoñécese a Aquel que desde o amor, nos ven traer a paz.
*
Tamén
podemos por ao pé do altar un cartel, o suficientemente grande, con imaxes
alusivas ás celebracións da Semana Santa que se van realizar na parroquia,
xunto aos respectivos horarios.
REFLEXIÓN
A entrada antitriunfal do Mesías
en Xerusalén
Xa se chegan ás portas da cidade. É o derradeiro
tramo, e Xesús quixo percorrelo montado nunha burra, coma un humilde peregrino
que entra en Xerusalén desexando a todos a paz. Neste momento, contaxiados polo
aire de festa da Pascua e alporizados pola expectación da pronta chegada do
Reino de Deus, no que tanto insistía Xesús, comezan a aclamalo.
Algúns cortan uns poucos ramallos
que van crecendo á beira do camiño, outros botan as súas túnicas no chan cando
vai pasando. Expresan a súa fe no Reino de Deus e o seu agradecemento a Xesús.
Non é unha recepción solemne organizada para recibir a
un persoeiro ilustre e poderoso, é unha homenaxe espontánea dos discípulos e
seguidores que veñen con El. Segundo se nos di, os que o aclaman son peregrinos
que "ían diante Del" ou que "o seguían" .Probablemente o
seu berro debeu ser este: "Hosanna! Bendito o que ven no nome do
Señor!".
O xesto de Xesús era seguramente intencionado. A súa
entrada en Xerusalén montado nunha burra dicta máis que moitas palabras. Xesús
busca un reino de paz e xustiza para todos, non un imperio construido con
violencia e opresión.
Montado nunha burra, aparece diante daqueles
peregrinos coma un profeta, portador dun orde novo e diferente, oposto ao que
impuñan os xerais romanos, montados sobre cabalos de guerra. A súa humilde
entrada en Xerusalén convértese en sátira e burla das entradas triunfais que
organizaban os romanos para tomar posesión das cidades conquistadas. (José
Antonio Pagola, Jesús )
CANTOS
OFERTORIO:
GRACIAS,SEÑOR,GRACIÑAS.
CANTO E REZO DO NOSO PAI:
NO
CAMIÑO DO AMOR.
CANTO DA PAZ:
FAGAMOS
A PAZ, IRMÁNS
CANTO DA COMUÑÓN:
POWER POINTS
Comentarios
Publicar un comentario